O presidente di que os posibles pactos entre En Marea, PSdeG e BNG restan lexitimidade ás súas críticas sobre a xestión política da Xunta
A lei establece que nos concellos gobernará quen obteña a maioría de votos dos concelleiros da Corporación ou, no seu defecto, a lista máis votada nas urnas, o que incentiva as negociacións entre distintas forzas políticas alí onde non haxa maiorías absolutas. Porén, Feijóo, que en Galicia ve como o PP non atopa outros partidos cos que pactar, segue a insistir en que o resto de formacións deixen gobernar aos populares alí onde estes foron os máis votados aínda que non sexan quen de obter a maioría de apoios que esixe a lei. Así llo volveu pedir este mércores no Parlamento de Galicia á oposición, cuxas críticas en materia de política industrial ou sobre a falta de impulso político xeral da Xunta deslexitimou o presidente polos pactos que esas formacións, a diferenza do PP, si son quen de acadar a nivel municipal.
Leiceaga enumerou incumprimentos da Xunta que presentou como "atonía lexislativa e parálise dos nomeamentos necesarios para impulsar Galicia"
“Deixemos gobernar a quen gaña, xa está ben de que o PSOE poida gobernar cando perde e o PP non o poida facer cando gaña”, rematou Feijóo a súa resposta na sesión de control á Xunta deste mércores a unha pregunta do portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, que nada tiña que ver coas negociacións municipais. Leiceaga enumerara os sucesivos incumprimentos das promesas lexislativas do Goberno galego e a situación de “interinidade” que viven cargos como a Valedora do Pobo, o Consello Económico e Social (CES), o director da CRTVG ou o adiamento por parte do PP da elección dos senadores por designación autonómica. “Atonía lexislativa, parálise nos nomeamentos necesarios para impulsar Galicia, están na xestión da inercia pero non das reformas que Galicia necesita”, resumiu o socialista.
A resposta de Feijóo foi negar a maior e asegurar que o paralizado é o Goberno central pola “inestabilidade” dos apoios do PSOE. Fíxoo ao tempo que criticaba posibles pactos políticos, que viña de botarlles en cara aos portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón.
Villares e Pontón reclamaron iniciativa política á Xunta en defensa da industria Galega, ao que Feijóo respondeu colocándose a si mesmo como garante do sector fronte a un Goberno central ao que atribuíu falta de interese
Nas súas preguntas previas, Pontón e Villares reclamaran á Xunta unha maior implicación cos problemas de industrias galegas como Ferroatlántica ou Alcoa, en procesos de venta ou posible peche. A resposta de Feijóo nos dous casos foi a de presentarse a si mesmo como garante da industria en Galicia fronte a un Goberno central ao que acusou de non facer nada por garantir o seu futuro. E ligou esa falta de políticas do PSOE cos apoios que segundo el estaría a recibir de En Marea e BNG.
Ao portavoz de En Marea, malia non obter esa formación ningún deputado no Congreso tras as eleccións xerais, Feijóo criticoulle que non fale de política industrial “co Goberno central do que van formar parte”. Á do BNG reprochoulle que esa formación estaría pactando o peche de Alcoa “cando vostedes pactan co PSOE na Coruña”, cidade na que os socialistas non precisan dos votos do BNG para obter a alcaldía tras garantirllos Marea Atlántica, con máis representantes.
“Vostedes están pactando con aqueles que van pechar Alcoa, vostedes non teñen lexitimidade para seguir falando de Alcoa nin de Ferroatlántica”, chegou a dicirlle Feijóo a Pontón. Fronte a eses reproches sobre posibles pactos políticos, a portavoz do BNG respondeu lembrando as ofertas do propio presidente ao PSOE para repartirse co PP o Concello e a Deputación de Ourense.