Villar Mir fracasa no intento de vender as centrais de Ferroatlántica na Costa da Morte

Factoría de Ferroatlántica en Cee © Greenpeace

A Xunta non autoriza a segregación das actividades de Ferroatlántica na Costa da Morte, como pedía o grupo Villar Mir para a posterior venda das centrais hidroeléctricas, por "non existir garantías dabondo para o mantemento da actividade industrial". Así o asegura o Goberno galego nun comunicado, logo de que informase xa aos alcaldes da comarca e aos representantes dos traballadores das fábricas da compañía en Galicia, que sempre defenderon que os plans da multinacional non garantían o futuro. O propio Feijóo telefonou os rexedores para darlles a noticia, ante a que a multinacional non tardou en reaccionar anunciando que recorrería a decisión, acusando o Goberno galego de "desprezar" a creación de 500 empregos e ameazando coa "precarización" das condicións dos empregados actuais. 

A Xunta entende que "non existen garantías dabondo para o mantemento da actividade industrial" na Costa da Morte

O Executivo galego asegura que, tras "avaliar polo miúdo a documentación", ditaminou que "a solicitude non cumpría cos requisitos necesarios que fixa a lexislación para eliminar a condición esencial prevista na concesión, que consiste fundamentalmente en garantir o mantemento da actividade industrial". A decisión chega de Augas de Galicia, organismo encargado de elaborar o informe mediante o cal, segundo di o Goberno, a Xunta "cumpre cos compromisos adquiridos" de "estar ao lado da lei, respectando o principio de legalidade, e salvagardar o interese público da concesión, que neste caso en concreto está determinado pola continuidade da actividade industrial na comarca da Costa da Morte". 

Desde o comité de empresa entenden que a noticia "vén dar a razón aos argumentos defendidos polos traballadores" que, como lembran, "dende hai dez meses desenvolven unha loita histórica contra o espolio dos nosos recursos e en defensa dos empregos e do futuro da comarca". Foi o conselleiro de Economía e Industria quen, arredor das dúas da tarde, avisaba do ditame ao presidente do devandito comité, que solicitou unha xuntanza con Francisco Conde o máis axiña posible. 

A resolución, amparada polo informe da Asesoría Xurídica da Xunta, advirte que co proceso elevado por Ferroatlántica non se dan "as condicións necesarias nin se cumpren os requisitos legais para suprimir a condición actualmente vixente na concesión, que ten por finalidade garantir o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo na comunidade autónoma". Xa que logo, a condición de non segregar as actividades das centrais e das factorías de ferroaliaxe. Así, segundo o Executivo, "carece das condicións que establece a propia concesión de velar polo interese público".

O comité de empresa entende que a resolución confirma que a intención de Villar Mir era "ilegal" por máis que a buscase lexitimar "mesmo con prácticas mafiosas"

A resposta de Ferroglobe, en forma de comunicado, foi rápida e dura. Entende que a resolución da Xunta é "contraria a Dereito" ao manter unha cláusula que cre "anacrónica, ilegal e discriminatoria no libre exercicio da activade económica". Por iso, anuncia que recorrerá primeiro ante a Administración e, chegado o caso, ante a Xustiza ou en "calquera instancia". "A desestimación é flagrantemente contraria a Dereito porque vulnera a liberdade de empresa e o principio de iterdición da arbitrariedade dos poderes públicos", engade.

Os representantes dos traballadores, pola contra, entenden que o informe "confirma que as pretensións do Grupo Villar Mir son ilegais, por máis que a empresa buscara lexitimar social e xuridicamente esta operación, recorrendo mesmo a prácticas de tipo mafioso". "Non é posíbel desvincular a produción enerxética da produción de ferroaliaxes, pois esta unidade é a única garantía do interese público: do mantemento dos empregos, da industrialización da comarca e da actividade nas factorías de Cee e Dumbría", insisten. 

Ferroatlántica solicitou o pasado mes de maio oficialmente á Xunta o que levaba tempo reclamando

A Xunta destaca que a resolución "tivo en conta a argumentación presentada tanto pola empresa como polos representantes dos traballadores nas últimas semanas" e que actuou "coa máxima responsabilidade" e "sendo o máis garantista posible". Pero á compañía do Grupo Villar Mir a decisión non lle chistou nada. Tanto é así que lle advirte ao Executivo galego que o seu "rexeitamento" á súa solicitude impide levar a cabo o seu plan de futuro para investir 100 millóns en Galicia, o que "prexudica gravemente os intereses" do país ao "desprezar a creación de 200 empregos directos e 300 indirectos en Sabón, Cee e Dumbría". 

A multinacional acusa a Xunta de "desprezar" a creación de 500 empregos, adianta que haberá despidos e "precarización" e mesmo di que "revisará" as axudas a clubs e entidades

Pero hai moito máis. Segundo Ferroglobe, a negativa da Xunta "aborta a implantación en Galicia" dun proxecto de fabricación de silicio solar que "deberá buscar nova localización" nun lugar "con condicións económicas, industriais e sociais máis favorables". E advirte tamén que "carece de sentido" manter en Sabón as actividaes de Silicio Ferrosolar, "que serán paralizadas de inmediato, unha vez que se tramiten as medidas laborais correspondentes". Mesmo ameaza coa "precarización" do emprego existente na actualidade. "O rexeitamento da Xunta deriva na precarización dos 533 empregos actuais" nas centrais hidroeléctricas e nas fábricas de Cee, Dumbría e Sabón, explica a empresa, que aclara que agora os planteis "non terán garantía ningunha de estabilidade" fronte a que ofrecían. Indo aínda máis aló, advirte de que haberá "medidas reorganizativas" e mesmo que "revisará" as súas actuacións de mecenado e apoio a clubs e sociedades, un total de 400.000 euros anuais. 

Con todo, desde o comité de empresa destácase que foi "a mobilización social" a que "conseguiu evitar a segregación e venda das centrais" e lembran que os representantes dos traballadores lograron "involucrar toda a Costa da morte na loita", mesmo con "manifestacións multitudinarias" como as do pasados 10 de marzo e xullo. Por iso, agradecen temán "aos alcaldes da comarca, aos veciños e veciñas e aos partidos políticos o gran apoio amosado durante todo o conflito".

O comité destaca que foi "a mobilización social" a que "conseguiu evitar a segregación e venda das centrais"

Aínda así, o comité "lamenta" a demora na resposta da Xunta "nunha cuestión na que a legalidade era ben clara" e espera que a denegación "aclare definitivamente que non existe marco legal para que a empresa poida levar adiante a segregación de actividades". "Esperamos que a resolución sexa precisa neste sentido para que non se volva repetir unha situación similar no futuro", advirte. En conversa con Praza.gal engade que non esperan "a curto prazo" outro intento da compañía pero si "recursos pola vía administrativa e xudicial". 

 

Presión e resposta social

Foi a principios do pasado mes de maio cando Ferroatlántica solicitou á Xunta a segregación das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande das plantas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría. A compañía pedía oficialmente a Augas de Galicia -logo de reclamalo anteriormente de moitas outras formas- que, "en aplicación do interese xeral e de acordo a dereito", devolvese as concesións hidrálicas ao seu estado orixinal. E advertía que a autorización sería a "única" maneira de manter o emprego e o futuro da compañía no país.

A multinacional aseguraba que a segregación era a "única" maneira de manter o emprego e o futuro da empresa no país

A empresa propiedade do empresario Villar Mir -imputado no caso Bárcenas por presunto financiamento ilegal do PP e investigado na operación Lezo- reclamaba a "eliminación da prohibición" de segregar as actividades de ferroaliaxe e produción eléctrica que data dos anos 90, de cando o empresario pasou o controlar os activos, e que considera que se aplicou "de forma excepcional" e "en circunstancias especiais". Todo, cos traballadores de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, os alcaldes da comarca e a oposición política en contra.

O plan da compañía estaba máis que trazado. Ferroglobe, resultado da fusión de Ferroatlántica coa multinacional Globe, tiña previsto vender as centrais por 255 millóns, das que o grupo recibiría 153 descontados os gastos financeiros, tal e como informou no feito relevante destinado ás autoridades da Bolsa de Londres e Nova York a principios de ano. Ademais, e malia non dispor de autorización ningunha para separar as actividades, a firma rexistrou no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) a escisión a nivel empresarial da súa división industrial nunha nova sociedade denominada Ferroatlántica de Electrometalurgia.

Ferroatlántica anunciou na Bolsa a futura venda das centrais, segregou as actividades no Rexistro Mercantil e pactou cos sindicatos estatais un plan industrial que avalaba esa venda

Ferroglobe presionou o Goberno galego, os alcaldes e os traballadores e pediu ao Executivo que "autorice a operación que garanta o futuro da compañía en Galicia" tras advertir que a cancelación da "extemporánea" prohibición vixente permitiría "a venda das centrais e, con ela, executar o plan industrial de futuro avalado pola maioría sindical o pasado 8 de abril". Aquel acordo a nivel estatal, rexeitado por 20 dos 27 delegados das diferentes empresas do grupo en Galicia, provocou que os delegados de CCOO e UGT en Ferroatlántica abandonasen os sindicatos.

Segundo a empresa, este plan inclúe para Galicia investimentos por valor de 102 millóns para "manter rexuvenecer os cadros de persoais actuais, crear outros 200 empregos directos e favorecer a xeración de 300 indirectos".

 

Unha segregación vetada desde hai máis de 20 anos

Malia que Ferroglobe aseguraba que a prohibición "vulnera o dereito fundamental á liberdade de empresa" e é "contraria ao ordenamento xurídico", son varias as sentenzas en contra da segregación. Ditames do TSXG e do Supremo certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva, logo de que Villar Mir recorrese en varias ocasións. O grupo empresarial propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado.

Daquela, o Goberno de Fraga e coa aprobación do Parlamento condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías.

En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica. 

A manifestación do persoal de Ferroatlántica ao seu inicio, na Alameda de Santiago Dominio Público Praza Pública
Villar Mir, nun acto co conselleiro de Industria en 2014 © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.