Os sindicatos agrarios galegos critican a Garzón e piden diferenciar entre granxas sustentables e produción industrial de carne

Vacas dunha explotación galega © R.Reboiro

As palabras do Ministro de Consumo, Alberto Garzón, alertando dos prexuízos medioambientais e para a saúde dunha inxestión excesiva de carne vermella, realizadas a través dun vídeo publicado nas redes sociais, espertaron nas últimas horas críticas xeneralizadas nos sindicatos agrarios galegos. Ás críticas uníronse nas últimas horas tanto o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, coma o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que afirmou dende Lituania que "onde me poñan un chuletón ao punto, iso é imbatible”.

"Onde me poñan un chuletón ao punto, iso é imbatible”, dixo este mércores Pedro Sánchez, nunha crítica ás declaracións de Garzón

No vídeo, baixo a etiqueta #MenosCarneMásVida, Garzón facía fincapé no importantísimo impacto ambiental da gandería, lembrando que o sector -"especialmente as macrogranxas"- produce o 14,5% das emisións de gases de efecto invernadoiro e que "para que teñamos 1 quilo de carne de vaca se requiren 15.000 litros de auga". O líder de Esquerda Unida facía un chamamento a reducir o consumo de carne ata os niveis recomendados pola OMS e lembraba que o Estado español é o maior consumidor per cápita da Unión Europea. Ante as primeiras críticas, Garzón puntualizou que "non dicimos que teñamos que deixar de consumir carne, senón que temos que facelo aos niveis que recomenda a ciencia, entre 200 e 500 gramos semanais. En España hoxe consúmese máis dun quilo á semana por persoa".

"A principal confusión é que ás penas distingue de modelos produtivos, metendo no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra", di o SLG

Porén, a puntualización non reduciu o nivel das críticas dos sindicatos agrarios que, sobre todo, pediron diferenciar entre os prexuízos medioambientais causados polas macrogranxas e gandaría industrial e os efectos, moi diferentes, das granxas de proximidade e de pequeno tamaño, que realizan unha produción sustentable e que achegan outros efectos positivos ao medio. 

Así, o Sindicato Labrego Galego pediu a retirada da campaña #MenosCarneMásVida, que "criminaliza o consumo de carne a través de medias verdades", acusándoa de "crear unha gran confusión entre a cidadanía". "A principal confusión é que ás penas distingue de modelos produtivos, metendo no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra, ou o consumo de carne de proximidade con outras importadas dende miles de quilómetros", di o SLG, que critica que o vídeo de seis minutos "dedica só 10 segundos a mencionar de pasada que existe a posibilidade de producir carne de maneira sostible".

O SLG recoñece que é certo que o Estado español é o maior consumidor de carne e que a gandería produce o 14,5% dos gases con efecto invernadoiro do planeta. Porén, o sindicato subliña que "todos eses datos cos que se criminaliza o consumo de carne responden a un modelo industrial intensivo e exportador que non ten nada que ver coa produción sostible de carne", ao tempo que pon o foco na importación de alimentos de territorios moi afastados, cun impacto medioambiental moi grande, favorecido por exemplo polos tratados de libre comercio asinados pola Unión Europea con Canadá ou co Mercosur.

O SLG reclama reducir drasticamente as importacións e exportacións alimentarias, apoiar as producións agroecolóxicas, desincentivar a produción industrial de carne sen base territorial e prohibir as macrogranxas

Ademais, reivindica que "a produción sostible de carne é necesaria para loitar contra o quecemento global e para manter a estrutura socio-económica dos nosos territorios", sinalando que "a produción de carne de vacún en base a pasteiros ten un efecto cero na emisión de gases con efecto invernadoiro", xa que os propios pastos funcionan como secuestradores de carbono. "Se a comercialización desa carne se fai na bisbarra ou na comunidade onde se produce, o impacto ambiental é mínimo", engade. O sindicato reclama "reducir drasticamente as importacións e exportacións alimentarias pola alta emisión de gases con efecto invernadoiro que supoñen", apoiar as producións agroecolóxicas, desincentivar a produción industrial de carne sen base territorial e prohibir macroproxectos como Noviercas.

Vacas nunha explotación gandeira galega © Xunta

"A produción sostible de carne é necesaria para loitar contra o quecemento global e para manter a estrutura socio-económica dos nosos territorios", di SLG

"Obviamente, a carne producida en factorías de formigón, sen terra, con miles de toneladas de dexeccións imposibles de procesar, e que destina a carne producida a países que están a miles de quilómetros, ten un impacto brutal sobre os ecosistemas e o medio ambiente. Pero iso é un problema xerado por un modelo produtivo, non pola produción de carne en si", conclúe o SLG.

 

Críticas de Unións Agrarias

Tamen Unións Agrarias publicou unha nota de prensa na que cualifica as declaracións de Garzón como "frívolas e indocumentadas" e como "un ataque gratuíto ao sector agrogandeiro", que destaca como "o máis comprometido coa sustentabilidade do planeta, a loita contra o cambio climático, a produción de alimentos de calidade para a cidadanía e cos obxectivos do benestar animal". Ademais, reivindica que o consumo de produtos cárnicos e lácteos "en proporcións axeitadas" xoga un papel moi importante na mellora da saúde da poboación.

UUAA lembra que o principal problema medioambiental de Galicia son os incendios forestais, ante o que "o manexo axeitado do gando é unha peza fundamental para a súa prevención"

O sindicato lembra, así mesmo, que "os pasteiros son, xunto ás terras de cultivo, o mellor cortalumes natural; pois producen discontinuidades da biomasa no territorio e protexen de forma estrutural as nosas masas forestais" e engade que o principal problema medioambiental de Galicia son os incendios forestais, ante o que "o manexo axeitado do gando é unha peza fundamental para a súa prevención".

Finalmente, Unións Agrarias denuncia que as declaracións de Garzón "fan o xogo con mentiras aos intereses de multinacionais dos alimentos ultraprocesados" nun contexto, ademais, no que o sector produtor de carne "está a pasar moitas dificultades como consecuencia da retracción da demanda pola crise da Covid19".

Macrogranxa de vacas leiteiras © COAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.