Decálogo para agasallares xoguetes non sexistas nin violentos

Unha das imaxes da campaña © Deputación de Pontevedra

As vacacións de Nadal están a piques de rematar, o que implica que resta moi pouquiño para a noite de Reis e para a mañá na que moitas nenas e nenos atopan agasallos ao erguérense da cama. Nestes días de procura de agasallos de última hora abondan, como vén acontecendo dende hai semanas, as mensaxes incitando á compra, moi especialmente no que atinxe aos presentes da rapazada. No entanto, polo medio dos reclamos comerciais logran coarse outras mensaxes que apelan a agasallar, si, pero reflexionando antes a respecto do consumismo ou da necesidade de non achegarlle a cativas e cativos xogos e xoguetes que reproduzan roles sexistas ou violentos.

Unha das institucións que lanzou nas últimas semanas unha guía para ir alén dos estereotipos foi a Deputación de Pontevedra. A través dos xoguetes, di a institución, nenas e nenos "poden imaxinar o seu futuro". A través dun sinxelo decálogo a entidade ofrece suxestións para permitir que nese mundo, imaxinario polo momento, "todas as persoas sexan capaces de desempeñar distintas profesións e gozar do coidado da súa familiar, independentemente de que sexan mulleres ou home". Estes son os consellos:

1-Nenas=nenos

O xogo é libre e espontáneo e, polo tanto, non existen xoguetes de nenas e xoguetes de nenos.

2-Rosa e azul

Tampouco existen cores de nenas ou de nenos, alén dos estereotipos. Os xoguetes non deben reproducir etiquetas sociais que limitan a creatividade.

3- Iguais e diferentes

Os xoguetes poden ser un bo espello para reflectir a diversidade de cada persoa en xénero, raza, procedencia xeográfica...

4-Educar xogando

O xogo tamén é educación. Por iso cómpre ter en conta que os xoguetes sexan seguros para cada idade e tamén adaptados ao nivel de madurez de quen vai xogar con el, libres de prexuízos sexistas ou racistas.

5-Un mundo libre e igualitario

É unha boa idea mercar xoguetes que facilitan a cooperación entre as nenas e os nenos e promovan que compartan espazos, tanto no parque como na casa.

O propósito deste decálogo non é "forzar" que nenas e nenos "xoguen con xoguetes que non lles gustan, pero tampouco impedirlles facelo con aqueles atribuídos pola sociedade ao outro sexo"

6-Promover as capacidades

Un xoguete que promova as habilidades persoais das nenas e nenos permite tanto o xogo tranquilo como o que require actividade física.

7-Participar

Xogos e xoguetes poden favorecer a axuda e a cooperación entre iguais, non śo a rivalidade.

8-Non violencia

Evitando xogos, xoguetes ou videoxogos que potencian ou amosan violencia promovemos a posibilidade de que nenas e nenos resolvan os problemas de xeito positivo, construtivo e creativo, e non de forma violenta.

9-Presenza de todas e todos

Cómpre procurar libros, xogos ou videoxogos nos que haxa personaxes tanto femininas como masculinos, nos que as nenas e nenos estean presentes por igual.

10-Diversión e imaxinación

Os xoguetes poden e deben estimular a curiosidade e o interese por investigar e descubrir. E non serven unicamente para que xogue a rapazada: que unha parte do agasallo sexa compartir imaxinación e tempo coas persoas adultas da casa.

O propósito deste decálogo non é "forzar" que nenas e nenos "xoguen con xoguetes que non lles gustan, pero tampouco impedirlles facelo con aqueles atribuídos pola sociedade ao outro sexo". Estes estereotipos, indica o documento, "impiden o desenvolvemento das capacidades e habilidades". Por iso unha boa elección dos agasallos "axuda a desmontar mitos como o de que as nenas son máis sensibles e os nenos, máis áxiles". 

Imaxe da campaña contra os xoguetes sexistas © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.