Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) debuta como candidato nunhas eleccións galegas como cabeza de cartel de Galicia en Común, a alianza de Podemos Galicia con Esquerda Unida, Anova e mareas locais como Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común. Tras uns meses marcados pola crise do coronavirus que, no seu caso, o levou a gardar corentena por contraer a doenza, Gómez-Reino reitera a súa convicción de que o 12X o cambio político se pode xogar por "dez ou quince mil votos". Para logralo, mantén, o mellor é que a súa propia candidatura subliñe, xunto a PSdeG e BNG, que as tres formacións estarían dispostas a formar un Executivo de coalición, "un goberno que se vai parecer máis á Galicia real, que é plural e aberta", que os gabinetes do PP presididos por Alberto Núñez Feijóo na última década.
Reiteran nos seus actos electorais que o cambio de Goberno se vai decidir por uns poucos milleiros de votos. Son esas cousas que se din en campaña para inxectar ánimo nas bases ou manexan datos que o indican?
O que din os datos dos últimos procesos electorais é que o noso país votou clarisimamente unha maioría ampla do bloque dos partidos progresista e de esquerda e nas últimas dúas autonómicas, Feijóo e o PP gañaron por uns miles de votos: algo máis de 15.000 e algo máis de 30.000. Agora mesmo, ademais, e mesmo entendendo que as enquisas nunha situación como a actual é máis difícil medir o pulso, indican que como máximo hai unha diferenza dun ou dous puntos entre o bloque dos tres partidos chamados a gobernar se hai cambio progresista e o PP. Iso significa dez ou quince mil votos. É moi importante que o votante progresista saiba que o cambio vai depender de moi poucos votos e ademais é moi probable que haxa escanos de Galicia en Común en xogo co PP.
Pero as enquisas publicadas viñeron dicindo que a dúbida é como de grande será a absoluta de Feijóo e tamén que Galicia en Común sería cuarta forza. Como o interpreta, tendo en conta que o que coñecemos como esquerda rupturista foi segunda forza hai catro anos?
Vimos dun proceso de maduración que, a ninguén se lle escapa, foi controvertido. Agora somos unha forza que senta no Consello de Ministros cunha ministra que está sendo unha peza fundamental para que o Goberno de coalición no Estado faga políticas a favor das maiorías. E polo que din as enquisas, o noso espazo electoral ten que asentarse. Polo demais, para nós o fundamental nestas eleccións é ser claves para acabar co decenio terrible de Feijóo e do PP e estar coa máxima forza posible no próximo Goberno galego, para que non sexa continuísta de ningunha forma.
Nesta campaña, vostede lanzou varias mensaxes en clave de entendemento co PSdeG e BNG, mesmo ofrecendo pactaren xa un decálogo de medidas para gobernar. Por que razón?
"O principal escollo que temos a xente de esquerda é o relato, tan ben instalado por parte da dereita, de que Feijóo e o PP son invencibles. Porque, ademais, é falso"
Cadaquén vén de onde vén e eu, veño dunha cultura política na que me sinto moi cómodo emprazando o resto de forzas progresistas a dar pasos en común. Creo que, no país, o principal escollo que temos a xente de esquerda é o relato, tan ben instalado por parte da dereita, de que Feijóo e o PP son invencibles. E ademais é un relato falso, porque Galicia demostrou que ao PP lle queda moi pouco poder político, porque perdeu moito no ámbito municipal e nas deputacións e o único poder forte que lle queda é a Xunta. O mellor para romper ese relato e activar de forma clara o voto progresista é dar sinais moi claros entre Galicia en Común e eu mesmo, Ana [Pontón] e o BNG e Gonzalo [Caballero] e o PSdeG non só de entendemento, senón de que propoñemos á sociedade galega un horizonte compartido.
Ese entendemento non foi posible nas cidades onde gobernaron as mareas…
Naquel momento, cadaquén tomou as súas decisións e o Partido Socialista decidira manterse fóra. Pero creo que, agora mesmo, nun contexto histórico coa dereita e a extrema dereita nunha contraofensiva e máis aínda no tempo post-covid, a sociedade quere horizontes e certezas. E o lóxico é que dende Galicia en Común, PSdeG e BNG ofrezamos un cambio con certezas, consolidado. Os cambios que hai que acometer dende o próximo Goberno da Xunta son estruturais e para iso é preciso un Goberno sólido e cunha forza parlamentaria e social suficiente.
Na campaña tamén está a facer moito fincapé nas medidas aprobadas dende o Goberno central, como o ingreso mínimo vital. Como o farían compatible coa Risga? A lei de inclusión do ano 2013 impídeo...
"Propoñemos unha Renda Garantida de Cidadanía compatible co IMV de ata 950 euros"
Como fixeron xa todos os Gobernos serios no conxunto do Estado. Vimos de dez anos de ausencia de competencias cun Goberno que apenas lexislou, non compareceu, nin sequera “necesita mellorar”. Outros gobernos, nin sequera todos do noso signo político, como o vasco, xa lanzaron medidas de combate da desigualdade que, como xa avanzaron José Luis Escrivá e Pablo Iglesias, son compatibles [co IMV]. Nós propoñemos unha Renda Garantida da Cidadanía Galega compatible co ingreso mínimo vital que garanta para a xente cunha situación máis complicada ata os 950 euros, que é o salario mínimo interprofesional.
Tamén poñen o acento na sanidade. Que podería facer un eventual Goberno da esquerda para, por exemplo, atender ás demandas das enfermeiras eventuais? Implica reorganizacións, pero tamén orzamento.
Todo o mundo, mesmo organizacións de gobernanza financeira global non sospeitosas de ser de esquerdas, asumen que a saída da crise do coronavirus non vai ser pola vía de adelgazar o gasto público. Imos saír cunha importante mobilización de recursos, como todas as democracias avanzadas en momentos de crise económica e social. Iso ten que facelo o próximo Goberno galego. Sobre a sanidade pública, é unha demanda maioritaria da cidadanía que a reforcemos e iso pasa por consolidar os postos de traballo de persoal que leva dez anos con contratos de días en diferentes ámbitos profesionais do Sergas. É lacerante que o Sergas se convertese na maior empresa de traballo temporal do noso país. E ademais, reverter procesos de privatización en áreas como a de Vigo, onde hai que desandar ese proceso.
"É unha demanda maioritaria que reforcemos a sanidade pública e iso implica consolidar postos de traballo de persoal que leva dez anos con contratos de días. É lacerante que o Sergas se convertese na maior ETT do país"
Outro dos retos inmediatos do Executivo que saia das urnas é o curso escolar. Reducirían o número de estudantes por aula se están no Goberno para evitar contaxios do coronavirus?
Hai que dignificar a tarefa do persoal da educación pública. Chama poderosamente a atención que o Goberno do señor Feijóo insistise en rexeitar recursos do Goberno do Estado para a materia educativa; hai que poñerse ao servizo das demandas do profesorado, que leva moito tempo dicindo que hai que reducir as ratios.
Durante a campaña están a sinalar que a intención do actual presidente e candidato á reelección polo PP é marchar a Madrid, pero o PP respóndelle que quen está en Madrid é vostede, que é deputado no Congreso. Que lles respondería?
Eu xa dixen que a miña historia en Madrid está pechada e vou deixar a acta nos próximos días.
Tamén houbo lecturas durante esta carreira electoral que apuntan a que ás forzas que integran o Goberno de España non lles viría mal que Feijóo continúe gobernando en Galicia. Como o interpreta?
"Eses medios de ámbito estatal que dan a entender que Feijóo é o PP bo, redundan nun descoñecemento absoluto de Feijóo e de Galicia e trabúcanse, porque a posibilidade de que a dereita retome o poder no Estado pasa por Feijóo"
No noso espazo político hai un consenso total e absoluto sobre que Galicia sempre foi clave nos cambios políticos: na primavera municipalista, na entrada do espazo do cambio no Congreso… e tamén cunha ministra galega. Temos a total percepción de que o que nos xogamos agora en Galicia é tamén consolidar o ciclo de gobernos progresistas no Estado. Todos eses medios de ámbito estatal que dan a entender que Feijóo é o PP moderado, o PP bo, redundan nun descoñecemento absoluto non só do propio Feijóo, senón tamén da Galicia do ano 2020. Trabúcanse profundamente e, como dicía o domingo Pablo Iglesias, o proxecto político non só de Feijóo, senón das elites no Estado, parte de que Pablo Casado nunca vai ser presidente e de que a posibilidade de que a dereita retome o poder no Estado pasa por Feijóo. Iso tamén está en xogo o día 12, por iso tamén é moi importante que o conxunto de progresistas vaian votar e así pecharlle as portas en Galicia e no Estado a Feijóo e ao PP.
O principal tema do remate da campaña está a ser o brote de coronavirus na Mariña. Cal cre que será a súa influencia nas eleccións? Nel conflúen moitos aspectos, dende o dereito ao voto á análise da xestión da Xunta…
É unha nova e neste caso, dramática pero elocuente fotografía da forma de gobernar de Alberto Núñez Feijóo. As tres forzas progresistas solicitamos hai poucos meses consenso para convocar as eleccións e indicamos que non nos parecía o momento de convocar, por unha cuestión sanitaria que os propios informes da Xunta reflectían. A pesar diso, convocou por interese electoral e partidista. Máis alá de que o que a todos e todas nos preocupa é a saúde da xente que vive na Mariña, en segundo lugar tamén nos preocupa que se respecten as garantías democráticas. E como responsable dunha forza política tamén me preocupa que se saiba que Feijóo non só é un absoluto irresponsable, senón que medidas coma esta exemplifican que non está capacitado para seguir gobernando.
Se dependese de vostedes, que cambiaría na política da Xunta a respecto desta crise?
"Aspiramos a que a radio televisión pública de Galicia sexa independente e, se o Goberno fai cousas mal ou se dá unha situación como a da Mariña, o conte aínda que lle faga dano ao Goberno no que eu estou"
Hai cousas que xa é imposible cambiar. Nós non teriamos convocado unilateralmente unhas eleccións nin creado as condicións que nos fixeron estar máis febles para responder á pandemia, falo dos recortes. Nós non teríamos tampouco a présa que tivo Feijóo para rematar coas medidas de confinamento que se demostraron necesarias para solventar, como primeiros pasos, a crise da covid-19. Ademais, nós aspiramos a que a próxima radio televisión pública de Galicia sexa pública e independente e iso quere dicir que, se o Goberno no que nós esteamos fai as cousas mal ou se dá unha situación como a da Mariña, o conte aínda que lle faga dano ao Goberno no que eu estou. Cambiariamos a forma de informar e de dar datos, que ten que ser con total transparencia, e actuariamos con lealdade institucional. Agora mesmo a nós chégannos queixas de alcaldes e alcaldesas da Mariña sen mecanismos para responder. Transparencia, medios, lealdade e recursos.
Outro dos grandes temas da campaña tamén pasa pola Mariña: a industria en xeral e Alcoa en particular. Supoñamos que hai cambio de Goberno e a Xunta decide intervir nestas factorías. Que pasaría ao día seguinte?
O primeiro sería ver como sería esa intervención; hai diferentes fórmulas que en primeiro lugar deben garantir que os postos de traballo continúan e que Administración pública galega ten control, monitoriza o que sucede no consello de administración da empresa. O que sucedería sería o que está sucedendo noutros países europeos, con Alcoa na Sardeña ou, aínda que non sexa parangonable, con Lufthansa en Alemaña. Pero cun elemento a maiores: é unha empresa rendible. Ordenaríase o funcionamento da fábrica en función do mercado do aluminio e do prezo da enerxía e a Xunta sería un elemento fundamental para garantir a produción de aluminio primario. O que dicimos sempre; sería moi positivo que o Goberno galego sentase nun consello dunha empresa que é competitiva e non estivese a autorizar a chegada de aluminio primario de Arabia Saudita ou China
Que sería un fracaso para vostedes o 12 de xullo?
"O fracaso sería non conseguir o cambio político"
Que o Partido Popular continuase gobernando este país. E non sería un fracaso só para Galicia en Común, porque a posibilidade dun país con autogoberno, dinámico e rico quedaría nunha paréntese durante aínda máis anos. O fracaso sería non conseguir o cambio político.
Temen a entrada de Vox, aínda que non haxa enquisas públicas que o reflictan, e que o PP poida continuar gobernando por un pacto con esta formación?
Eu creo que é unha posibilidade. Tampouco indicaban as enquisas que Vox ía ser fundamental en Andalucía. Hai que ter coidado. Do que non teño dúbidas, nin eu nin ninguén que siga un pouco a actualidade política, é de que Vox estaría perfectamente cómodo gobernando con Alberto Núñez Feijóo e Feijóo, absolutamente cómodo gobernando con Vox. Por iso unha razón para chamar ao votante xa non de esquerdas, senón ao votante demócrata galego para que vaia votar, é pecharlle as portas a que o 12X sexa a entrada do peor da política ao Goberno da Xunta.