O PSdeG celebrou este sábado o seu Comité Nacional Galego, o principal órgano entre congresos da formación
O PSdeG celebrou este sábado o seu Comité Nacional Galego, o principal órgano entre congresos da formación. Nese escenario o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, presentou o balance político de xestión á fronte do partido, nunha intervención centrada na preparación das eleccións municipais do vindeiro mes de maio, que considera claves para recuperar o Goberno da Xunta. Formoso emprazou ao PSdeG a “dalo todo” nos comicios locais "e acadar unha nova vitoria que sexa o primeiro capítulo para volver a gañar nas xerais e liderar o goberno progresista en Galicia".
“Se gañamos nas municipais teremos a posibilidade de non renunciar a Galicia” e "reeditar" o goberno liderado por Pérez Touriño entre 2005 e 2009, que “permitiu despregar ilusión en Galicia durante 4 anos de progreso", afirmou Formoso, que tamén fixo fincapé na importancia das eleccións ao Parlamento galego: “aspiramos ao máximo nas autonómicas para representar ao pobo ao que lle debemos todo”.
“Aspiramos ao máximo nas autonómicas para representar ao pobo ao que lle debemos todo”, dico Formoso
O secretario xeral do PSdeG defendeu que os socialistas galegos son a primeira forza política municipal no país en termos de poboación gobernada, pois nos concellos con alcalde ou alcaldesa socialista, uns 110, vive preto do 60 por cento da poboación. Nesta relación aparecen 5 das 7 cidades galegas "e boa parte das vilas medias, con Vilagarcía e Monforte á cabeza".
O secretario xeral do PSdeG defendeu que os socialistas galegos son a primeira forza política municipal no país en termos de poboación gobernada, pois nos concellos con alcalde ou alcaldesa socialista, uns 110, vive preto do 60 por cento da poboación
Así, Formoso fixo un chamamento a “deixar de lado calquera diferenza para traballar no obxectivo común" de acadar a vitoria nas municipais porque, dixo, “o partido non é un fin en si mesmo, é un medio para obter unha mellor sociedade”. O secretario xeral do PSdeG-PSOE subliñou que “a pesares das confrontacións mediáticas, dos intereses económicos e dos escurantismos”, o partido “volverá gañar as eleccións municipais en Galicia” e defendeu que nos últimos catro anos os rexedores e rexedoras socialistas "despregaron unha xestión política como contrapeso para frear que a dereita neoliberal agrome en Galicia”.
O PSdeG "viuse obrigado" a constituír un “goberno na sombra” para "paliar o desleixo do goberno galego e mediar co goberno central para apoiar ao tecido industrial", dixo Formoso
O líder dos socialistas galegos afirmou que o PSdeG representa “a bandeira da protección dos servizos públicos básicos en Galicia”, facendo como eixo a defensa do sistema sanitario público galego, “atacado e deteriorado intencionadamente polo PP”. Así mesmo, subliñou que o seu partido se "viu obrigado" a constituír un “goberno na sombra” para "paliar o desleixo do goberno galego e mediar co goberno central para apoiar ao tecido industrial" e "facendo xestións para garantir o futuro de Stellantis en Vigo e velar por que Alcoa volva arrancar as cubas en 2024".
Formoso reivindicou "a autonomía do PSdeG para defender a Galicia en tódolos ámbitos", como fixo "impulsando o recurso do Goberno central contra o ditame da Comisión Europea prohibindo a pesca de fondo"
Ademais, Formoso reivindicou "a autonomía do PSdeG para defender a Galicia en tódolos ámbitos", como fixo "impulsando o recurso do Goberno central contra o ditame da Comisión Europea prohibindo a pesca de fondo". De igual xeito, destacou que “non deixamos nin deixaremos de reclamar a transferencia” da AP-9 a Galicia que “terá que ser galega si ou si, e dígao quen o diga”. Finalmente, reivindicou o corredor Noroeste de mercadorías e a modernización das liñas de ferrocarril.