Antes das eleccións do 5 de abril que non se chegaron a celebrar polo coronavirus e tamén nas semanas previas á actual campaña do 12X, as forzas da actual oposición galega de esquerdas lanzaron varias propostas de debates electorais nos medios públicos de comunicación. Diferían no número e formato, pero concordaban no esencial: pedían varios encontros televisivos entre aspirantes á Xunta.
As forzas da actual oposición avogaban por varios debates de líderes na CRTVG e ven neste unha oportunidade para dar pulo á campaña ante un público ao que, en boa medida, case nunca teñen oportunidade dirixirse con mínima amplitude
Finalmente, como prevían, as súas peticións non ecoaron na Corporación Radio Televisión de Galicia, que no seu plan de cobertura incluíu un único debate na Televisión de Galicia entre líderes -catro máis na TVG e outros tantos na Radio Galega, pero a nivel provincial e pregravados-, o que se celebra dende as nove e media da noite deste 29 de xuño. As forzas políticas que procuran un cambio de Goberno ven neste debate a única xanela de oportunidade para impulsaren a campaña en horario de máxima audiencia ante un público ao que, en boa medida, case nunca teñen a oportunidade de dirixirse cunha mínima amplitude a través da Galega.
As principais forzas da esquerda procurarán aproveitar o debate malia discordaren non só de que sexa un só, senón tamén doutros aspectos como o número de participantes. Por primeira vez nunha campaña galega celebrarase un debate a sete: PP, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, Ciudadanos e Vox foron citados na sede central da CRTVG para debateren sobre catro eixos temáticos.
A crise do coronaviruse a "reconstrución" tras a pandemia, a política económica, as políticas sociais e o modelo institucional, este último incluíndo posibles pactos de goberno, son os temas propostos pola CRTVG -e perfilados posteriormente nunha xuntanza entre os partidos- para o debate. Alén das quendas e retruques sobre cada tema, haberá un minuto inicial e outro final sen interrupcións para Alberto Núñez Feijóo (PP), Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG), Antón Gómez-Reino (Galicia en Cómun-Anova-Mareas), Pancho Casal (Marea Galeguista), Beatriz Pino (Ciudadanos) e o representante de Vox, que non designou ninguén como posible candidato á Xunta pero vén tendo como referente o cabeza de lista pola Coruña, Ricardo Morado.
O debate estará moderado por Marta Darriba e Alejandro López, redactora xefa da Área de Información da CRTVG e xefe de informativos da Radio Galega
Nas xornadas previas ao debate, a candidata que despexou máis a súa axenda para centrarse na preparación desta cita foi a nacionalista Ana Pontón, que non desenvolveu actos públicos o sábado nin o domingo por esta razón. Tamén Feijóo dedicou parte da fin de semana a esa preparación e non ten axenda pública na mañá deste luns, cando o líder do PP, Pablo Casado, regresa a Galicia para participar en actos de campaña na provincia de Lugo, pero sen o candidato á reelección.
O socialista Gonzalo Caballero finalmente si desbotou a celebración de actos públicos na mañá deste luns, pero continuou coa súa intensa axenda de campaña durante toda a fin de semana, toda vez que no PSdeG conceden unha importancia clave ao debate, pero tamén á necesidade de activaren ás súas bases para incentivar a participación nas urnas. Antón Gómez-Reino, igualmente, desenvolveu axenda pública durante a fin de semana e dedica o luns integramente a preparar o debate do serán.
Praza.gal acompañará o debate con datos, gráficos e ligazóns de contexto na súa conta de Twitter
O debate estará moderado por Marta Darriba, redactora xefa da Área de Información da CRTVG e presentadora do Telexornal, e mais por Alejandro López, xefe de Planificación Informativa da Radio Galega. Comeza ás 21:30 e poderá seguirse, ademais de pola primeira canle da Televisión de Galicia, a través da súa segunda canle con intérprete en lingua de signos, pola Radio Galega e no YouTube da TVG. Como hai catro anos, Praza.gal seguirá o encontro ao vivo na conta de Twitter do xornal, acompañando o debate con datos, gráficos e ligazóns que acheguen contexto dos diferentes temas abordados. Asemade, Praza informará tras o debate sobre o máis destacado dos temas abordados.