A maior explotación láctea de vacas de toda Europa nunha pequena localidade de Soria de menos de 160 habitantes. A 700 quilómetros de Galicia, o proxecto para a localidade de Noviercas contempla 20.000 cabezas e unha produción anual dunhas 200.000 toneladas. Coa crise de prezos vixente e o peche continuo de granxas en Galicia, sindicatos, produtores lácteos e cooperativas advirten do duro impacto que no sector do país terá unha iniciativa que é apoiada pola Deputación provincial, a Junta e a corporación deste pequeno municipio de Castilla y León.
Unha pequena de Soria prevé acoller a maior granxa láctea de Europa, con 20.000 cabezas leiteiras
Á espera do visto e prace medioambiental das Confederacións Hidrográficas do Douro e o Ebro, o proxecto vai cara adiante e supón unha mostra clara dun dos riscos e modelos dos que advertiron as organizacións agrarias coa supresión das cotas en 2015. O exceso de produción que provocara o final daquela época afondou na crise de prezos, aminorada logo ao reducirse as entregas. Pero en Galicia hai mil e pico granxas menos que hai dous anos e o prezo medio por litro continúa a ser o máis baixo no Estado. A apertura desta macroexplotación suporía un golpe máis para un sector en precario.
A produción anual supón case o 10% das entregas totais de todas as explotacións galegas
A importancia da súa magnitude revélase en cifras: as entre 180.000 e 200.000 toneladas de produción anual prevista supoñen case o 10% das entregas totais en Galicia e o número de cabezas leiteiras serían o 5% das que hai no país e o 2,5% do total do Estado. Nunha única explotación. No conxunto de España, pasaríase das algo menos de 600.000 toneladas actuais por cada exercicio a preto de 800.000.
Cun escenario de prezos moi volátiles ante o aumento da oferta, moitas granxas de menor dimensión poderán verse afectadas, tamén ao priorizar as grandes compañías a recollida na macroexplotación de Noviercas pola súa ubicación, moito máis perto de grandes áreas de consumo, fronte a granxas tradicionais máis afastadas e con moitos peores accesos.
Nun mercado volátil, o aumento da oferta acabará por reducir máis os prezos e poñer en perigo máis explotacións
Desde o SLG alertan do descenso de prezos, ademais da posible afectación directa no sector galego. "Galicia, por ter a maioría das granxas e de produción no Estado, será a gran damnificada unha vez que estas macrogranxas se metan no mercado sen que se incremente a demanda", di Isabel Vilalba, secretaria xeral do sindicato, que se pregunta "como é posible que administracións públicas [como o caso da Diputación de Soria] apoien con diñeiro público modelos coma este".
Os prezos volverán descender, haberá explotacións que teñan que vender a prezo de leite en po e "moitas empresas poden empregar modelos monstro coma este para ameazar con non recoller leite que non queden nas súas zonas de recollida ou presionen para descender o importe".
Para a Federación Rural Galega (Fruga), a construcción deste tipo de granxa "para nada beneficia os intereses das mais de 8.500 granxas galegas, porque de levarse adiante este proxecto, un importante número de explotacións lacteas terán que pechar as súas portas". A mesma opinión ten Unións Agrarias, así como a organización estatal na que se inclúe este sindicato, UPA, ou na que está o SLG, COAG, que vén de lanzar unha recollida de sinaturas contra a macrogranxa por internet e que advirte que substituiría 432 explotacións familiares e destruiría 726 empregos.
Mentres en Francia se vetan as explotacións que superan as 1.000 cabezas de gando e os gandeiros galegos con máis de dúas vacas por hectárea teñen atrancos para solicitar calquera tipo de axuda, "a este proxecto permíteselle ter máis de vinte por hectárea", lembra Isabel Vilalba, que recorda tamén que mentres a UE "mete cartos públicos para baixar a produción e estabilizar o mercado", o Ministerio tira cara adiante con este "monstro". Tan só en China e os EUA triunfan estes modelos con explotacións mesmo con máis vacas.
Agaca lembra que aumentos de produción moito menores dos que suporá esta macrogranxa "desestabilizaron o mercado e provocaron unha caída importante dos prezos e o peche de explotacións"
Tal e como advirte a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a instalación desta granxa suporía un incremento da produción estatal en máis dun 2,5%. "É un cambio moi significativo se temos en conta que os incrementos de produción cinco veces menores (0,5%) de anos anteriores desestabilizaron o mercado e provocaron unha caída importante dos prezos e o peche de explotacións", advirten.
O proxecto da cooperativa Valle de Odieta xa fora rexeitado por Euskadi e Navarra
Ademais, a Organización de Produtores Lácteos (OPL) quéixase de que mentres o Goberno central "recibe axudas desde a UE para incentivar a redución da produción láctea alegando que hai sobreprodución, a Junta decide inxector con cartos unha macrogranxa onde se pretende todo o contrario". Así, lembran que o proxecto foi rexeitado noutras comunidades mentres é apoiado polas autoridades de Castilla y Léon "porque vai crear, supostamente, 250 postos de traballo". "Isto non vai afectar ningunha outra empresa, ningunha outra cooperativa? Non van pechar outras", pregúntanse.
O proxecto, presentado pola cooperativa navarra Valle de Odieta, foi rexeitado en Euskadi e en Navarra, pero avanza con paso firme en Castilla y León. Desde as organizacións agrarias, ademais, advirten dun consumo de entre 4 e 6,35 millóns de litros de auga ao día, incluíndo usos directos e indirectos, o que pode superar o consumo de toda a poboación da cidade de Soria, uns 6,15 millóns ao día. Ademais, as 20.000 reses producirían dous millóns de litros de puríns ao día, unha cantidade que "pode xerar serios problemas ambientais e de saúde pública".