O líder do PP asegura que o poder lexislativo, elixido nas urnas pola cidadanía, aproba leis “sen apoio social”
“Imos derrogar as leis sen apoio social”. Con esta frase o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, deu este mércores un novo paso na súa longa traxectoria de cuestionamento de todo tipo de institucións democráticas dos poderes executivo, lexislativo e xudicial así como de órganos de control dos mesmos. A frase, coa que Feijóo nega a representatividade social do Congreso e o Senado, cuxos escanos son escollidos pola cidadanía nas urnas, foi fixada no seu perfil de Twitter, o que descartaría un erro non intencionado.
Fronte a afirmación de Feijóo de que hai leis sen respaldo social, esas normas deben ser aprobadas nas Cortes Xerais por congresistas e senadores elixidos pola cidadanía nos comicios xerais. E deben facelo con máis votos a favor que en contra nas leis ordinarias e con maioría absoluta no caso das leis orgánicas, as que regulan cuestións esenciais do Estado.
O cuestionamento da representatividade social das Cortes supón un novo fito nas críticas de Feijóo a institucións democráticas cando non se adecúan aos seus intereses persoais. En Galicia xa desde os seus tempos na oposición hai década e media o líder popular cuestionou, no que respecta ao poder executivo, os acordos de goberno entre distintos partidos cando o PP non forma parte deles ou que o socialista Emilio Pérez Touriño puidese ser considerado presidente da Xunta.
No eido lexislativo, ademais de poñer en dúbida agora a representatividade social das Cortes, o propio Feijóo que por veces rexeita as protestas contra deputados participou na oposición nunha algarada no Parlamento de Galicia secundando a alcaldes do PP molestos coa cancelación de obras por parte da coalición de PSdeG e BNG.
No eido xudicial, o ex-presdiente tamén vén cuestionando diversas decisións de maxistrados. No dos órgnos de control, tamén censurou o Consello de Contas
No xudicial, Feijóo tamén vén cuestionando todo tipo de decisións de maxistrados que non concordan cos seus intereses ou ratificando actuacións dos seus gobernos despois de seren condenadas pola xustiza. Mesmo agradeceu o traballo dun alto cargo seu condenado por corrupción no caso Campeón.
E no eido dos órganos de control, o ex-presidente da Xunta tamén tivo palabras críticas contra o Consello de Contas, o ente fiscalizador das administracións galegas.