Galicia en Común advirte de que se está a "disputar" escanos co PP na Coruña e en Pontevedra

Antón Gómez Reino, durante un mitin na campaña CC-BY-SA Galicia en Común

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, volveu chamar á mobilización do voto progresista e advertiu de que a coalición se está a disputar escanos co PP nas provincias da Coruña e Pontevedra. 

Gómez Reino advirte de que os votos a Galicia en Común "son dobremente decisivos porque restan deputados ao PP e achegan un Goberno progresista"

"Cada voto mais para Galicia en Común é un voto menos para a maioría que busca Feijóo para perpetuar a súas corruptelas e estafas industriais ao estilo Pemex”, asegurou Gómez Reino,  que advirte de que a coalición estase a disputar escanos na Coruña e Pontevedra e que os votos para a súa formación "van ser  dobremente decisivos porque lle restan deputados ao PP e nos achegan a un Goberno progresista e de futuro”. 

“A xente de esquerdas deste país ten que saber que se se mobilizan nas urnas o 12 de xullo, estaremos a o once días de rematar co decenio negro de Feijóo”, afirmaba Gómez Reino. En 2016, nas últimas eleccións autonómicas, o último escano de Pontevedra levouno o PP e o PSdeG quedou a 6.497 votos de telo, mentres que na Coruña foi para o PSdeG, cos populares a 1.521 votos de conseguilo. 

Eva Solla e Martiño Noriega, nun acto en Redondela CC-BY-SA Galicia en Común

A necesidade de mobilizar a esquerda faise evidente e Galicia en Común tirará de varios ministros. O tamén vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias, e a de Traballo, a galega Yolanda Díaz, desembarcarán esta fin de semana na campaña da coalición, que contará coa ferrolá en máis actos cara ao final da campaña. 

Pablo Iglesias e Yolanda Díaz uniranse esta fin de semana á campaña de Galicia en Común, que tamén contará con Alberto Garzón e Irene Montero

Ademais, tamén os ministros Alberto Garzón e Irene Montero acudirán a Galicia a apoiar o candidato Gómez Reino.

Por outra banda, os candidatos de Galicia en Común, Eva Solla e Martiño Noriega, denunciaron en Redondela a "tentativa de apropiación" dos terreos do Museo de Meirande por parte da familia Franco.

“Consideramos que estes terreos non poden estar en mans dunha familia que espolia o patrimonio artístico e hsitórico do noso país”, reivindicou a deputada Solla, mentres que Noriega advertiu de que o Goberno galego "debe ter unha posición firme para evitar a continuidade do espolio patrimonial". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.