A xubilación da derradeira xinecóloga do COF da Coruña reabre o debate sobre o "desmantelamento" destes centros

O COF de Orillamar, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

No ano 1983 o Concello da Coruña puxo en marcha o Centro de Planeamento Familiar de Orillamar. Foi unha iniciativa pioneira, pois nese momento a atención á saúde sexual e reprodutiva aínda non estaba contemplada como prestación sanitaria dentro da Seguridade Social. Nos anos seguintes o INSALUD primeiro e o SERGAS despois impulsaron políticas deste tipo, creando unha rede de centros que ofrecían este tipo de atención. 

A derradeira xinecóloga do COF da Coruña xubílase no 2020 e a Xunta non ten previsto substituíla, denuncian Marea Atlántica e Grupo Común da Esquerda

Porén, nos últimos anos os centros galegos veñen sufrindo un proceso de desmantelamento, como denunciaba nesta entrevista o xinecólogo Xosé Vidal (máis coñecido como Súper), un dos impulsores do COF en 1983. Na Coruña, por exemplo, en 2012 a praza de Xinecoloxía do COF do Ventorrillo quedou vacante e dende entón non volveu ser cuberta por parte do SERGAS a pesar das protestas cidadás, concentrando no COF de Orillamar a atención xinecolóxica de toda a área sanitaria coruñesa. 

Nos COF da Coruña, ademais da non renovación de prazas e os recortes de persoal, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo foi suprimindo servizos e iniciativas, como o programa Tarde Xove, retirado no verán de 2009 polo Sergas e que tiña un papel moi importante á hora da prestación de servizos de atención á poboación xuvenil da Coruña, nun momento, ademais, no que o 25% de todas as consultas contabilizadas no COF eran de menores de 20 anos.

Hai uns meses Vidal, un dos dous xinecólogos cos que contaba o COF de Orillamar, xubilouse e a súa praza non foi cuberta polo SERGAS. A directora do centro e última xinecóloga que exerce alí está tamén a piques de xubilarse. Farao no ano 2020 e Marea Atlántica e o Grupo Común da Esquerda denuncian que a Xunta non ten previsto substituíla. As dúas formacións alertan de que esta situación "deixaría a toda a área sanitaria da Coruña, 40 concellos, sen atención á saúde sexual e reprodutiva" e advirten da “situación crítica” que viven os COF na Coruña, tanto o de Orillamar coma o do Ventorrillo.

María García e Paula Quinteiro © Marea Atlántica

"A lista de espera no COF medra cada mes, formada hoxe por máis de 100 mulleres. Hai demoras de tres meses para recibir un método anticonceptivo, e dun mes para facer unha ecografía", di María García

"A lista de espera no COF medra cada mes, formada hoxe por máis de 100 mulleres. Hai demoras de tres meses para recibir un método anticonceptivo, e dun mes para facer unha ecografía", explica María García, voceira municipal da Marea Atlántica. Á falta de persoal hai que sumarlle a situación de dúas prazas de matrona, vacantes dende que se xubilaron as titulares en 2017. "O Sergas cúbreas con substitucións temporais, o que non só precariza o emprego, senón que fai imposible o correcto seguimento das pacientes. Nestes dous anos pasaron polo centro nove matronas diferentes", engade.

A deputada Paula Quinteiro presentará nas vindeiras semanas unha Proposición Non de Lei no Parlamento de Galicia para reclamar máis recursos nos COF, e o mesmo fará Marea Atlántica na Coruña a través dunha moción no pleno municipal. Quinteiro sinala que "son moitas as mulleres que están sen atender, por unha decisión ideolóxica da Xunta". “A Xunta está a a desmantelar os COF, non abre centros onde son necesarios e non cubre as prazas nos que hai. Vemos que non teñen ningunha intención de defender os dereitos das mulleres especialmente no que ten que ver coa saúde sexual e reprodutiva”, di. 

Quinteiro compara a situación dos COF coa supresión do paridoiro de Verín, subliñando que este “é un paso máis na dinámica xeral de precarización dos servizos sanitarios, sobre todo dos que benefician ás mulleres"

Paula Quinteiro compara neste senso a situación dos COF coa supresión do paridoiro de Verín, subliñando que este “é un paso máis na dinámica xeral de precarización dos servizos sanitarios, sobre todo dos que benefician ás mulleres. Os COF son os únicos centros públicos que orientan e atenden ás mulleres nos pasos previos á interrupción voluntaria do embarazo, e que se ocupan de acompañar o uso de métodos anticonceptivos. "Un servizo fundamental, que a Xunta recorta por motivos ideolóxicos, quedando reservado só para quen pode pagarse unha visita á sanidade privada", denuncian as dúas formacións.

"No momento en que se produza a miña baixa, non se enviará a alguén a xornada completa, senón dúas ou tres profesionais que se irán turnando", dicía Xosé Vidal 'Súper' na entrevista con Praza.gal, concedida poucas semanas antes da súa xubilación, unha previsión que se cumpriu finalmente. Naquela conversa Súper  facía un repaso polo traballo desenvolvido durante máis de tres décadas polo COF: "intentabamos evitar esas situacións terribles: mortes de mulleres novas produto de abortos feitos con pirixel, metendo agullas de calcetar...", destacando os avances conseguidos: "comezaron a ser as mulleres do rural as que lles esixían aos seus médicos que lles fixesen exploracións de mama ou as citoloxías, porque nas cidades xa se estaba a facer".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.