A Casa da Muller do Concello de Lugo promove unhas pautas para fomentar que os xogos e xoguetes cos que agasallamos ás nenas e nenos "amosen unha visión do mundo baseada na igualdade, o respecto e a liberdade"
Xogamos pola Igualdade. Guía de xogos e xoguetes non sexistas é a publicación coa que a Casa da Muller do Concello de Lugo quere potenciar que os regalos estean libres de prexuízos sexistas, aposten polo desenvolvemento de todo tipo de habilidades, propicien o xogo cooperativo e estimulen a creatividade e a curiosidade das nenas e nenos.
Trátase dunha proposta baseada na coeducación, un paradigma que persegue a erradicación de estereotipos entre sexos, superando as desigualdades sociais e as xerarquías culturais entre nenas e nenos. "Se queremos construír unha sociedade máis igualitaria, debemos ofrecer xogos e xoguetes libres de estereotipos de xénero, que amosen unha visión do mundo baseada na igualdade, o respecto e a liberdade", recolle a guía.
"O obxectivo é concienciar á cidadanía e promover a igualdade de oportunidades dende idades temperás para que as nenas e nenos poidan decidir sobre os xogos e xoguetes que máis lles gustan sen que a súa elección teña connotacións de xénero", explica a concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Lugo, Silvia Alonso, sobre esta guía dispoñible no sitio web municipal, que tamén recompila xogos tradicionais galegos.
A guía abrangue propostas para bebés e para nenas e nenos de ata 12 anos. Dos 0 aos 6 meses, unha "etapa fundamental no desenvolvemento", apostan por axóuxeres ou bonecos "adecuados ao seu tamaño, non tóxicos, con texturas agradables, con cores rechamantes e que sexan doados de limpar". Xa dos 12 meses aos 2 anos hai que buscar andadores, pelotas, xogos de encaixar pezas, cubos... cousas que lles permitan seguir a explorar o espazo e comezar moverse de maneira autónoma.
"Deben ser ferramentas coas que aprender e descubrirse como persoas iguais e non promover a asignación de roles sexistas", di a concelleira de Igualdade de Lugo
Dos 4 aos 6 anos o seu tempo de atención aumenta, "necesitan interactuar co espazo e desenvolver a comunicación e expresión así como a motricidade fina e grosa", xa lles gusta máis xogar en grupo e poden desenvolver o xogo simbólico. Para esta etapa recomendan as bicicletas, o tenis adaptado, os xogos de disfraces ou o teatro de monicreques. Da mesma maneira que, dos 9 aos 12 anos, "son moi importantes os xogos que anticipan situacións adultas profesionais, como, por exemplo, os de química, electricidade ou o microscopio".
"Sabemos que os xoguetes axudan á construción da identidade individual propia dos nenos e nenas e a desenvolver a súa autonomía, redundando no beneficio da poboación en xeral e, dado que eses xogos e xoguetes xeran expectativas de xénero, cremos que deben ser ferramentas coas que aprender e descubrirse como persoas iguais e non promover a asignación de roles sexistas", afirma Silvia Alonso.
Na guía recoméndase que os xoguetes para unha nena ou neno deben ser "poucos, esperados e desexados", ademais de "seguros e acordes á idade". É habitual buscar que sexan divertidos, mais tamén podemos atender a que conten con "diversas potencialidades de xogo" e, obviamente, estean "libres de prexuízos sexistas".
Para iso, é importante que sexan xogos "desenvolvedores de todo tipo de habilidades tanto en nenos coma en nenas" e que "ofrezan igualdade de participación, comunicación e interacción" entre elas e eles. "Non deben potenciar sentimentos diferentes en nenos que en nenas", advirten nesta publicación, que tamén fai fincapé en que "propicien o xogo cooperativo e actitudes non violentas".
Ademais, en tempos de pandemia, recomendan que haxa diversidade tamén no tipo de xogos en relación ao espazo. É dicir, que as crianzas poidan ter uns xoguetes que lles permitan xogar no interior da casa e outros específicos de exterior, que fomenten as estancias ao aire libre e a actividade física. Así mesmo, na guía apostan por que os xogos "cubran os ámbitos do público e do doméstico, tanto nas nenas coma nos nenos".