"Clima insoportable de convivencia", "clima de violencia" ou ambiente "intolerable". Así cualificou o deputado do PP no Congreso por Lugo, Jaime de Olano, a situación do barrio coruñés dos Mallos, polo que pasou este venres nunha visita na que estivo acompañado pola tamén deputada Tristana Moraleja e por cargos municipais do seu partido.
De Olano, deputado por Lugo, acusa da "convivencia insoportable" no barrio coruñés dos Mallos ás "alianzas do señor Sánchez" con Podemos
De Olano, tamén vicesecretario xeral de Participación do PP a nivel estatal, culpou desa situación "insoportable de convivencia" que segundo dixo vive a veciñanza dos Mallos ás "alianzas do señor Sánchez", en referencia ao presidente do Goberno central, por terse "abrazado a Podemos, que "encirra e alenta a ocupación". "Todo o PSOE comprou o discurso de Podemos de negar a realidade e a evidencia, este clima de violencia que provocan as ocupacións", insistiu desde un barrio no que, asegurou, durante as últimas semanas "sucédense os incendios, as agresións, os roubos e os furtos".
Ademais, Jaime de Olano quixo "denunciar a pasividade da alcaldesa Inés Rey", á que acusou de "negar ao principio a realidade e a existencia deste grave problema nos barrios da Coruña" e agora "pasarlle a pelota ao delgado do Goberno". "Non poñen solución aos problemas reais", insistiu.
"Non son casos puntuais, non teñen máis que dar un paseo e preguntarlles a nenos, personas maiores, comerciantes e a calquera que viva e que estea sufrindo este clima insoportable que provoca a ocupación", insistiu tras unha visita na que estivo acompañado pola portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, e mais pola representante da plataforma veciñal Os Mallos Unidos, Vanesa Morales.
Olano lembrou que o seu partido presentou unha proposición de reforma de lei para que as persoas responsables dunha ocupación sexan desaloxados nun máximo de 12 horas e para que se castigue con prisión "a ocupación violenta e as mafias que gañan diñeiro con este problema".
Tristana Moraleja considera "intolerable" que a veciñanza da Coruña "viva con medo a abrir as portas dos seus negocios ou con temor a pasear polas rúas"
A tamén deputada Tristana Moraleja advertiu ademais que é "intolerable" que os comerciantes e veciños dos Mallos e da Coruña "vivan con medo a abrir as portas dos seus negocios ou con temor a pasear polas rúas".
Rosa Gallego insistiu para asegurar que "nunca" na Coruña se vivira un problema de inseguridade tan grave como o que sofre desde hai meses e reclamar máis presenza policial e a recuperación da Policía de Barrio. "Hai veciños que levan 50 anos traballando nos Mallso e que nos din que nunca viviran nada igual", dixo a portavoz municipal do PP, que alertou dun "problema grave de ocupación e delincuencia na cidade".
A denuncia do suposto incremento dos casos de ocupación nas cidades galegas por parte do PP chega cando, cada poucos meses, os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial os desmenten.
Apenas vinte e catro horas despois de que a Xunta, por boca da conselleira con competencias en materia de Vivenda, Ángeles Vázquez, volvese poñer o foco na suposta necesidade de endurecer a persecución das ocupacións ilegais de vivendas -o seu departamento vén defendendo que aumenta e que existe "sensación" de impunidade ao respecto-, o Poder Xudicial acreditou que non só non aumentan dentro do propio ano, senón que seguen descendendo a respecto do ano previo á pandemia, o 2019. De feito, a caída interanual dos casos de ocupacións de vivenda volveron superar no terceiro trimestre deste ano o 30% en Galicia mentres que as execucións hipotecarias soben un 60%.
Ademais, o pasado mes de abril a Xunta presentou ao Observatorio Galego de Vivenda e aos medios de comunicación senllos informes encargados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os traballos, explicara o Goberno galego, foran elaborados por senllos "penalistas" e "avalan" a petición da Xunta "reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos seus propietarios".
A autora dun destes informes é Silvia Valmaña, que ademais de profesora profesora de Dereito Penal da Universidad de Castilla-La Mancha foi deputada do PP no Congreso entre 2016 e 2019 e é vicesecretaria de Acción Política do PP castelán-manchego. O Goberno galego pagou 8.000 euros por ese informe, IVE incluído. Nel, entre outras cousas, ligábase un incremento das ocupacións de vivendas co suposto "amparo" de Ada Colau á comisión de delitos.