Borja San Ramón é dende o pasado decembro coordinador nacional de Podemos Galicia. Tras apenas dous meses no cargo, o tamén candidato ás eleccións municipais en Ferrol asegura que a dirección que encabeza ten o obxectivo de que a formación traballe con "vocación de continuidade" alén dos procesos electorais. Asegura que as "políticas concretas" impulsadas por Unidas Podemos no Goberno de España dende 2019 poden "mobilizar voto" cara ao partido nun contexto no que confía no acordo coa plataforma Sumar, de Yolanda Díaz, para os comicios xerais deste ano.
Leva apenas dous meses como coordinador nacional de Podemos en Galicia. Que balance fai? Atopou máis construído ou máis por construír na estrutura do partido?
O que nos atopamos é a organización en ebulición. Prevendo o novo ciclo electoral fixéronse primeiro unhas primarias municipais e o proceso interno para elixir a nova dirección galega. O primeiro que nos puxemos a facer é dar soporte a toda a xente que se quere presentar nas vilas e cidades do país e ofrecerlles a organización para poder ter as mellores candidaturas posibles e reforzar os gobernos de esquerda, de transformación e progreso alí onde están e tentar acadar outros novos coa capacidade que teñamos de atraer voto.
Encaran ese ciclo electoral coa súa marca máis presente que nos anteriores, especialmente no eido municipal, con vostede mesmo como candidato en Ferrol. Suma ou resta?
"Podemos ten que estar no próximo ciclo político non por sigas, senón porque a xente identifica as nosas políticas que defenden as maiorías sociais"
O ciclo político anterior está pechado e non debemos perdernos demasiado nestes cousas que nos gustan na esquerda, as autorreferencias, as cousas que poden mover sentimental e politicamente ás militancias de progreso... Temos que buscar novos ítems, novas sensibilidades. Dicimos que Podemos ten que estar no próximo ciclo político por unha cuestión que non é de siglas, senón porque somos a organización, sobre todo dende 2019, que ten demostrado políticas concretas como a suba do salario mínimo; a xente identifica as nosas políticas que defenden as maiorías sociais, que somos capaces de poñer en axenda cuestións que ata agora era difícil que saísen adiante, asuntos como o prezos dos alimentos ou o tope do gas, que nos dicían que non tiñamos nin idea e agora vemos a ministra Teresa Ribera sacar peito sobre a medida. A xente identifica a nosa forza política con estas cuestións. Que a nosa marca estea, os nosos candidatos e o noso programa estean pode mobilizar votos.
Non cre que pode inducir á confusión a respecto da xeira das mareas municipais, que apoian nalgúns casos e noutros non?
A nosa organización en Galicia pode funcionar como fío condutor de todas estas cuestións. Podemos Galicia é a única forza de transformación e do espazo de ruptura que está colaborando activamente con candidaturas municipalistas, con outros partidos a nivel galego e tamén formulando as súas propias candidaturas. Nós podemos facer un traballo de fío condutor para que haxa unha maior identificación das políticas concretas, que é o que interesa máis alá das candidaturas.
As eleccións municipais son as máis inmediatas pero inmediatamente despois virán as xerais. Ata que punto Podemos en xeral e Podemos Galicia en particular están á espera de Sumar?
"Estamos convencidos de que o proxecto de Sumar, con Yolanda Díaz á cabeza, vai conseguir os mellores resultados para o noso espazo político; o noso obxectivo é que sexa presidenta con Irene Montero e Ione Belarra como vicepresidentas"
Podemos Galicia está centrado nas municipais. Pero esta reflexión dos proxectos ten que ir máis alá. Unha das cousas que a nosa executiva ten que facer é saír do carril curto. As convocatorias electorais están ben e teñen que servir para poñer en valor as políticas públicas que facemos cando temos capacidade de condicionar lexislación e gobernar, pero temos que traballar proxectos con vocación de continuidade que vaian máis alá dunha papeleta. Interésanos que haxa o mellor proxecto político nesas eleccións empurraremos por que Galicia e a axenda galega estea representadas nese proxecto político.
O que sempre digo é que o que nos interesa é gobernar, porque a diferenza doutras forzas políticas nacemos con esa vocación de goberno; non temos ningún problema en asumir as contradicións que supón gobernar. Ás veces hai que facer renuncias dolorosas, pero podemos facelas se significa que podemos sacar adiante políticas que melloran a vida da xente. Hai un histórico da esquerda no que algunha xente está moi cómoda na oposición, sendo moi coherente co 100% do seu programa electoral pero que significa non conseguir absolutamente nada, nin unha soa medida para mellorar a vida da xente. Iso é o que nos interesa e estamos convencidos de que o proxecto de Sumar, con Yolanda Díaz á cabeza, vai conseguir os mellores resultados para o noso espazo político; o noso obxectivo é que Yolanda Díaz sexa a nosa presidenta e que Irene Montero e Ione Belarra sexan as súas vicepresidentas.
Que destacaría da achega de Podemos ao Goberno de España que impactase en Galicia?
As medidas que se toman impactan directamente en Galicia. Coa lei da reforma laboral hai máis persoas traballando, coa suba do salario mínimo hai unhas cen mil persoas que ven incrementados os seus ingresos; coa indexación das pensións ao IPC hai moitas persoas en Galicia que ven a súa pensión revalorizada e teñen máis capacidade de afrontar os tempos que vivimos. Hai medidas que teñen que ver cos nosos traballos no Goberno de coalición que impactan directamente en Galicia e por iso Galicia está mellor agora do que estaba cos anteriores gobernos do PP.
A lei de liberdade sexual está marcando a fin da lexislatura. Se dependese unicamente de Podemos manterían o texto intacto ou, en todo caso, ven preferible introducir modificacións e preservar o Goberno de coalición ata o remate do mandato?
"Hai unha problemática [coa lei de liberdade sexual], abordémola e deámoslle solución sen tocar o consentimento, algo polo que centos de miles de mulleres se botaron á rúa e que é o corazón da lei"
Remítome á nosa ministra de igualdade. Nós estamos preocupadas polo que está facendo unha minoría de xuíces no Estado. Isto non é algo que pase con esta lexislación, tamén pasou coa lei contra a violencia de xénero, con xuíces que tentan facer política no canto de aplicar o espírito da lei. Máis alá diso, o que nos preocupa é que o Ministerio de Igualdade formulou seis propostas distntas ao PSOE para abordar a problemática concreta, que loxicamente nos preocupa, e o PSOE fixo ouvidos xordos. Agora nos atopamos cun marco no que o PSOE presenta unha modificación que supón volver á lexislación anterior, que é o que queren PP e Vox. Preocúpanos, cremos que o Partido Socialista ten que sentar e abordar a situación para darlle solución. E unha das cousas que nós tamén dicimos é que máis alá das conxunturas, o Goberno de coalición é positivo para este Estado. Hai unha problemática concreta que hai que solucionar, que senten as partes do Goberno e as forzas que o apoian e abordémola sempre tendo en conta que non se pode tocar a cuestión do consentimento, que foi algo polo que centos de miles de mulleres se botaron á rúa e que é o corazón desta lexislación. A partir de aí, que se busquen as solucións acaídas.