Un xulgado de primeira instancia mostrouse contundente ao asegurar que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "expuxo a un risco vital elevado" a Paula (nome ficticio) ao dilatar o seu embarazo até a semana 32 e ao obrigala a percorrer 500 quilómetros no seu propio coche para abortar nunha clínica madrileña. Segundo explicou a denunciante a esta redacción a semana pasada, debido á complexidade da intervención foi derivada ao Hospital La Paz, perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica de novo.
O xuíz condena o Sergas por "expor a un risco vital elevado" á mulller ao dilatar o embarazo e obrigala a desprazarse a Madrid no seu coche
"A neglixencia denunciada pasa os estándares do tolerable, do irreprochable", apunta o maxistrado do xulgado contencioso-administrativo número 2 de Lugo nunha sentenza emitida o 5 de outubro e comunicada á defensa da denunciante o pasado xoves. O Sergas non quixo pronunciarse sobre esta decisión nin confirmar se a van recorrer.
Na sentenza, o xuíz Marcos Amboage López amósase contundente ao criticar as imprudencias médicas dos profesionais do servizo de xinecoloxía do Hospital da Costa de Burela. "Lentitude, falta de reflexos, ignorancia, inoperancia, ineficacia temeraria e falta de sensibilidade", así cualifica o xuíz a actitude dos médicos que trataron en 2012 a Paula, cando tiña 33 anos e facía fronte ao seu segundo embarazo.
"Lentitude, falta de reflexos, ignorancia, inoperancia, ineficacia temeraria e falta de sensibilidade", así cualifica o xuíz a actitude dos médicos
O maxistrado estima completamente o recurso contencioso e declara a responsabilidade do Sergas neste caso. Polo tanto, a Administración terá que facer fronte ao pago de costas e dunha indemnización próxima aos 270.000 euros polos danos ocasionados tanto a Paula como ao seu marido. Na sentenza asegura que se "reputan sobradamente acreditados" os prexuízos físicos e psíquicos. "Non hai indemnización que os poida resarcir, e calquera cantidade reclamada, semella escasa para compensalos", continúa. Tamén apunta que non é unha neglixencia pola que se perdeu un órgano ou unha extremidade "púxose en perigo a vida da recorrente, imposibilitóuselle procrear e perdeu definitivamente a oportunidade de ser nai".
"Tarde, mal e a rastro"
Asegura que os especialistas do hospital galego reaccionaron "tarde, mal e a rastro" ao dilatar "innecesariamente" até a semana 32 o embarazo de Paula que "debía estar legalmente abocado ao fracaso". Nesta sentenza o maxistrado lembra que unha vez que lles comunicaron aos denunciantes na semana 20 que se apreciaba unha alteración na ecografía, a parella recorreu á sanidade privada para solicitar o diagnóstico. Na semana 25 obtivérono, as graves anomalías que sufría o feto amparaban o aborto en calquera prazo.
Malia que desde un primeiro momento a parella fixo partícipe destes resultados ao equipo de Burela, os profesionais continuaron "dando paus de cego" -apunta o maxistrado- solicitando a realización de máis probas. Este "colmo da inoperancia", continúa o relator da sentenza, determina "indefectiblemente a súa responsabilidade patrimonial absoluta". "O que resulta inescusable é que ante a achega externa da información precisa, clara e determinante da anomalía fetal, o servizo de xinecoloxía de Burela, continuase inmerso na parálise e non reaccionase", engade.
O maxistrado acusa o Sergas de non atender a achega externa da información e "dar paus de cego"
Do mesmo xeito, lembra que a prolongación innecesaria do embarazo "creou ansiedade e intensa preocupación na xestante e a súa familia, xa que supuxo executar unha interrupción voluntaria do embarazo que é un feticidio para provocar un parto en toda regra debido á idade xestacional, expoñendo a nai a risco moi superior".
Unha vez que na sanidade galega tomaron a decisión de interromper a xestación no sétimo mes de xestación, non terminaron as neglixencias médicas. "Novamente, á pregunta de se se actuou correctamente pola demandada tras o descubrimento da anomalía fetal, a resposta é rotundamente, non", condena o maxistrado."O Sergas desenténdese da situación da recorrente e derívaa a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación, para que se zafen alí do problema. E a todo isto sen proporcionar á recorrente ningún tipo de medio para o arriscado traslado", así alude ao traslado que realizou Paula no seu vehículo particular acompañada pola súa parella.
"O Sergas desenténdese da situación da recorrente e derívaa a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación, para que se zafen alí do problema", di o xuíz
"Fracaso estrepitoso do sistema"
Segundo explicou a denunciante a eldiario.es, durante o traxecto "foi sangrando e o útero doíalle moitísimo". Finalmente, debido á complexidade da súa xestación o aborto non se produciu no centro ao que foi derivado senón no hospital público de La Paz. Alí perdeu o útero. O xuíz considera que esta actuación "representa un fracaso estrepitoso do sistema, á vez que resulta dificilmente aceptable" e lembra que a lei que regula a Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) recolle que cando se detecten anomalías fetales incompatibles coa vida, as intervencións "realizaranse preferentemente en centros cualificados da rede sanitaria pública".
"É un fracaso estrepitoso do sistema e dificilmente aceptable", di o xuíz
A preguntas desta redacción, o Sergas asegurou que non se practicou o aborto nun centro da sanidade galega pública porque a partir da semana 22 envíanos a outras clínicas respectando, desta forma, o dereito á obxección de conciencia dos profesionais". A portavoz xustificou este prazo argumentando que a lei o recolle, aínda que non é así, xa que segundo esta normativa non existe límite temporal se se detectan anomalías fetais incompatibles coa vida". A Fiscalía reactivou o mes pasado unha investigación por varios casos derivados tamén a Madrid en diferentes semanas de xestación.
Desmente a argumentación do Sergas
En sede xudicial a defensa do Sergas e os seus profesionais aseguraron que "non houbo ningunha demora inxustificada na atención prestada e pola contra, seguíronse os protocolos establecidos". Engadindo que unha vez que se coñeceu a alteración xenética do feto, solicitaron o estudo xenético dos descendentes dos recorrentes para continuar co protocolo establecido para a interrupción voluntaria do embarazo".
Por unha banda, o maxistrado desmente esta afirmación asegurando que o protocolo "indica que o diagnóstico das cromosomopatías fetais esixe o estudo citoxenético das células fetales, pero en ningures esixe a práctica protocolaria de estudos xenéticos sobre os proxenitores". Doutra banda, considera que estas probas "supuxeron un mes de atraso, sumado ao atraso que xa viña padecendo" e non eran urxentes neste caso xa que a información é útil de face a embarazos posteriores pero non achega novos datos sobre a patoloxía do feto.
Por último, o maxistrado non se esquece dos problemas psicolóxicos que arrastra a parella desde que se produciron estes feitos. Están afectados o feito de non poder ter máis fillos biolóxicos. Aos dous diagnosticáronlles un "trastorno adaptativo mixto con ansiedade e depresión cronificada". Un dos sucesos que máis lles marcou, segundo apuntou no xuízo una das psicólogas que os avaliou, sucedeu no Hospital La Paz "tras practicarlle a cesárea, preguntáronlles se querían a reanimación do feto e non sabían que contestar, xa que teoricamente desprazáronse a Madrid para unha interrupción voluntaria do embarazo. Facer descansar neles esa decisión, pesoulles moito e foi inadecuado".
"A sentenza é moi importante por dar plena protección aos dereitos fundamentias e pola súa calidade técnico-xurídica", di a avogada da parella
A avogada da parella, Francisca Fernández, móstrase moi satisfeita con esta decisión xudicial porque incide na "importancia de que se aplique a lexislación de protección de dereitos humanos vixente no noso país". "É moi novo que un xuíz de primeira instancia dea plena protección aos dereitos fundamentais que estaban en xogo. É estupendo, é unha pequena xoia e vai ser moi importante pola calidade técnico-xurídica da sentenza.", explica. A parella tamén se mostra contenta por esta decisión, xa contaron a eldiario.é que se gañaban ían destinar a indemnización a tentar ser pais mediante xestación subrogada no estranxeiro.
O caso volve traer á portada as precarias condicións na que as mulleres no segundo trimestre de xestación interrompían o seu embarazo en boa parte de Galicia, o que desvelou numerosas eivas no funcionamento dos protocolos sanitarios no país. A falta de garantías e da asistencia mínima requirida para estes abortos euxenésicos -denunciada por varias afectadas hai máis de medio ano- provocou que o Sergas optase por enviar todas as mulleres a Madrid para seren atendidas nunha clínica especializada coa que mantén convenio. O devandito protocolo segue sen aplicarse e, tal e como adiantou Praza, as demandas de atención axeitada e na comunidade autónoma son respondidas polas autoridades sanitarias con ameazas de rachar o acordo con ese centro madrileño. Agora, esta condena ao Sergas incide no "fracaso" e na mala praxis do sistema sanitario galego, xusto cando a Fiscalía vén de reactivar o tema.