Indignación e sorpresa. Así se poderían resumir as reaccións de traballadores e representantes sindicais ao intento do PP de blindar o control da dirección da CRTVG a través dunha norma inserida pola Xunta nos orzamentos, na lei de acompañamento, sen aviso previo e que pretende tombar a esixencia legal de consensuar no Parlamento a elección do director ou directora xeral do ente público.
Malia aprobación da lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia en 2011 e o impulso á norma que chegou catro anos despois a través dun pacto entre PP e PSOE, a elección do director xeral segue bloqueada pola falta de acordo que permita o apoio dos dous terzos do Parlamento en primeira votación ou, de non acadárense, dos tres quintos en segunda volta. Así, o PP sacou da manga unha nova medida para manter o seu control sobre a dirección da CRTVG cunha modificación lexislativa incluída na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2016. "Ás agachadas e sen avisar", tal e como lembran representantes sindicais da comisión xestora que agora dirixe o comité intercentros da Compañía.
Os sindicatos censuran unha modificación "ás agachadas" que "bota abaixo un dos aspectos máis positivos da lei dos medios públicos"
A modificación supón que, mentres que no anterior texto se especificaba que o consello da administración da CRTVG e a súa dirección xeral continúan no exercicio das súas funcións "ata que se proceda ao nomeamento dos órganos de dirección da Corporación RTVG", algo que xa sucedeu, o actual aclara que será "ata que se inicie pola Corporación RTVG a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión". E engade, ademais, que "se neste momento non estivese elixida a persoa titular da súa dirección xeral, o exercicio das súas funcións corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da dirección xeral da Compañía".
Xa que logo, ábrese a porta a que se ao longo do ano que vén, e mesmo despois das eleccións, non hai un acordo entre partidos, o director nomeado polo PP podería continuar indefinidamente á fronte da CRTVG. Para Raquel Lema, representante da CUT -sindicato maioritario- na comisión xestora do comité intercentros, a medida supón "un escándalo", non só polo que supón senón porque "se fai ás agachadas, sorpresivamente e sen previo aviso". "Coan unha normativa que blinda o actual director xeral e que bota abaixo un dos aspectos máis positivos da lei, que exixía un consenso parlamentario para renovar a dirección, que fuxía así das directrices ou eleccións partidarias", di, tras advertir tamén o "intento de manter a manipulación informativa", longamente denunciada nos últimos anos por traballadores e oposición política.
Nos mesmos termos se manifesta Santiago Alvite, representante da CIG no comité interempresas da CRTVG, que aclara que "o PP nunca nada dixo das súas intencións" e que manifesta a súa "sorpresa" pola modificación legal inserida nos Orzamentos. "O cambio incide aínda máis na dependencia do poder político na CRTVG e non garante a independencia, senón que permite manter un sistema que utiliza os medios públicos a favor do partido gobernante", asegura tras denunciar que nin tan sequera "se manteña un dos aspectos máis positivos da normativa".
"O cambio incide na dependencia do poder político e mantén un sistema que usa os medios públicos a favor do partido gobernante"
Ademais, o decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, lembra que levan tempo pedindo "que a lei de medios públicos se poña en marcha de vez, toda xunta, e non só as partes que máis interesan". "Unha normativa é como unha engranaxe que debe funcionar en conxunto, porque un coche con motor pero sen volante só está destinado a esnafrarse", insiste.
Do mesmo xeito, Pereiro cre que a modificación introducida agora pola Xunta "é un paso máis na utilización dunha lei que, coas súas eivas, era positiva". "Estaba ben pero estase desvirtuando de novo o sentido que tiña e botando abaixo o máis importante: a desgobernamentalización dos medios públicos", engade tras advertir que se "están a dar pasos xustamente no sentido contrario". "Ademais, blíndase a dirección xeral, ás agachadas, tras das silveiras, logo de que a elección do consello de administración xa evidenciase a nula representación que ten da realidade parlamentaria e, máis aínda, da realidade social".
O Colexio de Xornalistas ve no cambio legal "un paso máis na utilización da lei da que se está desvirtuando o seu sentido inicial"
Ao tempo, fontes sindicais advirten tamén do "dubidoso papel" xogado polo PSdeG na negociación da aplicación da lei co PP, ao pactar, non sen polémica, a composición do consello de administración e ver agora como os populares intentan blindar ás súas costas a dirección xeral e o control dos medios públicos. "O PP utilizou o PSdeG", din mesmo algúns traballadores.
Sexa como for, no posto mantense o actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, elixido polo presidente Feijóo en 2009, nada máis chegar á Xunta, e entre acusacións de "manipulación informativa" por parte da oposición e dos seus propios traballadores. Acumula máis de seis anos no cargo malia que a lei para a renovación consensuada do seu posto remóntase xa a 2011. Catro anos despois, a modificación legal levada a cabo polo PP podería mantelo aínda moitos meses máis.