Villar Mir vende Ferroatlántica por 170 millóns a un grupo investidor dos Estados Unidos

Factoría de Ferroatlántica en Cee © Greenpeace

Advertírao o persoal hai só uns días. Finalmente, o Grupo Villar Mir vendeu Ferroatlántica. O fondo investidor estadounidense TPG Sitxh Street fíxose coa fábrica de ferroaliaxe de Cee-Dumbría e coas centrais hidroeléctricas vinculadas por 170 millóns de euros nunha operación na que quedou excluída a planta de Sabón. 

Ferroglobe vende a factoría de Cee-Dumbría e as centrais hidroeléctricas por 170 millóns de euros nunha operación da que queda excluída a planta de Sabón

Non foi, como se supoñía, a española Ferrovial quen mercou senón este xigante grupo investidor que acordou con Ferroglobe, participada nun 57% por Villar Mir. O seu grupo leva tempo querendo desfacerse do sen negocio de renovables para aminorar a súa débeda, pero a Xunta impedíralle hai dous anos a segregación das centrais do río Xallas ao non garantirse a continuidade da actividade industrial e logo dunha importante mobilización social. Agora, o Goberno galego e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia terán que dar o seu visto e prace a esta operación. 

Neste caso,a venda conxunta das centrais hidroeléctricas e da factoría da Costa da Morte permítelle a Villar Mir evitar o veto establecido pola Administración galega desde hai máis de vinte anos á separación da concesión das centrais da actividade da planta. 

Supón o traspaso de dez plantas hidroeléctricas cunha potencia xerador de 167 megavatios, xunto coa fábrica de ferroaliaxe. 

Villar Mir, nun acto co conselleiro de Industria en 2014 © Xunta

Queda fóra da venda a planta que Ferroglobe ten en Arteixo, que será disgregada para formar parte dunha nova sociedade, Ferroatlántica de Sabón. Ademais, a empresa do Grupo Villar Mir comprometeuse con TPG á compra en exclusiva da produción da fábrica da Costa da Morte e a subministrarlle a materia prima, o que garantiría o seu futuro. E considera que o acordo mellorará a situación financeira e achegará liquidez á compañía. 

O complexo de Cee-Dumbría estará agora operada por Ithaka Partners, empresa dirixida por Alejandro Seco, ex-empregado de FCC e con experiencia de varios anos en Unión Fenosa. 

Ferroglobe decidiu hai xa un tempo aplicar un ERTE en todas as súas plantas do Estado logo do recorte das primas de interrompibilidade e malia que a venda da enerxía producida polas hidroeléctricas galegas servía para compensarlle algo o seu elevado gasto enerxético. 

O fracaso de Villar Mir no último intento de venda das centrais

Foi na primavera de hai dous anos cando chegara o último intento de Villar Mir de desfacerse de parte do seu negocio en Galicia. Ferroatlántica solicitara á Xunta a segregación das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande das plantas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría. A compañía pedía oficialmente a Augas de Galicia -logo de reclamalo anteriormente de moitas outras formas- que, "en aplicación do interese xeral e de acordo a dereito", devolvese as concesións hidrálicas ao seu estado orixinal. E advertía que a autorización sería a "única" maneira de manter o emprego e o futuro da compañía no país.

A empresa propiedade do empresario Villar Mir -imputado no caso Bárcenas por presunto financiamento ilegal do PP e investigado na operación Lezo- reclamaba a "eliminación da prohibición" de segregar as actividades de ferroaliaxe e produción eléctrica que data dos anos 90, de cando o empresario pasou o controlar os activos, e que considera que se aplicou "de forma excepcional" e "en circunstancias especiais". Todo, cos traballadores de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, os alcaldes da comarca e a oposición política en contra.

Ferroatlántica anunciou na Bolsa en 2017 a futura venda das centrais, segregou as actividades no Rexistro Mercantil e pactou cos sindicatos estatais un plan industrial que avalaba esa venda

O plan da compañía estaba trazado. Ferroglobe, resultado da fusión de Ferroatlántica coa multinacional Globe, tiña previsto vender as centrais por 255 millóns, das que o grupo recibiría 153 descontados os gastos financeiros. Ademais, e malia non dispor de autorización ningunha para separar as actividades, a firma rexistrou no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) a escisión a nivel empresarial da súa división industrial nunha nova sociedade denominada Ferroatlántica de Electrometalurgia.

Ferroglobe presionou o Goberno galego, os alcaldes e os traballadores. Pero a Xunta, logo de meses de espera, acabou por vetar a segregación das actividades e a posterior venda. Ferroatlántica respondeu advertindo das graves consecuencias, avisando de futuros despidos, "precarización", cancelación de axudas a clubs e entidades deportivas e suspensión de investimentos e proxectos industriais en Galicia. Ás poucas semanas trasladou o proxecto de silicio solar a Puertollano, logo de anunciar un investimento de 42 millóns para esta factoría en Arteixo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.