José García Buitrón (Toreno, 1945) non naceu en Galicia, pero case. E exerceu como galego dende ben novo. O nome do doutor García Buitrón, falecido este 17 de setembro de 2022 en Madrid, onde viaxara para participar no consello cidadán de Podemos, está inevitablemente ligado á historia do país, dos seus servizos públicos, da súa sanidade pública. Ao compromiso humanista.
Buitrón faleceu aos 77 anos durante unha viaxe a Madrid
García Buitrón, home cordial e sorrinte, estudou medicina en Santiago en plena ditadura, nos anos 60, e xa dende aquela demostrou o seu compromiso político e social. Xa fose dende a vertente da profesión médica nos anos 70, impulsando o Sindicato Galego da Sanidade, como dende o compromiso partidario implicándose en Unidade Galega na Coruña, xunto ao histórico alcalde Domingos Merino, o primeiro democrático tras a ditadura, e a continuación en Esquerda Galega.
Mentres se comprometía na política era tamén impulsor de fitos médicos na sanidade galega dende o hospital da Coruña, o actual CHUAC. En 1981 actuou como cirurxián no primeiro transplante renal da historia de Galicia e dende o ano seguinte, en 1982, dende o centro sanitario coruñés converteuse en coordinador de transplantes para toda Galicia, labor que exercería ata 2007. Ese traballo levouno tamén alén das fronteiras, participando en numerosos proxectos relacionados cos transplantes de órganos en países en vías de desenvolvemento, cos que seguiu colaborando tamén tras a súa xubilación.
García Buitrón, home cordial e sorrinte, demostrou o seu compromiso político e social durante toda a vida. Pioneiro dos transplantes na sanidade pública galega, nos últimos anos militou activamente en Podemos, formación a través da cal foi senador
A principios deste século, nos anos do Goberno de coalición PSdeG-BNG na Xunta, García Buitrón dirixiu o CHUAC como xerente entre 2005 e 2007. Naquel tempo incorporouse á militancia no PSOE, partido no que estivo especialmente implicado na etapa do tamén médico Javier Losada como alcalde da cidade.
Nos últimos anos estivo presente na esfera pública galega dende a súa militancia en Podemos, que o levou a asumir responsabilidades orgánicas no propio partido e tamén institucionais a través de En Marea, formación pola que foi elixido senador tras as eleccións xerais de 2015. Na actualidade, seguía traballando activamente en Podemos dende a cidade da Coruña como secretario municipal.
Tras transcender o seu falecemento sucedéronse as mostras de condolencia no ámbito profesional e tamén no político. É o caso da vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, con quen Buitrón tiña gran proximidade: "Hai persoas que nos acompañan na vida e que nos legan o seu amor, a súa xenerosidade e a súa intelixencia. Hoxe choramos cunha dor profunda a José García Buitrón, home sabio, nobre, entregado sempre aos demais. Que difícil dicirche adeus, querido amigo", sinalou Díaz.
Dende Podemos Galicia o seu secretario xeral, Antón Gómez-Reino, considerou "imposible ocultar a dor" pola morte dun "amigo tan querido", un "compañeiro infinito" e "humano inmenso". "Na súa fermosa vida salvou miles de vidas como artesán de miles de transplantes. Cantas loitas e cantas experiencias nos diches! Como te vamos estrañar, meu querido Buitrón!", escribiu.
Tamén membros doutras forzas políticas, como BNG e PSOE, expresaron as súas condolencias e respecto cara a Buitrón. Así, por exemplo, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lamentou o "inesperado falecemento" de Buitrón: "A nosa cidade perde un gran profesional, sempre ao servizo da sanidade pública e da sociedade", destacou. Tamén transmitiron o seu pesar a dirección nacional do Bloque a través dos seus perfís das redes sociais e mais os dous edís da formación soberanista na Coruña, Francisco Jorquera e Avia Veira