O BNG propón un debate "plural e a dobre volta" na TVG entre os candidatos e candidatas das forzar políticas representantivas en Galicia. A formación nacionalista insta xa á Corporación dos medios públicos que o organice e "en horario de máxima audiencia", logo de que os últimos debates co gallo das eleccións xerais se celebrasen, con polémica, ás 10 da mañá.
O BNG insta á CRTVG a que organice un debate plural e a dobre volta e en horario de máximo audiencia
Segundo anunciou Xavier Campos, secretario de Comunicación da Executivo Nacional, o BNG xa solicitou á dirección da CRTVG a organización desde debate en horario de máxima audiencia "para permitir que os galegos e as galegas teñan a oportunidade de presenciar en directo as diferentes alternativas que se presentan ás eleccións do 5 de abril".
"Os debates políticos en campaña electoral non son unha prerrogativa dos partidos senón un dereito da cidadanía que deben respectar as forzas que concorren ás urnas, facilitando ao electorado o contraste de propostas, ideas e valoracións nos medios de comunicación, moi especialmente nos medios públicos", explica o BNG,
O Bloque reta a Feijóo a "saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura"
“Esperamos que Feijóo non se acovarde ante un debate co BNG e coa candidata, Ana Pontón, que non teña medo a contrastar propostas, modelos de país e iniciativas de futuro ante os galegos e as galegas", engade Campos, que reta o presidente da Xunta a "saír da súa zona de confort do Telexornal a maior gloria da súa figura" e a saírse do "marco da publicidade e da propaganda para participar en un debate plural no que haxa un contraste real de alternativas".
Nas últimas semanas, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, retou a Feijóo a debater "cara a cara" nun ou varios encontros, e sen ningún outro líder máis, aínda que polo momento non houbo ningunha petición formal desde o partido.
Á espera da decisión definitiva sobre os debates, sobre estes paira a polémica logo de que, nas últimas eleccións xerais, o derradeiro día de campaña se celebrase o único debate ás 10 da mañá, o que indignou parte do persoal da propia CRTVG, tal e como o manifestou, e ás forzas políticas diferentes ao PP.
Nas últimas eleccións xerais, o único debate en Galicia tivo lugar no derradeiro día de campaña e ás 10 da mañá
Aquel debate celebrouse a primeira hora da mañá no espazo informativo Bos Días, nun espazo nin física nin televisivamente concibido especificamente para a cobertura daquela campaña electoral do 10N. Emitiuse unhas once horas antes do horario de máxima audiencia, tamén simultaneamente pola Radio Galega, e repetiuse pola noite na G2, a partir das 22:45, mentres a primeira canle ofrecía o programa Luar.
Naquela altura, segundo fontes consultadas por Praza.gal, non existiu a xuntanza previa que, habitualmente, mantiñan responsables dos medios públicos coas formacións políticas chamadas a debater. Mesmo dúas delas, En Común-Unidas Podemos e BNG, recorreron o plan de cobertura polo horario do debate e por outros motivos como a supresión das entrevistas a candidatos e candidatas na TVG, non así na radio.
Nas eleccións autonómicas de hai catro anos, pola contra, si se celebrou un debate entre cinco candidatos no que Feijóo crispouse coas acusacións de corrupción cara ao seu partido. Daquela, PP, PSdeG, BNG e En Marea protagonizaron un debate inédito nos medios públicos e no que, segundo as enquisas, estaba en xogo un 35% de electorado indeciso.