Galicia conta con pouco máis de 300 matronas no sistema público, o que a converte na comunidade autónoma con menos profesionais desta especialidade por habitante, con apenas 0,12 por cada 1000 persoas. A media española sitúase en 0,18, un 50% e hai territorios como Cantabria (0,29) ou Euskadi e Navarra (0,24) que duplican os datos galegos.
Euskadi, Navarra ou Cantabria duplican o número de matronas por habitante de Galicia
O Sindicato de Enfermaría SATSE fixo a denuncia este martes a través dun informe titulado Análise da situación dos enfermeiros, enfermeiras, matronas e fisioterapeutas nos centros sanitarios do país. O estudo recolle tamén que un 91% destes profesionais son mulleres e que un 34% teñen máis de 50 anos e só un 18% menos de 35.
SATSE alerta de que "España segue sen responder a todas as necesidades das mulleres no que respecta á súa saúde sexual, reprodutiva e maternal". O sindicato lembra que "as matronas proporcionan unha atención integral á saúde sexual e reprodutiva da muller, nas súas facetas preventiva, e de atención e recuperación da saúde, e, ademais de asistir o embarazo e posterior parto, aténdena na fase de puerperio normal tras o nacemento, lactación, e ao recentemente nado san até o 28 día de vida". Unhas funcións que, salienta, non poden cumprir como deberían pola carencia de profesionais.
A entidade afirma que unha consecuencia da escaseza de matronas en Atención Primaria é que se dan numerosos casos nos que se conta cun só profesional para atender varios centros de saúde, especialmente nas zonas rurais, o que leva que, ao final, apenas se pode dedicar (e só en parte) ao embarazo, pero non a outras das súas moitas funcións.
Valdeorras, Verín, Viana, A Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Celanova ou Terra de Trives non contan con ningunha matrona nos seus centros de saúde
De feito, revisando o mapa da distribución das matronas nos servizos de Atención Primaria en Galicia (un total de 151 profesionais no ano 2017) vemos como amplas zonas do país fican sen atención ou con apenas 1 ou 2 matronas para dar servizo a comarcas enteiras. Desas 151 matronas, 75 corresponden á provincia da Coruña, 52 á de Pontevedra e só 14 á de Lugo e 10 á de Ourense. Nas provincias orientais prodúcense moitos menos nacementos que nas occidentais, pero en calquera caso semella que os servizos ofrecidos no sistema sanitario non sempre garanten unha atención de proximidade.
Comarcas como Valdeorras, Verín, Viana, A Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Celanova ou Terra de Trives non contan con ningunha matrona nos seus centros de saúde. E tampouco Chantada, Meira, Quiroga, a Fonsagrada ou A Mariña Central. Só 7 concellos ourensáns e 10 de Lugo contan cunha matrona nas súas instalacións.