O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, volverá ser candidato ás eleccións municipais para aspirar a un quinto mandato como alcalde das Pontes. Tras catro eleccións consecutivas logrando o bastón de mando pontés -en 2007 pola mínima e en 2011, 2015 e 2019, por amplas maiorías absolutas-, Formoso optará o vindeiro 28M a conseguilo por quinta vez pero nun contexto ben distinto: agora é o máximo responsable do seu partido en Galicia e por iso non desbota, cando menos de momento, acabar sendo cabeza de cartel socialista á Xunta nas eleccións que, agás en caso de adianto, se celebrarían en 2024.
Formoso citou os medios de comunicación este venres nas Pontes para comunicar unha decisión que está ligada tamén á posibilidade de continuar sendo presidente da Deputación coruñesa, cargo ao que chegou por primeira vez en 2015 e revalidou hai catro anos, en ambos casos en coalición co BNG. Coida o dirixente socialista que segue sendo "perfectamente compatible" manter ambas responsabilidades institucionais nun momento no que toca "arremangarse" e non ficar en "posicións persoais cómodas".
Afirma o líder do PSdeG que a súa decisión de se manter na política municipal e aspirar a seguir gobernando nas Pontes chega tras unha "reflexión" ligada á "transformación" que está a experimentar a vila polo peche da central térmica e os proxectos industriais en marcha, que cifra nuns 1.400 millóns de euros de investimentos e "centos" de postos de traballo. Atender o futuro industrial das Pontes é tanto como facelo co futuro industrial de Galicia e por iso, afirma, "toca ser responsables".
O secretario xeral do PSdeG defende que é momento de velar polos proxectos industriais en marcha na súa vila "dende As Pontes para Galicia" sen que iso supoña "renunciar" ao seu "compromiso" en clave galega: "Toca ser responsables"
A fábrica de papel tisú de Ence, a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP ou a factoría de pneumáticos de Sentury son mostras, di, de proxectos "estratéxicos" dos que cómpre ocuparse "dende As Pontes para Galicia". E esa é a razón, di, pola que recuncar como candidato municipal non supón renunciar ao seu "compromiso persoal con Galicia", senón todo o contrario no marco dun "complexo momento no ámbito laboral e industrial".
Preguntado ao respecto, Formoso mantén que a súa decisión é compartida pola dirección federal do PSOE, que encabeza o presidente Pedro Sánchez. No seo do PSdeG, asegura, tamén se avala a compatibilidade da secretaría xeral cos dous cargos institucionais que xa ostenta no concello e na provincia aínda que impliquen "renuncias persoais", admite.
O anuncio de Valentín González Formoso chega en vésperas de que o Comité Nacional do PSdeG aprobe as candidaturas do 28M para o conxunto dos concellos. Tamén despois de meses de múltiples ruxerruxes a respecto dun eventual retorno á primeira liña política do ex-secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro tras o arquivo de todas as causas xudiciais que o atinxían. Sobre Besteiro, o propio Formoso afirmou o pasado decembro que apoiaría a súa candidatura á Xunta se o lucense decidise dar o paso.