Esta lei non vai de castigos, vai de liberdade

Campaña 'en negro contra a violencia machista' © Compostela en Negro

Entre o barullo desta semana cómpre recordalo, os obxectivos da Lei de Liberdade Sexual-a popularmente chamada Lei do só si é si- nunca foron de carácter punitivista. Isto quere dicir que, a pesar de que estes días o foco estea na redución das penas dun número minoritario das sentenzas revisadas, a lei non tiña como obxectivo endurecelas, posto que o consenso é que as penas en España xa son singularmente altas para este tipo de delitos. En realidade, esta lei vai de amparar ás mulleres dende o momento posterior a sufrir unha agresión sexual, cuestión na que existen múltiples eivas denunciadas polo movemento feminista e a contestación social, sobre todo as referentes aos procesos xudiciais que en casos como o mediático “La Manada” , derivan con demasiada frecuencia na revitimización das mulleres.

Entre o barullo desta semana cómpre recordalo, os obxectivos da Lei de Liberdade Sexual-a popularmente chamada Lei do só si é si- nunca foron de carácter punitivista

O barullo xera confusión, sobre todo naquelas persoas que carecemos de coñecementos xurídicos. Algo que está provocando que a dereita impoña o seu marco punitivista a través de medios de comunicación e titulares aberrantes, como as palabras do popularmente coñecido polos seus exabruptos Miguel Tellado “el Gobierno de la gente resultó ser un gobierno que legisla para delincuentes”. Marco punitivista no que dende posicións progresistas e feministas debemos evitar caer. Unha redución de sentenzas que é minoritaria non decreta que a lei non sexa correcta e necesaria. Porque esta lei o que persegue é cambiar o paradigma sobre os delitos sexuais no que o foco se poñía na resistencia e honra da vítima. Simplificando, e como cantaban LASTESIS, que as mulleres non teñamos que demostrar que “la culpa no era mía, ni donde estaba, ni como vestía”. Que ningunha vítima de violación teña que volver responder á pregunta de “pechou vostede as pernas?”.

CC-BY-SA Praza Pública

Que a baixada de penas- repito, dunhas poucas entre as sentenzas totais revisadas- ía empregarse pola dereita para atacar a Irene Montero e o Ministerio de Igualdade co fin de desestabilizar ao Goberno de Coalición case que nin cotiza. Moito me temo que, mentres esperamos ao Tribunal Supremo, a dereita mediática e política seguirán axitando a bandeira do catastrofismo e ameazando con milleiros de agresores sexuais fóra do cárcere, polo que chamar á calma ou pronunciarse nos termos nos que o fixo a fiscalía parece o máis atinado. Isto non quita que, primeiramente, sexa preciso amosar empatía coas mulleres que agora están vivindo con incerteza a revisión de penas dos seus agresores, polo que estaría ben adoptar a responsabilidade e prudencia precisas para baixar os decibelios comunicativos.

Quero, ademais, insistir en que a Lei de Liberdade Sexual é unha lei que avanza no camiño correcto e que os ataques que están a recibir a ministra e o Ministerio de Igualdade son inxustos e desproporcionados. A miña sororidade con Irene Montero, Ángela Rodríguez Pam, Victoria Rosell e as traballadoras do Ministerio de Igualdade que, xunto aos colectivos feministas e LGTBI, están a avanzar cara o futuro con valentía e mirada ampla. Cos anos se valorarán os cambios lexislativos introducidos como un éxito, porque ao lexislar se están a propugnar cambios educativos e culturais que nos transformarán nunha sociedade máis xusta, diversa e igualitaria. Se está a promover unha xeración de dereitos feministas que, dende a Lei de Liberdade Sexual ata a Lei TRANS, nos converten nunha sociedade mellor.

Nunca pensamos que as transformacións sociais foran doadas, cada proposta nese senso vén acompañada de resistencias, cando non de polémica. As leis avanzan e as institucións teñen que dotarse de ferramentas e mecanismos para avanzar con elas. Falar de formación con perspectiva feminista na xudicatura, pero tamén nos corpos de seguridade, nas administracións ou no persoal sanitario é un deber.

Como feministas, cómpre que defendamos o espírito e os obxectivos da Lei de Liberdade Sexual e que esixamos que se dote do orzamento necesario para desenvolver todos aspectos da mesma, como aqueles que buscan garantir recursos para a protección económica e social das vítimas e a súa reparación. Pero, sobre todo e de cara a este 25N, insistamos en que o que queremos como mulleres non son maiores penas. O que queremos son unhas vidas libres de agresións. Acerta Irene Montero cando di que a alarma social que se está xerando é unha vitoria de machismo. Porque a cultura do medo sempre foi unha das ferramentas do patriarcado para someternos ás mulleres. Precisamente por iso esta lei non vai de castigos, vai de liberdades. Que non venza o medo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.