Ferroglobe cumpriu a súa ameaza. Logo de que a Xunta decidise non autorizar a segregación das actividades da compañía na Costa da Morte, tal e como pedía o grupo de Villar Mir para a posterior venda das centrais hidroeléctricas, a multinacional advertiu das posibles consecuencias. Avisou de futuros despidos, "precarización", cancelación de axudas a clubs e entidades deportivas e suspensión de investimentos e proxectos industriais en Galicia. E vai cumprindo.
Ferroglobe traslada o proxecto de silicio solar a Puertollano, logo de anunciar un investimento de 42 millóns para esta factoría en Arteixo
A empresa resultante da fusión de Ferroatlántica e a estadounidense Globe anunciou esta semana que traslada completo o seu proxecto de silicio solar a Puertollano (Ciudad Real), logo de que hai agora un ano anunciase un investimento de 42 millóns para esta nova factoría en Arteixo. Foi nesta localidade da área metropolitana coruñesa onde os traballadores de Ferrosolar levaron a cabo durante anos investigación para desenvolver tecnoloxías de purificación de silicio e obter a modalidade deste material apto para pezas empregadas na xeración de enerxía fotovoltaica. O traballo de I+D deu resultados grazas a un persoal -28 empregos directos e 12 subcontratados- "que teñen os coñecementos para desenvolvelo", tal e como lembrou este xoves o alcalde da vila arteixán, Carlos Calvelo, que non entende o traslado.
"Os traballadores e Arteixo son vítimas inocentes dunha vinganza contra a Xunta por parte de Ferroatlántica", di o alcalde
"Os traballadores e o Concello de Arteixo son vítimas inocentes dunha vinganza contra a Xunta por parte de Ferroatlántica", dixo "clara e abertamente" o rexedor, acompañado por representantes sindicais dunha compañía que, co seu importante desenvolvemento tecnolóxico, logrou crear un po de silicio de alta calidade e situarse como firma vangarda no sector. Agora, o proxecto desenvolvido na localidade e destinado a completar o proceso en Galicia marcha a máis de 800 quilómetros.
Calvelo ten claro que a decisión de non situar en Arteixo o proxecto desenvolvido nese municipio débese á decisión tomada pola Xunta, logo dunha forte presión social e cidadá, de non autorizar a venda das centrais dos ríos Xallas e Grande. "Foi por iso polo que Ferroglobe decidiu obviar o que xa anunciara. "Sabemos e coñecemos como funcionan as multinacionais, pero gustaríanos que alguén nos viñese a explicar a Arteixo por que non interesamos", cargou con dureza o rexedor, que acusou a compañía de "non ter nin a dignidade nin o respecto de facer unha chamada para explicar as razóns de non instalarse aquí cando se facilitaron todas as posibilidades".
Ademais, Calvelo lembroulle a Ferroglobe que "Arteixo leva 30 anos de convivencia cunha industria pesada con afectacións na contorna" tras amosar a súa "decepción" coa compañía. Ao tempo, Roberto Teijido, secretario xeral de metal, construción e afíns de UGT na Coruña, que lembrou que a empresa "insitíu moito" en vender as centrais hidroeléctricas para ter activos cando "agora resulta que sen vender vai investir 70 millóns en Puertollano".
Ferroglobe desenvolveu o proxecto I+D en Arteixo e obtén o silicio de Serrabal, pero rematará o ciclo produtivo en Ciudad Real
"Perdémonos algo aquí...", engadiu quen lembra que ademais de deixarse de crear uns 90 postos de traballo, tamén están "en risco" os empregos dos 40 traballadores do centro de I+D Ferrosolar. Ademais, recordou tamén que a materia prima empregada é galega, en referencia a que o material obtido extraese na mina de Serrabal e é transformado en Sabón, situación que, como advirte o alcalde, fai máis incomprensible a decisión en termos económicos e viran máis cara á represalia.
O BNG xa criticou no Parlamento este "modelo depredador" e reclamou á Xunta que garanta que Ferroglobe transforme o silicio de Serrabal en Galicia. "Trátase de recursos minerais do país dos que a multinacional se beneficia grazas a unha concesión pública", lembrou Noa Presas, portavoz nacionalista de Industria que presentou a iniciativa.
“Sería o colmo que a multinacional explote os recursos mineiros do país, co custo medioambiental que iso ten, para despois coller o mineral de Serrabal e levalo fóra para terminar o ciclo produtivo fora de Galiza, xusto o que xera máis valor engadido e emprego”, dixo, tras considerar que a Xunta “non pode estar en silencio" e que "ten que reaccionar de inmediato". "Sobre todo se temos en conta que é en Galiza onde a multinacional obtén o mineral, un silicio purísimo de gran calidade que se traduce en grandes beneficios para a empresa”, engadiu.
O de Serrabal é o xacemento de silicio máis importante de Europa, pero Ferroglobe xustifica a súa decisión. Di que xa avisara en agosto das súas intencións e que o proxecto de Puertollano é máis barato de facer que o de Arteixo.