Feijóo acusa a Pedro Sánchez de "molestar á xente de ben" coa lei trans e mófase de políticas sociais do Goberno de España como a suba do salario mínimo ou das bolsas de estudo. En infoLibre, crónica da sesión de control no Senado, na que o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP interpela a Sánchez na súa condición de senador por designación do Parlamento de Galicia.
Fálase
O PP impide a creación dunha comisión de investigación sobre o concurso eólico de 2010 que reclamaba o BNG, formación que acusa a Xunta de "perdoar" compensacións millonarias a promotoras de parques asignados daquela. A proposta do Bloque si recibiu o apoio do PSdeG. Na imaxe, Luís Bará (BNG) defendendo a iniciativa.
O Consello de Ministros aproba o Real Decreto que regula as bolsas de estudo do curso 23-24, cun orzamento estimado de 2.520 millóns e unha contía media de 1.730 euros para estudos non universitarios e de 3.130 para os universitarios. A convocatoria inclúe novidades como novidades como un aumento de 1.600 a 2.500 nas bolsas de residencia para estudos postobrigatorios ou unha achega de 400 euros adicionais "para estudantes de niveis non universitarios" cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, trastornos de conduta, comunicación ou linguaxe ou do espectro autista. [Imaxe: © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
A presentadora Ana Rosa Quintana asegura que foi premiada pola Xunta "como peregrina". O presidente Rueda aplaude que a tamén empresaria do sector audiovisual agradeza o galardón no seu programa de Telecinco. O Goberno galego entregoulle o recoñecemento a pasada semana, como "mención especial" entre os premiados polo "éxito colectivo" do Xacobeo 21-22, entre os cales tamén incluíu, entre outros, ao Concello de Madrid.
Falece aos 83 anos o histórico futbolista coruñés Amancio Amaro. Militou nas filas do Victoria nos anos 50 do século pasado e do Deportivo da Coruña entre 1958 e 1962, onde foi un dos artífices do ascenso na temporada 1961-62. Como xogador do Real Madrid foi unha das estrelas do equipo ata finais dos 70. Nese período tamén fora convocado pola FIFA para formar parte dunha selección mundial que xogou contra o Brasil no Maracaná. Antes, en 1964, logrou o Balón de Bronce mentres o tamén coruñés Luis Suárez lograba o Balón de Prata. Na fotografía, Amancio Amaro (esquerda) xunto a Luis Suárez [© RC Deportivo]
- HEMEROTECA | Unha ducia de pezas históricas do fútbol galego
- HEMEROTECA | Unha ducia de protagonistas galegos de #onosoderbi
Israel deporta a Ana Miranda, eurodeputada do BNG. "Despois de moitas horas de agarda, non me permite a entrada como membro da Delegación de Relacións con Palestina do Parlamento Europeo" e "expúlsanme no primeiro voo a Madrid", relatou Miranda dende Tel Aviv a través das redes sociais. En 2015, as autoridades israelitas xa a deportaran durante a súa participación na III Flotilla da Liberdade, que buscaba rachar o bloqueo marítimo ao que Israel somete á franxa de Gaza.
Dimiten a secretaria de Estado de Transportes, a lucense Isabel Pardo de Vera, e o presidente de Renfe pola polémica da encarga de trens que non collerían polos túneles. A nova foi avanzada pola Cadena SER e chega despois de que xa fosen cesados outros dous cargos intermedios de Adif e Renfe.
Os galegos Jaime de Olano e Ana Pastor, que seguen con Feijóo, entre os executivos de Casado que o apoiaron antes da traizón, segundo conta El País. O xornal revela mensaxes internas de aval á denuncia de Casado contra Ayuso por suposta corrupción.
O tráfico entre Galicia e Portugal desviarase polo centro de Tui na noite do xoves ao venres polas obras da Xunta na Vía do Baixo Miño. A A-55, que enlaza en Valença coa A3 lusa, cortarase por completo nos dous sentidos entre as 10 da noite do xoves e as 6 da mañá do venres. A Xunta divulgou un plano co itinerario alternativo no que emprega o topónimo deturpado ‘Tuy’.
A Xunta impulsa unha lei de cultura inclusiva para apoiar a creación e o acceso á cultura de persoas con discapacidade, minorías étnicas, inmigrantes ou persoas transexuais. O Goberno galego iniciou este venres a exposición pública do anteproxecto, que di que “as administracións públicas fomentarán a pluralidade e a diversidade nas distintas actividades e manifestacións culturais e poñerán especial atención na necesidade de incluír todas as perspectivas, así como os distintos colectivos”.