As 'mareas' reinvidican o seu peso e espazo municipal oito anos despois de chegar ao poder

María Rozas, na presentación da candidatura de Compostela Aberta, o pasado 25 de abril © CA

Este 28M o espazo das mareas concorre de forma unitaria nalgúns lugares e disgregado noutros, nunha dinámica que xa se produciu hai catro anos

No ano 2015 as candidaturas municipalistas galegas obtiveron un grande éxito nas eleccións locais, nomeadamente nas cidades da Coruña, Compostela e Ferrol, onde Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común chegaron á Alcaldía. Catro anos despois, as mareas perderon as Alcaldías das tres cidades coruñesas, dando inicio a un ciclo electoral no que este espazo político viu diminuír de forma importante a súa representación nas eleccións xerais e tamén no Parlamento galego, onde Galicia en Común ficou fóra da cámara.

As eleccións do vindeiro 28 de maio abren un novo ciclo electoral no que o espazo que nos últimos anos se presentou baixo as marcas de AGE, En Marea, Galicia en Común, Unidas Podemos e as distintas formulacións locais das mareas municipalistas chega con moitas dúbidas sobre as súas fronteiras, compoñentes e denominacións, á espera da resolución a nivel estatal do actual proceso nucleado ao redor de Sumar.

Hai unidade en Compostela, Vigo, Ourense ou Lugo, pero non en Ferrol e, sobre todo, na Coruña, onde se enfrontan Marea Atlántica e Por Coruña (coalición de Podemos e Esquerda Unida)

De momento, este 28M o espazo das mareas concorre de forma unitaria nalgúns lugares e disgregado noutros, nunha dinámica que xa se produciu hai catro anos. Hai máis unidade nas cidades, iso si, tanto en Compostela (baixo a fórmula de Compostela Aberta), Vigo (coa candidatura Podemos-Marea de Vigo) e Ourense (cun Agora Ourense que reúne a Podemos, Esquerda Unida, Ourense Mellor, Verdes Equo, Recortes Cero e Alianza Verde). Ademais, en Lugo Esquerda Unida e Podemos forman por vez primeira unha coalición e en Pontevedra só se presenta Podemos.

Pola contra, finalmente non houbo acordo en Ferrol, onde Podemos competirá con Ferrol en Común (onde si participan Esquerda Unida e Anova), a pesar de que inicialmente a formación morada aceptara incluírse na candidatura liderada por Jorge Suárez. E tampouco na Coruña, onde por unha banda se presenta a Marea Atlántica e pola outra a coalición Por Coruña, que agrupa a Podemos e Esquerda Unida.

Podemos preséntase en solitario ou con Alianza Verde en 23 concellos, Esquerda Unida está presente coas súas siglas en solitario en 8. E os dous partidos aparecen como coalición noutras 4 localidades

Cómpre lembrar que no ano 2019 a fragmentación das mareas en Lugo, Ourense e Pontevedra deixou estas listas sen representación nestas cidades. Isto foi así a pesar de obter máis do 10% dos votos en Lugo (o 3,95% de Podemos, o 3,29% de Lugonovo e o 2,75% de ACE-EU-Equo), de superar o 8% en Ourense (o 3,67% de Ourense en Común, o 2,63% de Podemos-EU e o 1,97% de Ourense Mellor) e de sumar máis do 6% en Pontevedra (o 3,6% da Marea de Pontevedra e o 3,04% de Podemos-EU-Son en Común). Nestas tres cidades nesta ocasión só se presenta unha lista en representación deste espazo.

Outra das cuestións que marcan as candidaturas deste espazo é a renovación das súas caras máis visibles. Jorge Suárez repite como candidato en Ferrol e Rubén Pérez faino tamén en Vigo, pero hai cambios na Marea Atlántica con Xan Xove como candidato e unha lista completamente renovada na que non repite ningún dos actuais edís. José Manuel Sande, concelleiro de cultura entre 2015 e 2019 coa Marea, lidera agora a lista de Por Coruña. 

Xan Xove e José Manuel Sande son os candidatos de Marea Atlántica e Por Coruña ©

Tamén hai cambio en Compostela Aberta, con María Rozas como candidata a alcaldesa de Santiago. Tamén hai caras novas encabezando a lista de Podemos-Esquerda Unida en Lugo, con Chus Rodríguez como número 1 e en Ourense Mellor, con Toño Naval como candidato á Alcaldía. En Pontevedra Luísa Lores, militante de Esquerda Unida que formou parte da Marea de Pontevedra ata a súa diolución, encabeza a lista presentada por Podemos.

Fóra das cidades

Fóra das cidades a análise complícase. Podemos preséntase en solitario ou con Alianza Verde en 23 concellos; ademais dos devanditos Ferrol ou Pontevedra, aparecen nesta lista Teo, Nigrán, O Carballiño, Sada, Baiona, Padrón, Sanxenxo, Mos, Viveiro, Carballo, O Grove, Arteixo, Cangas, Cambre ou Ames. 

Ademais, forma coalición con Esquerda Unida noutras catro localidades: as xa mencionadas A Coruña e Lugo e tamén en Ponteareas e Laxe. De igual xeito, Esquerda Unida está presente coas súas siglas en solitario en oito concellos: Vilagarcía de Arousa, Nigrán, O Grove, Cangas, O Porriño, Boiro, Fene e Mugardos. E Anova preséntase coa súa marca en Val do Dubra.

En 2019, estas candidaturas acadaron a Alcaldía na Pobra do Caramiñal, Teo, Cangas e Sada, onde hai uns meses Benito Portela (Sadamaioría) foi desaloxado a través dunha moción de censura impulsada por tránsfugas

Hai mareas municipais unitarias na Pobra do Caramiñal (Nós Pobra) e Noia (Marea de Noia), ademais de en Compostela, Vigo e Ourense. Despois da moción de censura que desaloxou a Benito Portela (Sadamaioría) da Alcaldía en Sada, os únicos concellos nos que o espazo das mareas goberna son, precisamente, A Pobra do Caramiñal (co alcalde Xosé Lois Piñeiro, que repite á fronte), Teo -onde se presenta o Proxecto Común de Teo, unha candidatura desta volta encabezada pola concelleira María López Maló-, e mais en Cangas, onde a alcaldesa Victoria Portas, que en xaneiro de 2021 substituíu o finado Xosé Manuel Pazos, preséntase este 28M coa marca Alternativa dos Veciños, que remuda a anterior Alternativa Canguesa de Esquerdas.

Presentación da candidatura de Ferrol en Común © FeC

Hai, ademais candidaturas municipais que podemos identificar con este espazo político, con máis ou menos matices, en Ribadavia (Ribeiro en Común), Boiro (Boiro Novo), A Estrada (Movemento Veciñal Estradense), Vilalba (Vilalba Aberta), Gondomar (Manifesto Miñor), Neda (Moveneda) ou Salceda de Caselas (Movemento Salceda), entre outros concellos.

Hai algúns concellos, iso si, nos que algunha destas candidaturas municipalistas competirán con listas de Podemos (como Teo ou Sada) ou Esquerda Unida (Boiro). En Cangas atopamos mesmo as listas separadas de Podemos, de Esquerda Unida e de Alternativa dos Veciños. A competición por forzas ideoloxicamente próximas dáse tamén entre Podemos e Esquerda Unida, que presentan listas separadas en Vilagarcía de Arousa ou Nigrán.

Interior Galego Vivo

Ademais, formacións asinantes de Interior Galego Vivo presentan listas municipais en dez localidades

Máis lonxe deste espazo, pero con afinidade ideolóxica en moitos aspectos, formacións locais asinantes do manifesto de Interior Galego Vivo presentan listas municipais (ás veces coa marca de Interior Galego Vivo ou Concellos de Interior con Futuro) en dez localidades: Touro, Chantada, Laza, Monforte, Portomarín, Chandrexa de Queixa, Sober, Folgoso do Courel, Viladervós e Monterrei.

Acto da Marea de Vigo © Marea de Vigo
Benito Portela, na presentación da candidatura de Sadamaioría, o pasado 16 de abril © Sadamaioría

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.