Formoso erixe o PSdeG en "alternativa sensata e ilusionante" para Galicia fronte á "fin de ciclo" dun PP "enredado na sucesión"

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, nun acto de partido recente CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, suspendeu a súa axenda pública "por precaución" nos últimos días tras contraer a COVID, xusto cadrando coas xornadas en que se fixo efectiva a dimisión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Esta circunstancia impediulle comparecer directamente ante os medios para valorar a nova xeira que abre a remuda na Xunta, se ben o PSdeG fixo chegar este sábado aos medios as súas consideracións ao respecto.

Como xa avanzara en anteriores intervencións -tamén nunha recente entrevista con Praza.gal-, o líder socialista coida que a remuda na Xunta abre aínda máis a oportunidade de cambio político no país. Un cambio ante o que, coida, o PSdeG é a "a alternativa sensata e ilusionante" fronte a un PP ao que ve "en fin de ciclo", pero tamén "enredado na historia interminable da sucesión de Feijóo".

Formoso, reunido esta semana con representantes do persoal sanitario CC-BY-NC-SA PSdeG

A un ano vista das eleccións municipais, Formoso esgrime precisamente a ampla cota de poder local do partido -"gobernamos o 62% da poboación", lembra- en concellos e deputacións para afirmar que o PSdeG conta con capacidade para "reactivar Galicia de forma sensata, pero contundente". Chegarán a 2024 -ano previsto para os comicios galegos- cun proxecto "á altura das circunstancias e das ansias" da poboación de Galicia "que quere un Goberno forte, que respecte as tradicións e revolucione este país con tranquilidade".

O secretario xeral do PSdeG coida que, tras a "longa escenificación da sucesión", o Goberno de Rueda será froito do "reparto do poder" entre as baronías provinciais do PPdeG

O secretario xeral do PSdeG contrapón a intención do seu partido por "liderar o cambio" cun PP de Galicia ao que ve aínda "nunha etapa de meses dedicado a arranxar os seus problemas internos de sucesión". A "escenificación da sucesión" de Feijóo, di, está a ser "demasiado longa" e, do seu punto de vista, vai derivar nun Goberno galego froito do "reparto do poder" na "mesa de braseiro" das baronías provinciais conservadores. Pero o país, di, precisa "un Goberno que se poña a traballar ao servizo de Galicia, non do PP".

Todo isto sucede, lamenta, "na situación económica máis grave dos últimos 30 anos, que afecta aos gandeiros, agricultores, pescadores, transportistas" ou "operarios de fábricas que adoecen de falta de produción". Por todo isto, conclúe, Galicia "agarda por un Goberno que lidere a toma de medidas, que as publique no Diario Oficial de Galicia dunha vez por todas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.