Resta apenas medio ano para as eleccións municipais. Ese foi o asunto principal sobre a mesa da Comisión Executiva Nacional do PSdeG reunida este 3 de decembro en Santiago co seu secretario xeral á fronte. Tras lanzar o pasado novembro unha das noticias da precampaña, a recuperación do ex-alcalde Francisco Rodríguez como cabeza de cartel en Ourense, Valentín González Formoso pon a capital ourensá no albo do partido, que ademais aspira a reter o amplo poder municipal logrado en 2019.
O PSdeG afronta as municipais como a formación política de Galicia con máis poder institucional por revalidar
O PSdeG afronta a cita coas urnas de maio como a formación política de Galicia con máis poder institucional por revalidar. Non en van, máis da metade da cidadanía do país vive nun concello con alcaldesa ou alcalde socialista e ademais, tres das catro deputacións provinciais están presididas por esta formación en coalición polo PSdeG, unha delas, a coruñesa, polo propio Formoso.
Con este reto sobre a mesa, o xefe de filas socialista reivindica o seu partido como o "máis apegado ao mundo municipal" e mantén que á aspiración de conservar o seu actual cento de alcaldías e os tres gobernos provinciais engaden agora outra "bandeira": Ourense. "Por suposto", asegura, que Rodríguez volva ser alcalde de Ourense é "unha meta clara", pero tamén o é desbancar a José Manuel Baltar na Deputación.
"Paco Rodríguez será o próximo alcalde de Ourense e facilitará conseguir a Deputación por primeira vez na etapa democrática"
Ourense, defende Formoso, "necesita osíxeno e recuperar a ilusión perdida", primeiro co "goberno do PP" e despois, "co goberno que permitiu o PP, o máis esperpéntico da historia democrática municipal". Ao seu xuízo, o labor de Gonzalo Pérez Jácome (DO) só podería ser comparable aos tempos "da Marbella de Jesús Gil". Ese, di, foi o motivo polo que "arriscamos" coa recuperación de Francisco Rodríguez. Tratouse, explica, de "buscar unha figura que represente o mellor de Ourense" nunha "sociedade que clamaba pola súa volta".
Neste contexto, Formoso augura que o "consenso ourensán" en torno a Rodríguez permitirá que acceda ao bastón de mando e "superar os peores momentos da política" na cidade. "Paco Rodríguez será o próximo alcalde de Ourense e facilitará conseguir a Deputación por primeira vez na etapa democrática", asegura.