Saúde menstrual, interrupción do embarazo e violencias reprodutivas: as claves da nova lei de saúde sexual

Mulleres de tres xeracións distintas CC-BY-NC-SA La Moncloa

Debullamos o texto que modifica a lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo aprobado polo Consello de Ministras e que será debatido no Congreso para a súa ratificación

″O dereito á saúde sexual e reprodutiva forma parte do dereito de todas as persoas ao máis alto nivel posible de saúde física e mental e un reclamo histórico e continuo do movemento feminista mundial″, recolle o texto aprobado na reunión do Consello de Ministras desta semana, que lembra que a Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas relaciona a saúde sexual e reprodutiva das mulleres cos dereitos humanos.

O Consello de Ministras recoñece que a lei orgánica de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo aprobada en 2010 no Estado ″supuxo un auténtico paso cara a adiante ao abordar a protección e a garantía″ destes dereitos así como unha modificación importante da ″abordaxe da interrupción voluntaria do embarazo″, pasando ″dunha lei de supostos a unha de prazos″, en consonancia cos organismos internacionais. Doce anos despois, a proposta de actualización desta lei xa vai camiño do Congreso. Debullamos este anteproxecto de lei, que poderá sufrir modificacións no trámite parlamentario.

A portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, o ministro de Agricultura, Luis Planas, e a ministra de Igualdad, Irene Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras CC-BY-NC-SA Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Saúde menstrual

É a primeira vez que o Estado español inclúe a saúde menstrual como estándar de saúde. O que implica ″recoñecer e actuar contra o conxunto de estereotipos e prexuízos que rodean esta dimensión dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, que ata o de agora permanecía oculto″.

A lei establece a obriga de impartir unha educación menstrual, establece a distribución gratuíta de produtos menstruais para as persoas con menos recursos e que estean dispoñibles en centros educativos, organismos públicos, centros penais ou centros sociais.

″Os datos do Ministerio de Inclusión dinnos que houbo ao redor de 6.000 incapacidades temporais ao ano por dismenorreas"

Outra novidade é o dereito á incapacidade temporal por síntomas derivados de menstruacións incapacitantes. Unha circunstancia que vinculan a enfermidades como a endometriose ou os ovarios poliquísticos. Esta baixa laboral permitirá que unha muller poida quedarse na casa unhas horas dentro da súa xornada laboral ou uns días se a dor lle impide traballar. A diferencia do resto de baixas laborais, estes permisos serán abonados desde o primeiro día polo INSS e non requirirán dun período mínimo de cotización.

″Trátase de regular por lei o que xa está a suceder nalgúns casos de facto, posto que os datos do Ministerio de Inclusión dinnos que houbo ao redor de 6.000 incapacidades temporais ao ano por dismenorreas ou cadros de tensión abdominal pola menstruación″, asegura o texto aprobado no Consello de Ministras.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, explicando o anteproxecto de lei de saúde sexual e reprodutiva CC-BY-NC-SA Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

″Recoñécese a xestación por substitución como unha forma de violencia contra as mulleres″

Violencias no eido sexual e reprodutivo

Para cumprir co mandato do Convenio de Istambul é preciso adaptar a lexislación estatal a este marco normativo, recollendo violencias ligadas aos dereitos reprodutivos, como a esterilización forzada, a anticoncepción forzada, o aborto forzado e o embarazo forzado, como formas de violencia contra as mulleres.

″Recoñécese a xestación por substitución como unha forma de violencia contra as mulleres″. O Goberno engadirá tamén unha modificación que afecta á lei de xeral publicidade para prohibir a publicidade das axencias de intermediación e avanza que se levarán a cabo campañas públicas para incidir na ilegalidade destas prácticas.

″Blíndase o acceso ao aborto nos centros públicos, facendo que o recurso de acudir ás clínicas privadas sexa a excepción″

Doutra banda, a lei se ocupa das formas de violencia no ámbito xineco-obstétrico, marcando a obriga do persoal persoal sanitario a non obviar o consentimento informado das mulleres ante intervencións invasivas, como as episiotomías ou a separación innecesaria de bebé e nai a continuación do parto. Inclúese a necesidade de ampliar a formación sobre os principios do chamado parto respectado nos hospitais e a obriga de redactar un ′protocolo común de actuacións′ que sirva de referencia ás comunidades autónomas neste eido.

Interrupción voluntaria do embarazo desde os 16 anos

″Devólvese ás mulleres de 16 a 18 anos e ás mulleres con discapacidade a posibilidade de decidir sobre os seus propios corpos, en coherencia co establecido nos estándares internacionais″. A reforma da lei permite que estas mulleres non teñan que pedir o permiso dos seus titores legais para acceder á interrupción voluntaria do embarazo. Como tampouco teñen que ter permiso para seren nais. A idade de consentimento sexual no Estado español está nos 16 anos, recoñecida así pola lexislación vixente.

O acceso ao aborto estará garantido tamén tendo en conta o domicilio de cada muller, facilitando que se poida acudir ao hospital máis próximo, independentemente do territorio no que se localice dentro do Estado. A maiores, unha muller que decida abortar non terá que pasar polo período de reflexión de tres días actual, e recibirá información sobre o procedemento de maneira optativa e baixo demanda propia. ″As interrupcións voluntarias do embarazo serán tratadas, en todo caso, como un procedemento de urxencia″, asevera o Executivo.

″Blíndase o acceso ao aborto nos centros públicos, facendo que o recurso de acudir ás clínicas privadas sexa a excepción″. Así o recolle o Goberno, porén, os datos reflicten que o 22,6% dos abortos realizados en Galicia no ano 2020 tiveron lugar en centros públicos e o 77,3% foron en centros privados. Unhas cifras que melloran a media estatal, cunha porcentaxe de abortos en centros públicos do 15,5%.

Para favorecer a práctica dos abortos na sanidade pública, a lei contempla crear un rexistro de obxectores, onde o persoal sanitario terá que ″manifestar a vontade de obxectar con carácter previo e por escrito″. Por outra banda, cada muller poderá escoller libremente o método para a interrupción do seu embarazo.

Baixa previa ao parto

A nova lei incorpora unha incapacidade temporal previa ao parto para todas as mulleres. Poderá solicitarsedesde a semana 39 do embarazo e non consumirá ningún día do permiso posterior ao que xa teñen dereito as nais.

Corresponsabilidade na anticoncepción

″Apóstase pola anticoncepción de última xeración, a corresponsabilidade e a maior accesibilidade, impulsando o desenvolvemento da anticoncepción hormonal masculina e ampliando o financiamento público dos anticonceptivos″. Desta maneira, garántese por lei a gratuidade da pílula do día despois en todo o Estado a través dos centros de saúde e dos servizos de saúde sexual e reprodutiva especializados.

Campañas de sensibilización

Repartiranse anticonceptivos de barreira –como os preservativos– de maneira gratuíta nos centros educativos de Secundaria, no marco de campañas de sensibilización e prevención de infeccións de transmisión sexual. Tamén se dispensarán en centros penais ou na rede de servizos sociais.

Educación sexual

O Goberno inclúe un reforzo da educación sexual en todos os niveis educativos: ″Unha educación que recoñeza a diversidade sexual, a prevención de embarazos e infeccións de transmisión sexual e a abordaxe da saúde menstrual con perspectiva de xénero″.

Mobilización na defensa do dereito ao aborto, nunha imaxe de arquivo © BNG A Coruña

Así mesmo, facilitarase a formación dos profesionais en materia de interrupción voluntaria do embarazo e saúde sexual e reprodutiva, incluíndo contidos nas carreiras de ciencias xurídicas, ciencias da saúde, educación e ciencias sociais, e mais nos currículos das oposicións vinculadas a estes eidos.

Liña telefónica sobre dereitos sexuais

O anteproxecto de lei prevé a creación dun servizo telefónico especializado en dereitos sexuais e reprodutivos, que ofrecerá información sobre o dereito á interrupción voluntaria do embarazo e o itinerario de prestacións dos servizos públicos.

Aspectos que fican fóra da lei

Finalmente, e a pesar do debate entre a coalición de Goberno no Estado, o texto aprobado polo Consello de Ministras non inclúe a aplicación dun IVE reducido nos produtos de hixiene feminina e relacionados coa menstruación. A ministra de Igualdad trasladou que desde o Ministerio de Hacienda se rexeitou esta posibilidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.