Galicia en Común chama a "tumbar" o ‘bo xestor’ que "deixa caer Alcoa e puxo en risco a saúde na Mariña"

Mitin de Galicia en Común, este domingo en Vigo © GeC-Anova-Mareas

Galicia en Común ofreceu en Vigo o seu mitin central deste domingo, unha cita no Auditorio do Mar, no que ademais do seu líder, Antón Gómez Reino, participaron a ministra Yolanda Díaz, o vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias, e os candidatos Martiño Noriega, Eva Solla, Iria Figueroa e Marcos Cal.

Gómez Reino: “Feijóo priorizou os intereses de partido fronte a saúde de todas convocando unhas eleccións contra o criterio do conxunto de forzas progresistas. Foi un absoluto irresponsable"

O brote de coronavirus na Mariña centrou parte das intervencións e Gómez Reino, despois de enviar "unha mensaxe de agarimo á xente da Mariña", interpelou directamente a Núñez Feijóo esixíndolle que “durante os sete días que lle quedan de presidente deixe de facer política partidista coa saúde dos galegos e galegas, sexa transparente e dea a cara”. “Feijóo priorizou os intereses de partido fronte a saúde de todas convocando unhas eleccións contra o criterio do conxunto de forzas progresistas. Foi un absoluto irresponsable", denunciou. O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta acusou ao Goberno galego de "irresponsabilidade, falta de transparencia e falta de medios".

Yolanda Díaz, Antón Gómez Reino e Pablo Iglesias, este domingo en Vigo © GeC-Anova-Mareas

"Estaremos no goberno da Xunta de Galicia para reverter o decenio negro de Feijóo e para impulsar medidas como a Renda Garantida da Cidadanía Galega"

Gómez Reino apelou á mobilización do electorado de esquerdas e tendeu novamente pontes a PSdeG e BNG para presentar conxuntamente un Goberno alternativo a Partido Popular. "É importante visualizar que existe unha alternativa das tres forzas progresistas para activar o voto da esquerda", dixo. O candidato de Galicia en Común destacou que "con nós dentro un goberno sempre vai para a esquerda" e prometeu que a partir do 13 de xullo "estaremos nós no goberno da Xunta de Galicia para reverter o decenio negro de Feijóo e para impulsar medidas como a Renda Garantida da Cidadanía Galega". "Acabemos coa corrupción e abramos un novo futuro”, propuxo.

Así mesmo, e en relación á crise industrial de Alcoa, Gómez Reino comprometeuse a que o próximo Goberno galego "vai exercer as súas competencias e imos aplicar o artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que di que temos plenas competencias en industria". "A partir do día 13 de xullo o Goberno de esquerdas vai intervir a planta de Alcoa e vai salvar os miles de postos de traballo que hai agora mesmo en xogo na Mariña", dixo.

Yolanda Díaz: “Imos tumbar democraticamente ao ‘bo xestor’ que está a deixar caer Alcoa e puxo en risco os empregos e a saúde na Mariña"

De igual xeito, Yolanda Díaz fixo fincapé no “destrozo industrial" que fixo o PP de Feijóo nos últimos anos, "perdendo a oportunidade que lle brindou ter tres maiorías absolutas para converter a este país nun potencial da construción naval”. “Imos tumbar democraticamente ao ‘bo xestor’ que está a deixar caer Alcoa e puxo en risco os empregos e a saúde na Mariña", dixo.

Na súa intervención, Pablo Iglesias puxo en valor "os moitos logros históricos" acadados en cinco meses de Goberno de coalición no Estado "en medio dunha pandemia que nos puxo na posición máis difícil na que estivo nunca o Goberno”. “Fixemos dun berro da rúa: 'só si é si' unha Lei; subimos as pensións e o SMI con diálogo e lanzamos unha lei de protección a Infancia", enumerou. “Pero do que estou máis orgulloso é do Ingreso Mínimo Vital, que cualifican despectivamente como ‘a paguita’ e que é un seguro de vida para tantas familias”, engadiu.

Mitin de Galicia en Común, este domingo en Vigo © GeC-Anova-Mareas

"Hai medidas que teñen un carácter irrevogable e que constrúen unha nova constitución material. Hai uns días celebramos o 15 aniversario da aprobación do matrimonio igualitario. Lembrades o que dicían as dereitas daquela? Que a unión de dúas persoas do mesmo sexo non se pode chamar matrimonio. A que xa non se atreven a dicilo? Nin os de VOX se atreven", reflexionou.

Martiño Noriega: "Somos eses rebeldes competentes que estamos chamados a, tamén en Galicia, mudar o estado das cousas e despregar un escudo social que protexa ás traballadoras”

Finalmente, Martiño Noriega apelou á “necesidade de que nun momento excepcional coma este o noso espazo político estea no futuro goberno da Xunta". "Porque precisamos un goberno que estea á altura da súa xente e porque só con nós dentro existe a garantía de que se pode mudar o estado das cousas como fixeron as compañeiras Yolanda Díaz e Pablo Iglesias", dixo, para concluír: “Só con nós o primeiro son as persoas, o segundo as persoas e o terceiro as persoas, sempre as persoas. Somos eses rebeldes competentes que estamos chamados a, tamén en Galicia, mudar o estado das cousas e despregar un escudo social que protexa ás traballadoras”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.