Persoal de Ferroatlántica peregrina á Xunta ante a inminente decisión sobre as peticións de Villar Mir

Comezo da marcha do persoal de Ferroatlántica, este mércores en Cee CC-BY-NC-SA CIG

O tempo vai rematando. "Quedou de pronunciarse en xuño, estamos en xullo e estamos esperando" para saber se o Goberno galego accederá ao que o persoal considera "un auténtico espolio" e a dirección de Ferroglobe -antiga Ferroatlántica-, todo un dereito. Nestes termos se expresa o comité de empresa que, apoiado por veciñanza, rexedores e grupos políticos da oposición parlamentaria, este mércores se botou a andar dende Cee coa previsión de chegar a Santiago o vindeiro sábado e alí reclamar que a Xunta non acceda ás peticións do grupo Villar Mir, isto é, non autorice a segregación dos negocios de produción hidroeléctrica e ferroaliaxes como paso previo á venda das centrais que a empresa explota nos ríos Xallas e Grande.

Rexedores de concellos como Cee, Dumbría, Muxía, Carnota ou Mazaricos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, secundaron unha mobilización que se inicia marcado pola desconfianza do persoal afectado a respecto da actitude da empresa, pero tamén da Xunta. Como detallou o comité de empresa na presentación das súas alegacións á solicitude de Ferroglobe, cunde a sensación de que a cúpula da compañía está a asegurar ante o Executivo galego un plan industrial para a comarca cos cartos obtidos coa venda das centrais mentres aos seus accionistas lles di que eses fondos servirán para sanear as contas da compañía.

Con este pano de fondo a marcha iniciada este mércores e a manifestación prevista na capital galega para o sábado ten unha dobre finalidade: reclamar á Xunta que non atenda as reclamacións de Ferroglobe e que o faga con celeridade. "Se a Xunta accede a suprimir a prohibición de segregar ambas actividades será por decisión política" e esta terá que traer consigo unha "sólida xustificación de cal é o interese público que xustifica esta medida", xa que a "obrigada vinculación" entre as fábricas de ferroaliaxes e as centrais é, "precisamente, garantir o emprego". "Daría moi pouca credibilidade á Xunta do PP que o señor Feijóo antepoña os intereses dunha empresa que está sendo investigada polo financiamento irregular do seu partido" aos "intereses dos seus administrados" e, concretamente, das 400 familias da Costa da Morte afectadas pola eventual destrución de emprego, din.

Pontón uniuse no inicio da marcha ao persoal de Ferroatlántica, que no segundo treito estará acompañado polo vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, e por 'Mini', do BNG

A investigación a Villar Mir polo presunto financiamento irregular do PP aludiu tamén Pontón no primeiro treito da marcha. "Feijóo ten que dicirnos de que lado está, se co empresario imputado por corrupción ou co emrpego e a dignidade deste país", sinala a líder do BNG, a cuxo xuízo "esta mobilización é importante" por producirse "na fase final do debate". "Se hai un proceso participativo amplo, unha ampla mobilización, pronto teremos boas noticias,  daremos un disgusto a Villar Mir e gañaremos todos os galegos e galegas", conclúe.

Rueda afirma que a resolución "está próxima a emitirse" e mantén que a Xunta non aceptará "presións"

Mentres, dende a Xunta, a resposta oficial á mobilización é que a resolución sobre a segregación está "próxima a emitirse", en verbas do vicepresidente, Alfonso Rueda. Como xa sinala o propio Alberto Núñez Feijóo, Rueda mantén que o Goberno non vai aceptar "presións" nin do persoal nin da empresa e que se limitará a cumprir co "marco legal" para decidir se autoriza ou non a segregación.

Tras a súa primeira etapa, ata Mazaricos, a peregrinaxe ata Compostela continuará este xoves entre A Picota e Negreira, treito no que se unen á protesta o vicevoceiro parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, e mais o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini'. O venres a comitiva completará o percorrido entre Negreira e Bertamiráns e o sábado prevé entrar na capital galega, cunha manifestación a partir das 12 dende a Alameda.

A comitiva, ante a casa do Concello de Mazaricos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.