O ex-alcalde de Ourense Francisco Rodríguez recunca como candidato do PSdeG "en liña co sentir maioritario da cidade"

Francisco Rodríguez, intervindo nun acto do PSdeG en 2009, na súa etapa como alcalde Ourense CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario de organización do PSdeG confirma a suspensión das primarias en Ourense e que Francisco Rodríguez será o candidato nas municipais

"O PSdeG vai a presentar como candidato á alcaldía de Ourense ao compañeiro Francisco Rodríguez", confirmou este sábado o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, nunha rolda de prensa na sede do partido en Compostela. "Paco Rodríguez é o mellor candidato que podemos presentar os socialistas á alcaldía de Ourense. Foi o mellor alcalde de Ourense dos últimos vinte anos, toda unha referencia para a xente progresista de Ourense, para a xente que quere que Ourense mire cara a adiante e sexa capaz de progresar e saír do pozo no que está metido", aseverou. 

Lage explicou que a dirección galega do partido, cun acordo coa dirección federal, decidiu suspender o proceso de primarias na cidade das Burgas porque "a cidade pídenos a berros que convenzamos a Paco Rodríguez". "Como dirección galega do partido, apostamos por Paco Rodríguez como candidato porque entendemos que era a mellor resposta á permanente demanda de todos os sectores económicos e sociais da cidade", manifestou o secretario de organización, quen agradeceu ao ex alcalde e agora candidato a súa "xenerosidade" e o seu "esforzo". 

O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, na sede do partido CC-BY-SA PSdeG

"Foi o mellor alcalde de Ourense dos últimos vinte anos, toda unha referencia para a xente progresista de Ourense, para a xente que quere que Ourense mire cara a adiante e sexa capaz de progresar e saír do pozo no que está metido", asegura Lage

"Creo que Paco Rodríguez pon unha vez máis por diante os intereses políticos da súa cidade fronte á cómoda posición persoal que tiña neste momento. Estamos seguros de que volverá liderar a cidade de Ourense", sostivo José Manuel Lage, para indicar que "a cidade de Ourense está vivindo unha absoluta anomalía" nestes momentos. 

O proceso para establecer as candidaturas cara ás eleccións municipais de 2023 está xa aberto nas filas socialistas. Lage explicou que este proceso rematará o 25 de marzo e salientou que a dirección da formación "está volcada en presentar as mellores candidaturas posibles". As candidatas e candidatos dos municipios de máis de 20.000 habitantes daránse a coñecer antes do 15 de xaneiro.

"Aspiramos a gobernar a máis da metade da poboación galega", aseverou, para engadir que o PSdeG é "o partido que mellor xestiona os concellos galegos, como se vén observando convocatoria electoral tras convocatoria electoral". Lage lembrou que os socialistas gobernan en 110 concellos e teñen a presidencia da Deputación da Coruña, Pontevedra e Lugo. 

"Paco Rodríguez é unha persoa digna que foi sometida a algo que non se debe someter a ninguén, á arbitrariedade, á persecución e á inxustiza"

José Manuel Lage censurou que Francisco Rodríguez "foi sometido a unha grave inxustiza, a unha persecución absolutamente impresentable" e asegurou que situalo de novo como candidato á alcaldía "é o primeiro acto de reparación, en liña co sentir maioritario da cidade de Ourense". 

Francisco Rodríguez foi alcalde de Ourense dende 2007 e ata setembro 2012, cando se viu abocado a dimitir precisamente polas acusacións no caso Pokémon formuladas pola xuíza Pilar de Lara, que mesmo ordenara a súa detención unha espectacular operación policial. Nun auto ditado o pasado maio, o titular do xulgado de instrución número 2 de Ourense deu en arquivar as acusacións de tráfico de influencias dirixidas dende 2014 por De Lara contra o ex-alcalde e a súa parella.

"Paco Rodríguez é unha persoa digna que foi sometida a algo que non se debe someter a ninguén, á arbitrariedade, á persecución e á inxustiza. Esta é unha mensaxe que lanzamos desde o PSdeG á cidade de Ourense e ao conxunto da sociedade: non se pode consentir que ninguén actúe como se actuou con Paco e tamén con outros compañeiros do PSdeG", agregou Lage, que citou ademais ao ex alcalde de Lugo Xosé López Orozco, "que tamén sufriu unha grave persecución, sembrando dúbidas sobre a honorabilidade de quen foi o mellor alcalde que tivo Lugo en toda a etapa democrática". 

Concentración en apoio de Francisco Rodríguez tras a súa detención en 2012 por orde da xuíza De Lara Dominio Público Praza Pública

"Cando se tardan dez anos en resolver unha acusación, e se demostra que non houbo absolutamente nada, ten que haber consecuencias para quen ten actuado así", di Lage sobre De Lara

"Ningunha persoa, por moi xuíz que sexa, se pode consentir que actúe como actuou a xuíza De Lara. Moitas veces a xente non fala con claridade, e eu quero facelo hoxe, a actuación desa señora foi impresentable. Non se pode consentir que se manche, que se intente denigrar e que se aparte da vida pública a persoas honorables como Paco Rodríguez ou Pepe Orozco, por poñer dous exemplos", advertiu Lage.

O secretario de organización do PSdeG incidiu en que "dez anos despois non se puido demostrar ningunha das acusacións sobre estes dous alcaldes de Lugo e Ourense". "É moi fácil sembrar basura e acusacións, e é moito máis difícil reparar esas manchas. Non pode quedar sen reparación ese tipo de actuacións. A xustiza merece respecto, pero a cidadanía tanto respecto como a xustiza. E cando se tardan dez anos en resolver unha acusación, e se demostra que non houbo absolutamente nada, ten que haber consecuencias para quen ten actuado así. Por sorte, hoxe os socialistas facemos o que temos que facer, que é recuperar ao mellor alcalde para a cidade de Ourense", concluíu.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.