0 Gardados para despois

Delegados de CCOO e UGT en Ferroatlántica deixan estes sindicatos por apoiaren a venda das centrais

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O acordo alcanzado por Ferroglobe e os sindicatos estatais para levar adiante un plan industrial que supón a venda das centrais hidroeléctricas do grupo na Costa da Morte está a sacudir tamén a representación sindical. Os delegados que UGT e CCOO teñen no comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas decidiron deixar as súa organizacións e manterse como independentes tras rexeitar o pacto asinado en Madrid.

Sete delegados -catro de UGT e tres de CCOO- deixan os sindicatos e manteranse como independentes no comité de Ferroatlántica 

Así, os sete delegados -catro de UGT e tres de CCOO- no comité optaron este domingo por dimitir como representantes dos sindicatos que, xunto con USO e Sindicato Unitario, asinaron un acordo que inclúe a segregación e posterior venda dos activos hidroeléctricos, unha posibilidade por agora ilegal e que só podería realizarse de contar coa autorización da Xunta de Galicia.

A marcha das súas organizacións foi confirmada a Praza polo presidente do comité, Alfonso Mouzo, que advirte que os sete delegados "foron utilizados polos seus sindicatos" para que a empresa puidese presumir dun maioritario apoio "que non é tal". A empresa insiste en que o apoio ao plan presentado foi do 73%, pero 20 dos 27 delegados das diferentes empresas do grupo de Villar Mir en Galicia votaron en contra.

Nun comunicado, segundo adiantou Economía Digital, os tres representantes de Comisións no comité acusan os sindicatos que deron o visto e prace ao plan industrial de "defender os intereses da firma en lugar dos da comarca" e de asinar un acordo "decepcionante". En canto aos catro de UGT, aseguran que non se senten "apoiados nin representados por esas siglas" e acusan a central de "non respectar" a súa postura. "Non respectou os afiliados, non respectou os traballadores da fábrica, nin as mobilizacións feitas, sobre toda a do 10 de marzo, polo que non se respectou o sentir dunha comarca".

Os delegados acusan a CCOO e UGT de "defender os intereses da firma en lugar dos da comarca"

Os representantes dos traballadores en Galicia xa advertiran, antes da reunión que era unha "estratexia" de Ferroatlántica para buscar o apoio sindical e "lexitimar o seu ilegal proxecto". No cadro de persoal da Costa da Morte a indignación tras o acordo foi total, advertindo que se asinara obviando os sindicatos no país e que o 75% da representación na comunidade xa amosara o seu rexeitamento ao plan industrial. Porque nin a CIG -que ten maioría no comité con seis representantes- nin os delegados de Cee-Dumbría asistiron á mesa de negociación que consideran  un "teatro". 

Os trece membros do comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas non aceptan estes plans da empresa, ao igual que a maioría dos representantes na planta de Sabón, que votaron en contra. Ao advertiren tamén aos seus compañeiros na mesa de negociación que ninguén negociaría por eles, o comité reivindica a ilexitimidade dun marco negociador que non recoñece pero agora, ademais, CCOO e UGT quedan sen representantes nun comité que contará con sete delegados da CIG e seis independentes. 

O texto asinado en Madrid advirte de "de non acometerse as iniciativas que se prevén no presente acordo, será necesario levar a cabo, ao igual que se fixo noutros países nos que opera o grupo, medidas urxentes que inclúen: o peche de instalacións cuxa viabilidade perde sentido sen investimentos a futuro (como Silico Ferrosolar), a deslocalización da actividade produtiva, a redución xeneralizada do cadro de persoal mediante a aplicación de ERE ou ERTE, a redución de custos laborais, recortes de investimentos que conducen á inviabilidade dalgunhas instalacións e outras medidas".

No plan prevense varios investimentos, entre eles 118 millóns para a construción de dúas plantas de produción de silicio solar, unha delas en Sabón, ademais de 28 millóns para un novo forno e outras mellores en Cee-Dumbría, e nove millóns para unha planta de carbón vexetal na Costa da Morte. Tamén anuncia 14 millóns para dúas plantas de sinterización vinculadas á ferroaliaxe, ou 34 para mellorar varias factorías, entre elas as de Cee-Dumbría e Sabón.

O comité continúa a esperar por unha xuntanza co conselleiro de Economía e "sen noticias" da Xunta

A Xunta insiste en que non ten unha proposta en firme da empresa, pero recoñece estar disposta a "analizala", no caso de que a presente. Desde o comité, seguen "sen noticias" da Administración galega. O seu presidente, Alfonso Mouzo, lembra que xa solicitaron "seis veces" unha xuntanza co conselleiro de Economía e Industria pola que seguen esperando. 

"De venderen as centrais, non duramos aquí nin dous telediarios", di o comité, que advirte dos intentos de "desmantealmento e deslocalización"

Para os traballadores, esta nova medida de presión de Ferroglobe non é máis que "unha chantaxe". "A nós en particular e aos galegos en xeral; están ameazando cun ERE cando gañan cartos a mancheas", advirte Mouzo, que asegura que os verdadeiros obxectivos do grupo de Villar Mir son "o desmantelamento das fábricas na Costa da Morte e a deslocalización". "En canto venda as centrais, nós aquí non duramos nin dous telediarios porque o que fabricamos nós tamén se fai en Venezuela, China ou Suráfrica... Ese é o verdadeiro propósito", insiste, antes de rematar e lanzar unha pregunta: "alguén viu algunha vez que unha empresa preguntase aos traballadores se queren investimentos e melloras?". "Se o fan é porque non é verdade e teñen que disfrazalo dalgunha maneira para llo presentar á Xunta", di. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.