PSdeG, BNG e Galicia en Común ven máis próximo o cambio de Goberno tras o debate cun líder do PP "esgotado"

Gonzalo Caballero, nun acto do PSdeG este 30 de xuño en Ferrol; Ana Pontón, nun acto de campaña en Sarria; e Antón Gómez-Reino, ante a prensa este martes CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

As principais formacións da esquerda que concorren ás eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo saíron con optimismo do debate de líderes organizado o pasado luns pola CRTVG. A xuízo de PSdeG, BNG e e Galicia en Común, o encontro televisivo non só cumpriu a súa función de impulsar a campaña en horario de máxima audiencia -o programa foi seguido por case un 16% da audiencia-, senón que tamén evidenciou a posibilidade dun cambio de Goberno en Galicia fronte a un PP "esgotado".

Gonzalo Caballero: "Feijóo quedou sobrepasado pola realidade dun país que quere cambio; nin sequera os medios conservadores e os aliados da dereita se atreven a dicir que puido gañar"

O ton do candidato do PP á reelección e a, ao seu xuízo, ausencia de propostas concretas por parte de Alberto Núñez Feijóo, son para estas formacións boa mostra de que a mudanza é máis que posible. Así o expresaba na mañá deste martes en Ferrol o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen se confesaba "moi satisfeito" co acontecido a noite anterior no plató da Galega. "Amosouse con claridade que en Galicia hai un proxecto e un líder esgotado, o do PP, e fronte a el un proxecto de futuro liderado polo PSdeG", cre.

O debate, cre Caballero, axudou á "reactivación crecente da maioría social de progreso" e "nin sequera os medios conservadores e os aliados da dereita se atreven a dicir que puido gañar" Feijóo. O actual presidente, considera o socialista, "quedou sobrepasado pola realidade dun país que quere cambio" e apareceu "canso, sen reflexos, sen medidas, sen alternativas". En síntese, coida, amosou que "remataron os días do PP" na Xunta mentres "o PSdeG está en condicións de liderar unha maioría de progreso".

Os sete participantes no debate electoral da CRTVG, instantes previos ao seu comezo CC-BY-NC-SA PSdeG

Tamén a líder do BNG, Ana Pontón, ve aberta a porta do cambio tras o debate, no seu caso porque cre que quedaron reflectidas "dúas alternativas: a do PP, co seu inmobilismo" e "a alternativa do BNG, cun proxecto de futuro, de economía verde, de ciencia, de innovación". Non obstante, advirte a candidata do Bloque, "o gran reto" segue sendo que "a maioría que quere cambio galego" se "mobilice" e vaia votar o 12X.

Gómez-Reino: "Evidenciou non só que hai partido, senón que se iniciou a remonta definitiva das forzas da esquerda"

Para Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común, "o debate de onte demostrou que hai unha alternativa de esquerdas, progresista e de país para gobernar Galicia". "Evidenciou que o conxunto de forzas da oposición lle puxemos enriba da mesa a diagnose real do país fronte ás súas prestidixitacións" e "non só hai partido, senón que se iniciou a remonta definitiva das forzas de esquerdas", considera. "Agora -ironiza- xa sabemos as razóns polas que evita comparecer en sede parlamentaria e se nega a ter debates en pé de igualdade".

Petición de máis debates, que Feijóo desbota

Alén de valorar o acontecido no debate da CRTVG, tanto Caballero como Pontón reclamaron a celebración de máis encontros durante a campaña nos que participe Feijóo. No caso do líder do PSdeG, lembra que hai semanas reclamou que se celebrasen ata cinco debates, dous deles "cara a cara" entre ambos. "Quero debater máis con Feijóo para amosar que o PP está superado", afirma.

Feijóo, este 30 de xuño nun acto como candidato do PP co Club Financeiro de Vigo CC-BY-SA PPdeG

Ana Pontón reclama a Feijóo que participe en máis debates: "Que non fuxa, sabemos que non lle gustan, pero é un dereito da cidadanía"

A candidata do BNG, pola súa banda, "reta" o líder do PP a que "acuda a algún debate máis". "Quedan máis debates na campaña, esta mesma semana temos previsto un debate nun medio privado e sería unha falta de respecto que non estea presente", considera Pontón, quen resalta que este tipo de encontros son "un dereito para a cidadanía". "Que non fuxa, sabemos que non lle gustan, pero é un dereito da cidadanía ter a oportunidade de ver debatendo ás persoas que queremos presidir este país", conclúe.

Preguntado ao respecto durante un acto público en Vigo, Feijóo desbotou a posibilidade de acudir a máis debates coa participación dos líderes do resto de forzas políticas. Na liña do que xa afirmara en diversas ocasións na década pasada e tamén imitando a condición que impuña Manuel Fraga nos anos 90 para negarse a debater con Emilio Perez Touriño xunto con Xosé Manuel Beiras ou Anxo Quintana, o actual titular da Xunta afirmou que "estaría disposto a un cara a cara" só se o que denomina como "multipartito" chega a "un acordo" sobre "o seu candidato", recolle Faro de Vigo. Isto é, cun candidato ou candidata ao Parlamento por dunha forza política representando a varias ao mesmo tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.