Pedro Sánchez augura a vitoria municipal do PSdeG e "cambio en Galicia" tras as xerais

Pedro Sánchez, xunto a Formoso e os alcaldes e candidatos ás alcaldías das cidades CC-BY-SA PSdeG

Pedro Sánchez abriu na tarde deste venres na Coruña a precampaña galega das próximas eleccións municipais. O presidente do Goberno de España acudiu ao acto de presentación da candidata socialista á reelección na alcaldía da cidade, Inés Rey, no que contou coa presenza de numerosas figuras do partido, con moitos alcaldes e candidatos á alcaldía de toda Galicia e cos rexedores e rexedoras das cidades en primeira fila. 

Antes, Sánchez levou a cabo unha visita ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo 
da Coruña e ao remolcador SAR Gavia do porto coruñés, compañado polo novo delegado do Goberno de España en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ovacionado logo durante o acto electoral. 

Pedro Sánchez, durante a súa intervención no mitin da Coruña CC-BY-SA PSdeG

"Haberá cambio en Galicia e será liderado polo Partido Socialista", augurou Sánchez respecto das eleccións autonómicas

Nel, nun ateigado recinto, o PSdeG sacou músculo, asegurou a vitoria socialista nas eleccións municipais, ao igual que fixo Pedro Sánchez, que augurou a vitoria tamén o 28M e, ademais, "en todas as cidades" e que mirou máis aló, xa de cara ás autonómicas e tras as xerais: "Haberá cambio en Galicia e será liderado polo Partido Socialista"

Sánchez presumiu dos datos económicos de España e asegurou que os socialistas "xestionan moito mellor a economía" porque pensan "no interese social e na maioría social". Así, defendeu a reforma laboral e "a maior política de vivenda da historia" do Estado. Tamén dedicou boa parte da súa intervención á "emerxencia climática" e á necesidade de actuar contra os problemas derivados como a seca, as inundacións ou "os incendios que sofre Galicia". "Tanto ou máis perigoso é isto como ter políticos negacionistas por acción ou omisión... E iso é o que temos na dereita e na extrema dereita", engadiu. 

Sánchez defendeu a "cohesión territorial" e a "descentralización" de institucións do Estado e fixo especial fincapé na "emerxencia climática"

Ademais, defendeu a "cohesión territorial" e a "descentralización" de institucións estatais, celebrando que A Coruña fose elixida sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia). Tamén lembrou que a rebaixa da AP-9 permitiu aforrar aos galegos "3,5 millóns de euros ao mes" e advertiu dos avances sociais do seu Executivo malia ter que xestionar unha pandemia ou sufrir os efectos dunha guerra. "Imaxinádevos cando sopre o vento a favor", dixo. 

Respecto a Núñez Feijóo, líder do PP estatal e ex-presidente da Xunta, censurou o seu "nivel". "Ou lle queda grande ou o colle moi lonxe; coa súa marcha a Madrid gañastes os galegos pero perdemos o resto", aclarou. 

"Os alcaldes e alcaldesas socialistas sempre fostes un exemplo no partido", aclarou logo, para destacar o carácter claramente "municipalista" do PSdeG. 

Acto socialista na Coruña, con Pedro Sánchez CC-BY-SA PSdeG

Pola súa banda, Inés Rey, asegurou que o Goberno de Sánchez está a "suplir" a ausencia de investimentos e proxectos en Galicia por parte de anteriores executivos populares e da Xunta do PP na Coruña. 

"Cero vivendas e cero políticas de vivenda por parte da Xunta", lembrou a alcaldesa, que aventurou que volverá gañar os comicios nunha urbe que, dixo, "recuperou o orgullo e a ambición necesaria". "Demos unha volta completa á cidade, máis amable, máis humana, con mobilidade sostible e pensada para as persoas", engadiu. Pero sempre, advertiu, priorizando "a protección social para non deixar ninguén atrás". 

Antes, o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, definiu a Pedro Sánchez como "galego, moi galego" polo seu compromiso co "país", que exemplificou nas rebaixas das peaxes da AP-9, nas "pensións dignas" para milleiros de cidadáns ou na chegada da alta velocidade. E contrapúxoo a presidentes galegos, en referencia a Rajoy, ao que censurou o escaso compromiso coa comunidade autónoma. 

Formoso, ademais, prometeu que Galicia "volverá ser socialista nas próximas eleccións municipais" porque "o PSdeG volverá gañar as eleccións locais no país". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.