O ano comeza en Ferroatlántica cunha concentración da CIG no porto de Brens (Cee) para protestar contra o “desmantelamento” da factoría que a empresa ten nesta localidade da Costa da Morte. Segundo o sindicato nacionalista, a compañía está a levar a cabo un “boicot e sabotaxe” da súa propia fábrica para provocar o peche e cumprindo cunha das ameazas que lanzou cando hai ano e medio a Xunta lle denegara a solicitude para segregar as actividades industriais e enerxéticas e poder vender as centrais hidroeéctricas dos ríos Xallas e Grande.
A CIG advirte do "desmantelamento, sabotaxe e boicot" de Ferroatlántica na súa propia fábrica
A CIG denuncia o "desabastecemento de materias primas" da fábrica, a paralización de dous fornos, a ameaza dun posible ERE e o desvío de produción que se está a trasladar a outra factoría que Ferroatlántica ten en Francia.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, presente na concentración denuncia que a paralización dos fornos non se debe a causas obxectivas, senón a “un novo intento de deslocalizar a produción” e advirte de que xa está levando a cabo un recorte do cadro de persoal “antes mesmo de presentar os papeis do ERE”.
O sindicato aclara que desde o pasado día 1 xa non traballan eses dous fornos, persoal das auxiliares cesou na súa actividade e os eventuais que cubrían baixas ou vacacións non foron chamados. A ameaza abrangue os case 300 traballadores do cadro de persoal ademais de traballadores eventuais e auxiliareas, un total de 400 empregos.
A CIG cre que Ferroatlántica prepara o terreo para “xustificar causas obxectivas” de cara ao peche definitivo da factoría
A CIG entende que o movemento da fábrica intenta “sabotear” o centro de Brens e preparar o terreo para “xustificar causas obxectivas” de cara ao peche definitivo da factoría por parte da compañía que dirixe Juan Manuel Villar Mir, ao que acusan de teimar nas súas intencións de botar o fecho á fábrica “poñendo en perigo a súa viabilidade” e quedar así coas centrais.
Por iso, a CIG reclama á Xunta que “actúe de forma inmediata” e que vele polo cumprimento das condicións da concesión de explotación, que vincula as centrais hidroeléctricas do Xallas e o Grando co mantemento da actividade nas fábricas.
O sindicato e BNG advirten de que a concesión das centrais implican manter a actividade e os postos de traballo
Hai ano e medio, e logo de meses de protestas e mobilización, a Xunta rexeitou a solicitude de Ferroatlántica de segregar as actividades industriais e enerxéticas para vender as centrais.
A decisión tomárase por “non existir as garantías dabondo para o mantemento da actividade industrial”. A empresa respondera daquela acusando o Goberno galego de “desprezar” os 500 empregos que prometera e anunciando despedimentos e “precarización”.
O BNG denunciou a “deslocalización encuberta” da que acusan a Villar Mir e insta a Xunta a que “espabile” e que lle lembre ao empresario que ten unha concesión de explotación das centrais “que non é a cambio de nada, senón a cambio de manter a actividade e os postos de traballo”.