Un debate electoral a seis bandas ás nove e media da noite do primeiro luns da campaña electoral. É a proposta que vén de remitir a Corporación Radio Televisión de Galicia coa vista posta nas eleccións do 5 de abril. Case catro anos despois do último debate emitido en horario de máxima audiencia -nos seguintes procesos electorais, os medios públicos optaron por programalos ás 10 da mañá-, a Galega volve á noitiña para propoñer un debate no que participarían PP, PSdeG, BNG, Galicia en Común e tamén Ciudadanos e Vox.
A CRTVG indica que convida as forzas políticas "segundo os parámetros" da lei electoral e da Xunta Electoral Central
Segundo a corporación pública, as forzas políticas elixidas son as que "deben estar representadas segundo os parámetros que marcan" a lei electoral e a Xunta Electoral Central, en referencia ao concepto de forzas políticas "representativas". Esa condición implica sempre ás que tiveron representación na lexislatura que remata -neste caso PP, PSdeG e BNG, xa que En Marea non concorre-, pero tamén ás que tiveron un número significativo de votos noutras eleccións precedentes, representatividade que desta volta se atribúe a Galicia en Común, así como a Ciudadanos -que xa participou no debate de 2016- e a Vox, que carece de deputados ou edís en Galicia, pero que obtivo case o 8% dos votos en Galicia nas últimas eleccións xerais.
Nun comunicado, a CRTVG detalla que o debate será emitido pola Televisión de Galicia, a Radio Galega e o sitio web da Corporación. Bosquexa ademais os "temas de máximo interese para a cidadanía" que se tratarían: "situación económica xeral", "evolución do emprego nos sectores máis relevantes", "políticas de benestar" e "propostas de goberno e modelo institucional no contexto actual". Non detalla se existiu xa algún contacto coas forzas políticas ou negociación ao respecto.
A Corporación pública adianta os temas "de máximo interese" que prevé abordar no debate, moderado por Marta Darriba e Alejandro López
Os medios públicos avanzan tamén as dúas persoas que foron elixidas para moderar o debate. Trátase de Marta Darriba, redactora xefa da Área de Información da CRTVG e responsable do Telexornal Mediodía, e mais de Alejandro López, que nos últimos anos veu desempeñando a xefatura de Planificación Informativa da Radio Galega. Darriba xa moderara o debate de 2016, no que a Radio Galega estivera representada por Kiko Novoa.
A canle pública di estar a preparar un "amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require un debate electoral de máximo nivel". Este tipo de debates na CRTVG xerou receos nas forzas polítícas da esquerda nos últimos anos por ser inseridos en horario matinal, algo que desta volta non acontecerá. Tamén causara malestar nos grupos da esquerda que en 2016 fosen abordados temas alleos ao anunciado previamente, caso dos pactos postelectorais.
RTVE tamén prevé celebrar un debate polas eleccións galegas
Ademais do debate da CRTVG, nas últimas semanas as "principais forzas políticas galegas" recibiron tamén un convite para debateren en RTVE. No caso da canle pública estatal, a proposta sería celebralo o 31 de marzo, último martes da campaña electoral, en desconexión territorial para Galicia e para todo o Estado, polo Canal 24 Horas. En 2016, o debate de RTVE foi cancelado pola negativa do PP a que participase Feijóo.