O líder do PP reclama independencia e rexeita presións á xustiza pero ten na súa traxectoria múltiples reproches máis ou menos velados e opinións sobre todo tipo de resolucións xudiciais
Un dos argumentos que vén empregando o PP estatal na súa liorta co Goberno de España a conta da renovación e reforma do Poder Xudicial é que o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, a diferenza supostamente do que fai o presidente Pedro Sánchez, si respecta a independencia da xustiza e non a presiona cos seus feitos ou declaracións. Porén, a traxectoria previa de Feijóo como presidente da Xunta deixou un ronsel de reproches máis ou menos velados ou opinións sobre todo tipo de resolucións xudiciais.
Unha das respostas máis habituais de Feijóo como presidente do Goberno galego cando se lle preguntou por sentenzas condenatorias da Xunta ou do PP foi a de que os asuntos xulgados eran cousa do pasado. Pero en ocasións o popular non se limitou a restar relevancia aos efectos prácticos das sentenzas ou resolucións xudiciais senón que, a continuación de amosar o seu “respecto” por elas, entrou directamente a valoralas ou apelou a obvialas.
Un dos casos máis significativos foi a súa resposta á sentenza coa que en 2015 o Tribunal Supremo ratificou de xeito definitivo que o seu Goberno anulara de xeito ilegal en 2009 o concurso eólico convocado previamente polo goberno de coalición de PSdeG e BNG. A anulación daquel concurso eólico fora unha promesa persoal de Feijóo, e así o fixo en canto chegou á presidencia da Xunta. Pero cando o Supremo ratificou que para facelo o Goberno galego incorrera nunha desviación de poder a resposta do daquela presidente foi que “volvería anular o concurso eólico”.
Así o dixo no Parlamento de Galicia cando o daquela portavoz do BNG, Francisco Jorquera, lle preguntou pola sentenza do Supremo. Malia facerlle ver o nacionalista o custo que tería para as arcas públicas a condena do alto tribunal, a resposta de Feijóo foi ratificarse na súa decisión ilegal de 2009 de anular o concurso eólico. “Volvería anulalo? Si, sen dúbida”, sentenciou.
Tras un fallo do Supremo contra a súa anulación do concurso eólico de PSdeG e BNG Feijóo dixo que "sen dúbida" volvería facer o mesmo, e tras a sentenza por corrupción do caso Campeón agradeceu o traballo a un dos seus altos cargos condenados
Outra sentenza firme que menosprezou ou obviou Feijóo pola vía dos feitos foi a do caso Campeón, a principal condena por corrupción durante os seus mandatos á fronte do Goberno galego. En novembro de 2017 foron condenados dous altos cargos da Xunta e un ex-deputado do PP, pero xusto un ano despois o propio Feijóo agradeceu en público o traballo dun dos sentenciados. Así o fixo con Joaquín Varela de Limia, director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) condenado polo delito de negociacións prohibidas a funcionarios e ao que Feijóo recoñeceu expresamente o seu desempeño durante a celebración do 25 aniversario do ente público.
Outra resolución xudicial que desgustou a Feijóo, e así o fixo ver en público, foi a que arquivou unha denuncia por prevaricación na adxudicación da Autovía do Barbanza que o PPdeG formulara en 2007 desde a oposición contra a daquela conselleira de Política Territorial do PSdeG, María José Caride. Obviando os principios de toda acusación penal, Feijóo chegou a esixir que fose a socialista quen “acredite a súa inocencia”, en lugar de que se probase a súa culpabilidade. E cando o caso foi arquivado en 2009 o propio Feijóo restou importancia á decisión xudicial lamentando que “hai moitos delitos que quedan sen probar”. Máis alá chegou a ir o seu equipo, o seu núcleo duro de asesores que o acompaña agora en Madrid, que insistiu en que dixese o que dixese a xustiza a conselleira socialista era culpable.
Similar valoración negativa dunha resolución xudicial fixo Feijóo en 2013 cando a Audiencia Provincial da Coruña deixou sen culpables o accidente do Prestige do que agora se cumpren 20 anos. Aquela sentenza sería corrixida en 2016 polo Tribunal Supremo, que condenaría o capitán do barco. Pero en 2013 Feijóo non evitou amosar a súa “decepción” coa decisión da Audiencia da Coruña, opinando así abertamente dunha resolución xudicial que non lle gustaba.
Feijóo dixo que un auto xudicial que propuña xulgar só o maquinista polo accidente de Angrois coincidía "co sentir maioritario da sociedade", e cando se arquivou unha denuncia súa contra o goberno que o precedeu lamentou que "hai moitos delitos que quedan sen probar"
Dous anos despois ocorría algo similar pero á inversa. Feijóo eloxiaba unha resolución xudicial, a respecto do accidente de Angrois, que despois sería corrixida pola propia xustiza. En outubro de 2015 o segundo xuíz instrutor do accidente propuña pechar a investigación co maquinista como único acusado, o que segundo Feijóo “coincide co sentir maioritario da sociedade”. Esa peculiar visión da xustiza en función dos supostos sentimentos da opinión pública foi corrixida uns meses despois, cando a Audiencia da Coruña ordenou investigar tamén a un ex-cargo de Adif, que hoxe senta no banco dos acusados do xuízo en igualdade de condicións que o maquinista. Antes diso, cando o primeiro xuíz instrutor do caso decidira imputar a toda a cúpula de Adif, a contorna de Feijóo xa amosara o seu desgusto porque se desviaba da visión que o líder popular tiña de que todo se debera a que o maquinista circulaba ao seu ver moi rápido.
Feijóo tampouco agardou a que a xustiza se pronunciase definitivamente cando opinou sobre como estaba a xestionar a xuíza de Lugo Pilar de Lara os diversos casos de corrupción que investigaba. O presidente chegou a criticar a “sensación de falta de rigor na administración de xustiza” que estaban a provocar as filtracións dos sumarios que levaba a maxistrada, finalmente sancionada polo Poder Xudicial.
E como se a xustiza non resolvese os pleitos en función das probas senón segundo actúen as administracións, o presidente da Xunta chegou a insinuar que a Audiencia Nacional non anularía a concesión de Ence na ría de Pontevedra, como fixo en 2021, se o Goberno de España a defendese.
Feijóo mesmo chegou a apelar a cuestións persoais para sumarse ás críticas que recibiu en 2021 unha xuíza que nun auto sobre a atribución da custodia dun menor utilizou a expresión “Galicia profunda”. O presidente da Xunta compartiu na súa conta de Twitter unha foto da súa infancia nos Peares identificándose como “un neno da Galicia profunda”. A expresión que empregara a maxistrada, dixo quen di defender a independencia da xustiza, non fora afortunada, e así o manifestou en público Feijóo aproveitando a ocasión para volver proxectar a súa propia imaxe en positivo.