O Goberno galego e a Delegación do Goberno de España en Galicia distribuíron algo máis dunha ducia de fotografías da xuntanza que mantiveron o pasado 2 de maio Alfonso Rueda e José Ramón Gómez Besteiro, o primeiro encontro institucional do presidente da Xunta co socialista lucense dende o seu retorno á primeira liña política. Ningunha delas, curiosamente, recolleu o momento en que Besteiro falou ante a prensa para dar conta dos asuntos tratados na reunión.
A Xunta decidiu que esa comparecencia, como a do propio titular do Goberno galego, se celebrase na sala de prensa do Consello da Xunta e que as intervencións se desenvolvesen por separado e non conxuntamente. O equipo de Besteiro era partidario dunha comparecencia conxunta, na liña das celebradas cos anteriores delegados do Goberno de Pedro Sánchez en Galicia, Javier Losada e o actual ministro José Miñones, cando foron recibidos por primeira vez por Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta.
Ao ser preguntado ao respecto, Rueda restou importancia á cuestión. "É o sistema que se seguiu sempre", o "normal", expresou, desbotando calquera "discrepancia". Previamente, recibira a Besteiro na escalinata principal de San Caetano, como fixera en xuño de 2022 con Ana Pontón e Valentín González Formoso nos seus primeiros encontros cos líderes de BNG e PSdeG como presidente, e desenvolvera o encontro na mesma sala de xuntas que a empregada naquela ocasión.
A intendencia do gabinete de Rueda propiciou unha imaxe significativa tras o primeiro encontro institucional do presidente da Xunta co delegado gobernamental: Besteiro intervindo dende o atril da Presidencia empregado en innumerables ocasións por Feijóo, quen noutrora caricaturizara a sala como un suposto "luxo" de PSdeG e BNG
O certo é que a intendencia deseñada polo gabinete de Rueda deu lugar a unha imaxe significativa. Besteiro, o que fora secretario xeral do PSdeG apartado da vida política en 2016 por unha manchea de imputacións xudiciais agora arquivadas, quen dende o minuto cero do seu retorno soa reiteradamente como vindeiro cartel electoral socialista nas eleccións galegas, intervindo dende o atril da presidencia empregado en innumerables ocasións por Feijóo durante máis dunha década.
Dáse a circunstancia de que esa sala de prensa do complexo administrativo central da Xunta apenas foi utilizada dende o inicio da crise da COVID. Cando foi posible o retorno dos xornalistas a San Caetano tras o confinamento, o equipo de Feijóo trasladou as súas intervencións a outra sala de maiores dimensións, a mesma que segue utilizando Rueda cada xoves para dar conta dos asuntos tratados no Consello da Xunta. As razóns foron as súas reducidas dimensións, que facían inviable manter a obrigada distancia de seguridade, así como a escasa ventilación.
Paradoxalmente, nos seus tempos de oposición ao Goberno de PSdeG e BNG, Feijóo e Rueda sinalaron esa sala e outras instalacións anexas, construídas e reformadas durante aquel mandato (2005-2009), como mostra dun suposto gusto polo desbalde económico por parte de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Unha mostra de "luxo asiático", caricaturizaran.
Os ruxerruxes foron inevitables. Mesmo as chanzas sobre se acudir para practicar para un futuro da política galega que non está escrito. O que cada vez máis ven xa practicamente escrito é o nome de Besteiro no cartel electoral do PSdeG
Esta mestura de elementos provocou que, cando Besteiro apareceu na sala, os ruxerruxes fosen inevitables. Mesmo as chanzas a respecto de se, alén de informar sobre a xuntanza, aproveitara para practicar para un futuro que non está escrito.
Nese futuro próximo antes das eleccións galegas tocan unhas municipais do 28M nas que o político lucense se está empregando a fondo en coordinación con Formoso. E, xusto despois, unhas xerais determinantes tamén para un escenario político galego no que non é desbotable que o BNG de Pontón continúe por diante dos socialistas, o que a convertería en virtual presidenta nun escenario sen maioría absoluta popular. Polo momento, o que cada vez máis membros do PSdeG ven xa practicamente escrito é o nome de Besteiro no cartel electoral do seu partido como aspirante á carreira pola presidencia da Xunta, a mesma da que o afastaron hai sete anos.