Martiño Noriega di vivir dende hai meses ao xeito “dunha moeda de dúas caras, entre a medicina e a política”. Reincorporado á súa actividade profesional como médico, o ex-alcalde de Santiago por Compostela Aberta explica que, “pase o que pase” o 12 de xullo, “o día 13 vou estar pasando consulta ás oito da mañá”. O principal referente de Anova nas candidaturas de Galicia en Común, número tres da coalición pola Coruña, observa con “preocupación” a evolución os primeiros brotes de coronavirus en Galicia tras a fin do estado de alarma pero, malia todo, coida que “toca mobilizar” o electorado da esquerda porque, reitera, o cambio político é posible.
Cre que vai ser deputado?
Non o sei. Do que si estou seguro é de que se son deputado, iso pode supoñer que exista un goberno alternativo ao do PP. Non por unha explicación nominal; parto de que as opcións de cambio son reais e se pode dar unha situación análoga á de Francia, onde a esquerda logre mobilizar a sociedade máis activa. E creo que nós temos o rol de mobilizar o noso electorado próximo e que eu fose deputado implicaría unha suba de escanos que nos achegaría ao posible cambio político
Parece que a esquerda recomezou a carreira electoral coa sensación de que pouco ou nada había que facer para lograr un cambio de Goberno. Percibiuno así?
"O día 12 podemos atoparnos nunha situación que rache a demoscopia e permita o cambio político"
En marzo existían unhas altas expectativas de cambio e así o acreditaba tamén a demoscopia. A instrumentalización feita por Feijóo e polo PP ao longo do pico da pandemia co control dos medios públicos, o silenciamento dos controis parlamentarios e tamén unha certa omertá de determinados medios privados implicou que saísemos en peor posición. Pero tamén é certo que vivimos momentos excepcionais nos que non podemos aplicar as lentes das situacións de normalidade. Francia é un bo exemplo. É unha incógnita saber se a esquerda vai dar mobilizado ao seu electorado, se vai haber maior abstención no electorado sensible ás posicións do PP... O día 12 podemos atopar cunha situación que rache a desmoscopia e permita configurar as tres sensibilidades da esquerda para o cambio político.
No caso de que se producise ese cambio, vense colaborando, cogobernando co PSdeG e o BNG? Sería un escenario diferente ao que houbo nos gobernos das cidades como o que vostede encabezou en Santiago...
Penso que o PSdeG e o BNG antepuxeron nas cidades as súas estratexias nacionais e preferiron apostar polo desgaste das mareas que estaban gobernando, máis alá de entender que se podía configurar un proxecto estratéxico na esquerda. Dito isto, creo que a actitude que está a ter Galicia en Común, nomeadamente Antón Gómez-Reino co seu chamado a configurar un decálogo de gobernabilidade entre as tres forzas, a facer visible que mentres haxa cambio de goberno ningún resultado de parte será malo porque todas e todos imos gañar, é unha clara aposta de responsabilidade e de entender que ninguén nos perdoaría que non nos puxésemos de acordo nun programa de mínimos para iniciar novos tempos con novas políticas que coloquen as persoas no centro da acción pública.
Cre que, nese escenario de cambio, lle sería útil a bagaxe do goberno de Santiago e de Compostela Aberta?
Os que pasamos pola experiencia da gobernanza nas cidades aprendemos dela, nunca renunciamos a impugnar o estado das cousas e pagamos un alto prezo. Pero tamén aprendemos da derrota, porque nos serviu para testar as resistencias e os intereses en xogo que van ao límite cando entenden que un espazo político impugna os seus privilexios. A día de hoxe penso que teño unha bagaxe e unha formación que si pode ser útil. O que vivimos deixa marcas, pero tamén dá perspectiva.
Nesta campaña están falando da necesidade de reverter recortes e de que a vertente social sexa prioritaria nun eventual Goberno da esquerda. Non é menos certo que ese eventual Executivo chegaría no medio dunha crise económica e cunha derivada sanitaria moi complexa...
"Imos ter unha crise social peor que a de 2008 e aínda non somos capaces de percibir a súa magnitude"
Eu creo que despois da crise sanitaria imos ter unha crise social peor que a crise sistémica do ano 2008 e aínda non somos capaces de percibir a súa magnitude. Estes meses, na consulta de Atención Primaria, coa posibilidade de falar con 40 familias ao día, fun consciente de que, máis alá do problema de saúde pública, nos enfrontamos a un problema social que agora mesmo esa minorado polo escudo social do Estado, polos ERTE... Preocúpame como se vai poder soster a situación a medio prazo. Pero, máis alá desas limitacións, as políticas de reforzamento do público da sanidade e da rede de coidados son imprescindibles. Sempre, partindo de que o PP aplicou na sanidade e na rede de coidados un principio que o conxunto da esquerda non comparte: o espazo para o negocio e o lucro cando falamos de coidados. Na pandemia quedou demostrado de que non debe habelo, aínda que haxa que asumir certo déficit.
Defendemos tamén como absolutamente necesaria a Renda de Cidadanía que ultrapase a Risga e permita que sexa compatible co Ingreso Mínimo Vital. E tamén, o exercicio de competencias en materias como a industrial, na que é importante poñer enriba da mesa que a Xunta estivo ausente non só en Alcoa, senón en moitas empresas viables que están a sufrir intereses especulativos mentres a Xunta mira a outro lado...
Fala de intervir?
Falamos de ter unha posición máis intervencionista, si, de blindar os nosos sectores estratéxicos e de non actuar de intermediarios de intereses especulativos, que é como está actuando o PP.
Sinalaba antes que mentres haxa cambio, non haberá malos resultados de parte. As enquisas indican que o chamado espazo rupturista vai minguar moito a respecto de hai catro anos. Como analiza ese previsible regreso de voto ao BNG e ao PSdeG?
"O cambio ou é a tres, ou non vai ser"
Antes da pandemia é posible que existise a percepción de que o momento social era outro e, en consonancia con iso, unha certa melancolía do bipartito. Pero creo que esa aposta ten eivas: o cambio ou é a tres ou non vai ser. E con isto non digo que se non estamos nós, non vaia haber cambio. O que digo é que aritmeticamente, a sociedade é outra, mudou. Hai as opcións daquel bipartito, pero tamén hai un espazo político consolidado que, máis alá de que teña mellor ou peor resultado, é imprescindible para o cambio. E ademais é necesario, porque con todos os seus acertos e erros e aínda que en moitos momentos non estivese á altura das expectativas da xente, segue tendo capacidade de impugnación.
O espazo político de Galicia en Común, Anova e as mareas garante que un Goberno alternativo ao PP non se vai acomodar nin vai xogar ao intento de buscar un intercambio de roles sen impugnar as políticas. Ata hai uns días había unha especie de loita pola medalla de prata, dando por perdido o Goberno. Pero eu penso que hai partido para xogar o Goberno. A medalla de prata, se non hai cambio, é unha derrota para todos. O futuro xogámolo o 12 de xullo e aí, diante do que vén, temos que ser conscientes de que hai dous modelos en xogo e non chega con ter un bo resultado de parte se o PP e Feijóo teñen maioría absoluta. Por iso o que nos toca é mobilizar a xente que está indecisa e explicarlle o que nos estamos a xogar.
Vostede vén de estar a pé de obra do sistema sanitario. Cre que brotes como o da Mariña poden afectar xa non só ao que resta de campaña, senón tamén á propia xornada electoral? [A entrevista realízase o venres, día 3 de xullo]
"Na Mariña tamén hai un risco para os dereito fundamentais á participación. Algúns alertamos de que isto podería pasar, pero Feijóo priorizou a súa estratexia electoral sobre calquera consideración"
Estou moi preocupado polo que está pasando en determinadas zonas do país e nomeadamente, na Mariña, onde hai un risco de rebrote, pero tamén un risco para os dereitos fundamentais á participación. Algúns alertamos de que isto podería pasar. E o que pasa é que estivemos estes meses observando como Feijóo priorizou a súa estratexia electoral sobre calquera outro tipo de consideración. El tivo que escoller entre os informes dos expertos e os partidos, pero mente. Ningún dos informes lle garantía que se podía votar na primeira quincena de xullo. Aínda así, el pensou que era o mellor momento por unha cuestión táctica; preferiu apostar nos seus intereses electorais, pero moito me temo que non van coincidir cos da xente. Este vai ser, por desgraza, un elemento central na campaña, porque a pandemia vai seguir convivindo connosco cando menos ata ben entrado o ano 2021. E teño claro que vai condicionar o dereito de milleiros de persoas a participar nas votacións.