Hai anos que gobernos de diversas cores políticas desenvolven accións a prol da igualdade de xénero no ámbito da infancia, caso das campañas contra os estereotipos de xénero nos xoguetes. Estas iniciativas adoitan ter especial énfase en datas como as do Nadal e Reis que vimos de pasar e así sucedeu tamén nestas festas 2021-2022, xa fose con campañas novas ou volvendo difundir outras de anos pasados.
Así, por exemplo, o Concello de Lugo ou a Deputación de Pontevedra divulgaron cadansúas iniciativas creadas especificamente para este ano, como a guía Xogamos pola igualdade ou o concurso Búscase talento, entre outras. Ao tempo, a Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta, volveu espallar a campaña Xoguetes para a Igualdade. Xogamos iguais. Os xoguetes non teñen sexo, protagonizada dende 2019 polos populares personaxes infantís d'Os Bolechas.
O departamento do Goberno galego volveu difundir a devandita campaña nas redes en vésperas do día de Reis. Case ao mesmo tempo, un deputado do PP por Lugo cualificou este tipo de iniciativas como unha "memez". Jaime de Olano, membro da dirección estatal do partido como vicesecretario de Participación, resumiu así a súa consideración cando estas campañas proceden do Ministerio de Consumo do Goberno de España, que en vésperas do Nadal lanzou unha guía para a elección de xoguetes sen estereotipos sexistas e mais a campaña Huelga de juguetes, coa mesma mensaxe.
"Non pode ser que teñamos un Ministerio que custa 60 millóns de euros e se dedica a memeces coma o sexismo nos xoguetes ou a nata dos roscóns", afirmou De Olano, membro da dirección estatal do PP
No marco dunha crítica xeral ao Executivo da coalición de PSOE e UP en declaracións aos medios en Lugo -tamén divulgadas polas redes sociais e o web do propio partido-, De Olano afirmou que "non pode ser" que "teñamos un ministerio que custa 60 millóns de euros" e que "se dedica a memeces coma o sexismo nos xoguetes ou a nata nos roscóns", en referencia a outra campaña do mesmo departamento sobre o consumo de produtos de Nadal.
O deputado do PP de Lugo e membro da dirección de Casado encadrou estas consideracións nunha esixencia de dimisión do ministro Alberto Garzón polas declaracións que realizou a finais de decembro ao xornal británico The Guardian, nas que subliñou a diferenza entre a produción cárnica en explotacións extensivas e sostibles e a que desenvolven explotacións intensivas como as macrogranxas, cos consecuentes efectos sobre o medio ambiente e a calidade dos produtos. O parlamentario, igual que o resto da dirección do PP e diversos medios de comunicación, considerou que estas consideracións implican "denigrar o sector gandeiro".