Formoso reivindica o PSdeG cara ás municipais por "mirar polo ben da xente" mentres o PP protexe a súa "xente de ben"

Presentación de Luis López Bueno -terceiro pola dereita- como candidato do PSdeG á alcaldía da Estrada, este sábado CC-BY-NC-SA PSdeG

O reproche de Alberto Núñez Feijóo a Pedro Sánchez no que o ex-presidente e actual líder do PP acusou o titular do Goberno de España de "molestar a xente de ben" coa lei trans leva toda a semana ecoando no debate político estatal e faino tamén nos actos de precampaña municipal desta fin de semana. Así sucedeu este sábado no acto de presentación do candidato do PSdeG á alcaldía da Estrada, Luis López Bueno, arroupado polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e numerosos cargos socialistas, entre eles o ministro do Interior.

O secretario xeral do PSdeG subliña medidas do Goberno de España como a suba das pensións ou das bolsas de estudo

Cara á cita electoral do 28M, defende Formoso, o PSdeG en particular e o PSOE en xeral ten claro que "non é o partido da xente de ben" á que alude Feijóo, senón "o partido que mira polo ben da xente" e ademais "o concreta con feitos que podemos ver publicados nos boletíns oficiais e que cambian a vida desa xente". Así sucede, exemplifica, coa suba do 8,5% das pensións, que beneficia "a 681.000 galegos e galegas", ou co "investimento histórico de 2.500 millóns para bolsas de estudo" acabado de aprobar en Consello de Ministros.

Feijóo acusa a Pedro Sánchez de "molestar á xente de ben" coa lei trans e mófase da súa política social, o pasado martes no Senado

Medidas coma estas, di o secretario xeral do socialistas, son "polas que paga a pena meterse en política" e tamén "apoiar o PSdeG" nas vindeiras eleccións municipais. No caso da Estrada, gobernada polo PP con maioría absoluta dende 2011, Formoso sinala que o apoio ao seu candidato ten tamén por obxectivo "reverter o inverno demográfico" e, agrega Fernando Grande-Marlaska, "darlle ao concello políticas dirixidas ao progreso e á cohesión social".

O candidato socialista da Estrada contrapón a ansia do candidato do PP por lograr unha cuarta maioría absoluta coa súa aposta, di, por "saír da crise demográfica" nun concello a piques de baixar dos 20.000 habitantes

En presenza doutros cargos como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou do secretario xeral do partido na provincia e responsable da Zona Franca de Vigo, David Regades, o candidato á alcaldía expuxo que entre os seus proxectos están precisamente colaborar coa Zona Franca "para desenvolver o polígono industrial" da vila. Porque esa, afirma, é unha das vías para "xerar riqueza, crear empregos e saír da crise demográfica".

Neste sentido, López Bueno contrapón o seu lema, Máis de 20.000 razóns, co do candidato do PP na precampaña, Catro por catro. Mentres que o PSdeG, di, pon o foco na necesidade de "saír da crise demográfica" e evitar que o concello caia por baixo dos 20.000 habitantes -actualmente ten apenas 20.100 e hai unha década eran case 22.000-, o actual alcalde e aspirante á reelección, o popular José López Campos, céntrase na súa aspiración de conseguir catro maiorías absolutas consecutivas.

Luis López Bueno, candidato do PSdeG á alcaldía da Estrada, flanqueado por Formoso e pola deputada no Congreso Ángeles Marra CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.