"Todos vostedes me coñecen moito mellor do que poida explicar". O único gran debate da campaña das eleccións do 12 de xullo foi empregado en boa medida polo candidato á reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, para escudarse en potenciais riscos dun posible Goberno da forzas da esquerda, que por varias vías se brindaron ao pacto para conformaren unha maioría alternativa. Mentres, o actual titular da Xunta, cun falar máis apresurado do que nel é habitual, xogou reiteradamente a carta do xa coñecido.
Nun encontro inevitablemente condicionado pola crise do coronavirus, que centrou o primeiro dos moi constrinxidos bloques -marcados por constantes intervencións dos moderadores e sen apenas marxes para os intercambios dialécticos-, a audiencia da Galega puido observar unha versión de Feijóo pouco vista nestas pantallas. Máis tenso que adoito, o aspirante a recuncar substituíu as propostas concretas pola petición de confianza na súa persoa: "coñecen como xestiono" e ofrece un "goberno que goberne" sen "un presidente secuestrado", dixo nun debate no que, ao contrario que hai catro anos, non existiu confrontación a respecto dos casos de corrupción.
A audiencia da Galega puido observar unha versión de Feijóo pouco vista nestas pantallas e mesmo, nalgún intre, puido velo fóra de xogo
As críticas aos gobernos de coalición por parte do líder do PP cesaron, non obstante, no momento en que a audiencia da TVG puido velo en fóra de xogo, cando a líder do BNG, Ana Pontón, o cuestionou directamente sobre se, para manter a Xunta, pactaría con Ciudadanos e Vox. Non foi quen de contestar. Tamén Gonzalo Caballero, candidato do PSdeG, incidiu nesa liña lembrándolle que el mesmo considerou o pacto do PP coa extrema dereita en Andalucía "homologable a calquera goberno europeo".
Fronte ás alertas do candidato do PP, tanto Caballero e Pontón como Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común, brindáronse con claridade ao entendemento pola esquerda se cadansúas formacións logran sumar maioría de Goberno. Fixérono especialmente en materia social, prometendo convocatorias das prazas vacantes no Servizo Galego de Saúde -caso de Caballero e Pontón- ou un plan de vivenda pública para a mocidade e unha "renda garantida galega" que combine o ingreso mínimo vital coa Risga, pola banda de Gómez-Reino. Tamén medidas inmediatas como a reapertura dos centros de día, que Feijóo defendeu manter pechados para "coidar dos nosos maiores". "Claro que temos un programa alternativo" para ese Executivo de esquerda, chegou a afirmar o candidato de Galicia en Común.
Pontón, Caballero e Gómez-Reino procuraron, en diferentes treitos do debate, construír ante o electorado a imaxe dunha Xunta dirixida pola esquerda
Pontón, Caballero e Gómez-Reino procuraron, en diferentes treitos do debate, construír ante o electorado a imaxe dunha Xunta dirixida pola esquerda. Así, por exemplo, Caballero reiterou a existencia dunha "maioría progresista" -expresión tamén reiterada por Gómez-Reino- reflectida nas urnas durante 2019 e que, dixo, impulsaría un pacto de "reconstrución" tras a pandemia "saíndo da crise pola esquerda".
Nesta liña, tamén a líder do BNG se brindou ao pacto post-covid e, fronte a un Feijóo que "compara os mortos do país cunha media", afeou, "á primeira persoa que chamarei como presidenta será ao líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo", para trazar eses acordos nos que, dixo, un Executivo "liderado" polo Bloque repararía nos "erros" dunha crise para a que "ninguén estaba preparado" co obxectivo de "non repetilos". A súa chegada á presidencia implicaría tamén "que algo cambie para as mulleres deste país", dixo Pontón, que introduciu a apelación ao feminismo no debate.
Os cabezas de cartel de PSdeG, BNG e Galicia en Común coincidiron tamén en tentaren confrontar as continuas apelacións de Feijóo á experiencia cos que, ao seu xuízo, son uns pobres resultados desa xestión. "Vostede xestionou algunha vez diñeiro público?", retou o líder do PP. "Vostede xestionou millóns de euros e deixa Galicia con 70.000 empregos menos", retrucou Gonzalo Caballero a Feijóo, que condicionou a política social a "crear emprego.
No medio dese tirapuxa entre Feijóo a esgrimir "certezas" e Caballero, Pontón e Gómez Reino brindándose ao cambio tentaron introducir cadanseus discursos o resto de contendentes. Logrouno por veces a candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, quen botou man da súa bagaxe como xornalista televisiva para dirixirse á audiencia, á que pediu "perdón" de xeito reiterado pola actuación dos "políticos", aos que presentou como un mal para a cidadanía, e ante a que admitiu a súa disposición a Gobernar co PP se o xogo de maiorías así llo permitise.
A pactos, pero pola esquerda, amosouse tamén disposto Pancho Casal, da Marea Galeguista, quen tentou buscar oco entre Feijóo e un "tripartito" de PSdeG, BNG e Galicia en Común. Esta posibilidade de Executivo de esquerdas sería "apoiada" pola súa formación no caso de obter representación, afirmou, pero "sen depender de ningúen", indicou en referencia ao Goberno central de PSOE e Unidas Podemos.
Con moi escasa marxe para o contraste de propostas e co mapa das posibles alternativas de Goberno trazado polos seus eventuais protagonistas, finalizaba un debate tras o que as formacións da esquerda se amosaron confiadas no cambio e o líder do PP, na continuidade
O sétimo participante no debate, o cabeza de lista pola Coruña de Vox -que carece de aspirante á Xunta-, Ricardo Morado, tentou sen éxito virar a auga do debate ao rego dun debate sobre "violencia" en Galicia que non atopou eco en ningún dos candidatos. Si logrou que confrontase con el Gonzalo Caballero nalgunha ocasión e tamén Feijóo, que mudou ao castelán para asegurar que, ao contrario do que asegura a formación de extrema dereita, el é o garante o bilingüismo en Galicia.
Así, con moi escasa marxe para o contraste de propostas e co mapa das posibles alternativas de Goberno trazado polos seus eventuais protagonistas, finalizaba un debate tras o que as formacións da esquerda se amosaron confiadas no cambio e o líder do PP, na continuidade. Así o expresaron nos seus minutos finais.
Nesa última quenda sen posibilidade de interrupción, Gómez-Reino (GeC) dixo albiscar unha "Galicia que vén" tras o "decenio negro" do PP. Pontón (BNG) apelou a aproveitar a saída da crise do coronavirus para mellorar unha Galicia con "todos os recursos" para ser "a envexa de Europa" e asegurou que se é presidenta dará "o mellor" de si mesma para logralo. "Galicia é a miña causa", sinalou Caballero, que convidou o electorado a ter claro que "non é o mesmo que goberne a dereita ou que goberne a esquerda". "Todos vostedes me coñecen moito mellor do que poida explicar neste último minuto", sentenciou Feijóo.