Este martes o Ministerio de Sanidade publicou a estatística completa de interrupcións voluntarias do embarazo corresopondente ao ano 2020, coincidindo co Día Internacional polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos. Nos datos, que recollen un descenso no número de abortos practicados en Galicia e no conxunto de España, unha posible consecuencia da pandemia de COVID, amosa un ano máis a baixísima porcentaxe de intervencións realizadas en centros públicos.
En total, o 22,6% realizouse en centros públicos e o 77,3% en centros privados. O dato, con todo, mellora a media española, cunha porcentaxe de abortos en centros públicos do 15,5%
En concreto, dos 2.490 abortos practicados en Galicia (un 13% menos que os 2.868 de 2019) tan só 564 se levaron a cabo en centros públicos (147 en hospitais e 417 en centros extrahospitalarios) e 1.926 en centros privados (58 en hospitais e 1.868 en centros extrahospitalarios). A estatística dos últimos anos amosa, ademais, unha grande estabilidade no número de abortos realizados e na taxa sobre o número de mulleres en idade fértil.
En total, o 22,6% realizouse en centros públicos e o 77,3% en centros privados. O dato, con todo, mellora a media española, cunha porcentaxe de abortos en centros públicos do 15,5%. A proporción de abortos practicados en centros públicos no conxunto do Estado veu aumentando nos últimos anos, dende o 2,89% do ano 2011. Con todo, a porcentaxe segue a ser moi minoritaria, debido principalmente a que en varias comunidades autónomas (Madrid, Murcia, Castela-A Mancha, Estremadura) non houbo ningún centro público que levase a cabo abortos e a que noutras a porcentaxe foi case inexistente, como Andalucía, Aragón, Canarias, Castela-León ou Asturias. Tan só en Baleares, Cantabria e Catalunya houbo máis interrupcións voluntarias do embarazo en centros públicos.
Galicia sitúase dalgún xeito nun lugar intermedio, pero tamén aquí o modelo imperante é maioritariamente privado ou, máis en concreto, concertado, de xeito que a administración sanitaria chega a acordos con clínicas privadas para que se realicen alí as intervencións. Todo isto nun contexto no que segue a ser frecuente a denominada "obxección de conciencia" de moitos e moitas profesionais e o estigma que algúns e a algunhas traballadoras sanitarias sofren por realizar abortos.
Hai cinco anos unha dura sentenza xudicial condenou o Sergas por arriscar a vida dunha paciente que mandou a abortar a Madrid. O ditame puxo ao descuberto a situación que moitas mulleres galegas sufrían ao ter que realizar abortos terapéuticos, interrupcións do embarazo inducidas por razóns médicas e pasadas as 14 semanas e obrigou á Xunta a anunciar un "plan integral" para que as mulleres que necesiten interromper o embarazo ao abeiro da lei o fagan "nas mellores condicións" e maioritariamente sen saír de Galicia.
No ano 2020 tan só catro hospitais galegos realizaron algún aborto (os de Santiago, Verín, Valdeorras e Pontevedra), aos que se uniron os COF (Centro de Orientación Familiar) de Lugo, Ribadavia, O Carballiño, Ourense e Vigo
O que si se mantén é o recurso maioritario a centros privados para realizar interrupcións voluntarias do embarazo en Galicia. De feito, no ano 2020 tan só catro hospitais galegos realizaron algún aborto (os de Santiago, Verín, Valdeorras e Pontevedra), aos que se uniron os COF (Centro de Orientación Familiar) de Lugo, Ribadavia, O Carballiño, Ourense e Vigo. E, ademais, tres clínicas privadas que á vista dos datos concentraron a maior parte das intervencións: Clínica Arce e Clínica El Pasaje na Coruña e Clínica Climent en Vigo, segundo a información proporcionada polo Ministerio de Sanidade.
A estatística detallada publicada polo Ministerio de Sanidade amosa que a maior parte das mulleres que abortan si se informan sobre o procedemento nun centro sanitario público (1.539 das 2.490), fronte a 610 que o fixeron en Internet e só 144 que recorreron a un centro privado.
A gran maioría dos abortos realizáronse nas 8 primeiras semanas de xestación (1.879 dos 2.490) e só 77 foron máis aló da semana 15
Os abortos realízanse en todos os grupos de idade, con datos moi semellantes entre os 20 e os 40 anos de idade, aínda que foron as mulleres de 30 a 34 anos as que máis tiveron que recorrer a esta intervención.
Os datos revelan tamén que case a metade das mulleres que abortaron non empregaban ningun método anticonceptivo. E que case todas as intervencións voluntarias do embarazo a razón realízáronse a petición da muller, que quería seguir adiante coa xestación; en 59 casos había un risco grave para a vida ou a saúde da embarazada e en 32 presentouse un risco de graves anomalías no feto.
A gran maioría dos abortos realizáronse nas 8 primeiras semanas de xestación (1.879 dos 2.490) e só 77 foron máis aló da semana 15.
Finalmente, as estatísticas do Ministerio de Sanidade volven poñer de relevo o moi reducido número de abortos que cada ano se producen entre as adolescentes menores de 18 anos. O Ministerio de Igualdade anunciou que en breve (aínda que non concretou prazos) ía comezar o proceso para modificar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que dende o ano 2015 obriga ás mozas de 16 e 17 a contar co permiso dos seus proxenitores para poder abortar.
O pasado ano tan só 54 dos 2.490 abortos practicados en Galicia (o 2,17%) foron solicitados por mozas de 16 ou 17 anos
Aquela reforma da Lei do Aborto foi aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy pouco antes das eleccións nas que perdeu a maioría absoluta e que volveu sacar á rúa ao movemento feminista, que nos anos anteriores conseguira paralizar a aínda máis restritiva reforma da lei proposta polo ministro Gallardón.
A realidade é que o pasado ano tan só 54 dos 2.490 abortos practicados en Galicia (o 2,17%) foron solicitados por mozas de 16 ou 17 anos, ademais doutras 19 interrupcións voluntarias do embarazo en mozas por debaixo de 16 anos. No conxunto do Estado os abortos entre as mozas de 16 e 17 anos supuxeron o 2,86% do total. Son cifras moi semellantes (algo inferiores) ao 3% ou 4% ás cifras previas á reforma de 2015, un momento no que a maioría destas rapazas (87,62%) xa acudían acompañadas dos seus pais, nais ou titores. As que non o facían alegaban desamparo familiar, familias desestruturadas, proxenitores en prisión, risco de sufrir malos tratos, enfermidade invalidante dos titores, negativa dos titores a acompañalas, ou posturas abertamente contrarias ao aborto.