O PSdeG recuperou este sábado a Festa Socialista de Galicia, inédita de 2016, e fíxoo reivindicando o "galeguismo" da formación e mobilizándose de cara ás municipais, para as que o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, pediu aos seus "deixar a pel".
Na celebración que tivo lugar en Sigüeiro (Oroso), e na que participou a ministra de Educación, Pilar Alegría, Formoso advertiu que “ser socialista é honrar a memoria de Castelao, do galeguismo e protexer Galicia contra vento e marea”, que terá “o apoio do PSdeG sempre, goberne quen goberne en Madrid”. Así, dixo que "a diferenza" dos populares, os socialistas "non cambian" en función de quen goberne na Moncloa. "Non mudamos os idearios por quen goberne", insistiu.
Formoso asegura que se o PSdeG gaña as próximas eleccións municipais en Galicia "presidirá a Xunta"
Formoso puxo exemplos, como a defensa do sector pesqueiro cando viaxou hai unha semana ata Estrasburgo a “dicirlle á cara ao comisario europeo que a pesca galega hai que respectala” fronte á prohibición do veto á pesca de fondo.
De cara ás próximas citas electorais, Formoso confía en que unha vitoria nas locais levará o PSdeG á vitoria nas autonómicas. "Se cremos e defendemos os valores da socialdemocracia, gañaremos nas municipais; e gañando nas municipais, gañaremos a Xunta e poderemos darlle sustento ao goberno de Pedro Sánchez e unha Europa que nos dá amparo” e fai, dixo, bandeira dos valores de igualdade, xustiza e paz.
En calquera caso, apostou por "mellorar os resultados pero insistiu en que "gañando as municipais", o PSdeG "presidirá a Xunta". Ademais, reivindicou o traballo dos seus concelleiros e rexedores, en especial o das mulleres porque, dixo, "en Galicia, a mellor política ten nome de muller".
A ministra de Educación, Pilar Alegría, deu o seu apoio a Formoso e lembrou que o PSOE "fai o que corresponde, o que toca" logo de destacar "a forza" do municipalismo galego. "Sigamos traballando, iremos acompañados do mellor líder forxado no municipalismo e que será o próximo presidente da Xunta. Saiamos a gañar", reclamou mentres as persoas asistentes aclamaban o secretario xeral a gritos de "presidente, presidente".
Formoso, ademais, chamou a defender “os mellores valores socialistas, recuperar a ilusión e volver á Galicia progresista, feminista e europeísta” e emprazou os socialistas galegos a “frear” a “deterioración” provocada polos gobernos do PP na Xunta, primeiro con Feijóo e agora con Alfonso Rueda. Os dous son, dixo, “corresponsables dunha Galicia que perdeu 100.000 habitantes e que ten 5.000 millón de euros máis de débeda, 1.850 euros máis por cada galego e cada galega”.
Unha Galicia "moito máis feble"
Ademais, criticou que o PP deixe os “pais e nais sen profesor de apoio nos colexios, que peche unidades educativas, e con persoas que morren agardando pola pensión da Dependencia”. A “herdanza do PP”, dixo, é “unha Galicia moito máis feble politicamente, que perde os tractores económicos”, en alusión á perda das entidades financeiras, así como aos centos de empresas que pecharon baixo o goberno do PP.
Respecto ao labor de Feijóo na oposición ao Goberno de España, Formoso asegurou que Feijóo representa “a oposición máis ruín, cicateira e con menos altura de miras que viu o Congreso”.
Entre os asistentes á Festa Socialista atopábanse moitos cargos actuais pero tamén o ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que dixo que o partido abordaba "con moita ilusión e expectativa as eleccións municipais". "E de aí, seguro que a poder dar o cambio de rumbo que o país necesita: de norte, de políticas e de forma de facer politicas", rematou.