O debate electoral galego en TVE cancélase pola negativa do PP a enviar a Feijóo

Debate electoral na CRTVG © CRTVG

A posibilidade dun segundo debate entre quen aspiran á Presidencia da Xunta polas diferentes formacións políticas está sobre a mesa dende o remate do organizado, o pasado luns, pola CRTVG. Foi a candidata do BNG, Ana Pontón, quen expresou o seu desexo dun novo encontro e por iso manifestou a súa esperanza de que o PP non obstaculizase a celebración dos que xa foran convocados formalmente, toda vez que os conservadores xa desbotaran un, o proposto por laSexta. Este xoves estaba convocada unha xuntanza entre os partidos para abordaren o desenvolvemento doutro debate, o organizado por Televisión Española para o vindeiro luns, día 19. O partido de Alberto Núñez Feijóo non enviou representante ningún e o debate, finalmente, foi cancelado.

As fontes consultadas por Praza.gal detallan que a proposta da canle estatal era a celebración dun debate "a cinco" que, en trazos xerais, sería semellante ao dos medios públicos galegos. Alén de matices puntuais, explican, a "disposición" de PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos a participar era "moi boa" e por iso os seus representantes acudiron á xuntanza deste xoves. "O único que non asistiu é o PP, e por iso quedamos agardando", confirma un dos consultados, que explica ademais que os responsables da canle pública lles deron aos populares ata as oito da tarde deste xoves para aclarar a súa postura. Isto é, "se Feijóo quere ou non" un novo debate, resumen as mesmas fontes.

O PP non se presentou este venres á xuntanza para preparar o debate de TVE

En xeral, as forzas de esquerda expresaran xa tanta dispoñibilidade a acudiren ao encontro televisivo como pouca confianza en que o PP accedese a facelo, cando menos con Feijóo no plató. O actual presidente, indica un dos participantes na xuntanza deste xoves, "non quedou contento" co debate da CRTVG, porque nel se amosou "por onde se lle podería atacar" nunha segunda edición, en referencia aos asuntos de corrupción. "Tería pouco que gañar", admiten. Na mesma liña, tras a negociación frustrada pola ausencia dos populares o PSdeG esixiu a través dun comunicado que Feijóo asistise. O PP, din, quere "impedir que toda España vexa as debilidades" do seu candidato e a "realidade de que non ten nada que ofrecerlle a Galicia, como evidenciou na TVG".

Feijóo pide agora "un voceiro do multipartito" para ter un "cara a cara". Caso contrario, non acudirá

Tras non acudir á xuntanza convocada por TVE, o PP marcou a súa postura a través da conta electoral de Feijóo en Twitter. "Proponemos un cara a cara con un portavoz del multipartito que ellos decidan. Así podrán verse con claridad las dos opciones de gobierno". "Si están dispuestos a compartir gobierno durante cuatro años no deberían tener problema en elegir quién les represente durante dos horas en TV", argumentan. O propio Feijóo ratificou a postura, case literalmente, a preguntas de Praza.gal ao remate do Consello da Xunta. Nas pasadas semanas, no entanto, o PP evitou aceptar os debates 'a dous' que formularon forzas como PSdeG, BNG ou En Marea.

Con este bloqueo do novo debate o PP volve, con Feijóo á fronte, á que foi a súa postura máis habitual dende que accedeu ao liderado do partido coa única excepción das xerais de 2008, cando accedeu a confrontar posturas con Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana ante as cámaras da TVG. No resto de ocasións o PP esixira debates 'cara a cara', chegando tamén en ocasións a suxerir que un representante das forzas de esquerda actuase como unha caste de voceiro da alternativa ao goberno da dereita.

Sen outras posibilidades definidas

As forzas políticas consultadas por este diario sinalan que non estivo sobre a mesa, cando menos formalmente, a posibilidade de que TVE seguise adiante co debate en ausencia do PP ou, no seu defecto, con Feijóo substituído por outro membro do seu partido. En todo caso, xa avanzaban que sería "chocante" tanto para a propia Televisión Española como para a audiencia que tras un debate "ao máximo nivel", o resto de candidatos acudisen e o PP enviase alguén diferente a Feijóo. 

Feijóo tampouco acudirá ao debate organizado pola SER con PSdeG, En Marea e BNG

Ao tempo, quen aspiran á Xunta por PSdeG, En Marea e BNG xa confirmaron tamén que asistirán, este venres, ao debate organizado pola Cadena SER, no que tamén é seguro que Feijóo non estará. Neste caso, o aspirante á reelección será substituído por Pedro Puy.

Feijóo, intervindo no debate da CRTVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.