Política social, turismo, sanidade: radiografía de mil millóns de fondos europeos transferidos polo Estado á Xunta

Actos da Xunta sobre os fondos Next Generation, incluídos no Plan de Recuperación presentado polo Goberno de España e aprobado pola Comisión Europea CC-BY-NC-SA Fotos: Xunta e © Pool Moncloa / Fernando Calvo | Montaxe: Praza.gal

Os fondos achegados pola Unión Europea ao Goberno de España para paliar as consecuencias socioeconómicas da pandemia da COVID son xestionados polo gabinete que preside Pedro Sánchez a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, xa sexa directamente ou mediante transferencias a outras Administracións para que os executen. A xestión deste plan e a denuncia dunha suposta discriminación a Galicia por motivos partidarios estivo na cerna dos argumentarios do Goberno galego do PP dende o inicio deste plan, tanto con Alberto Núñez Feijóo na presidencia como co seu sucesor dende hai un ano, Alfonso Rueda.

O informe do Consello de Contas que detecta eivas de transparencia na xestión dos fondos europeos de recuperación que recibe a Xunta permite obter unha radiografía dos destinos asignados a eses cartos ata febreiro de 2022

En vésperas do aniversario da dimisión de Feijóo, o Consello de Contas vén de publicar o seu informe sobre as "medidas adoptadas" pola Xunta para aplicar este plan en Galicia. Isto é, para administrar os fondos europeos de recuperación que lle transferiu o Estado. O documento, remitido ao Parlamento polo ente fiscalizador o pasado 25 de abril, inclúe diversos reproches ao Goberno galego polo xeito en que supervisa a execución destes fondos -por exemplo, por non levantar actas da comisión que realiza a supervisión- e detecta eivas na transparencia neste ámbito, entre outros aspectos. Pero tamén permite obter unha radiografía dos destinos asignados para fondos chegados a Galicia ata febreiro de 2022, algo que adoita ser complexo pola gran cantidade de convocatorias e liñas en que se subdividen.

Sempre segundo a información contida no informe de Contas, ata febreiro de 2022 os diferentes ministerios do Goberno de España implicados na xestión dos fondos europeos de recuperación achegaran a Galicia 1.144,18 millóns de euros. Por departamentos, a Consellería que máis recibira ata daquela fora Política Social, con máis de 200, seguida por Medio Ambiente, Cultura e Educación, a vicepresidencia económica e a consellería de presidencia. Á hora de ler os datos cómpre ter en conta que a análise está feita sobre a estrutura orgánica que tiña o derradeiro goberno de Feijóo e antes da reestruturación tras a investidura de Rueda, cando houbo mudanzas como o paso de Economía á vicepresidencia primeira ou a asignación de Turismo á Presidencia da Xunta.

A consellería con máis fondos asignados é Política Social, con máis de 200, e os proxectos con máis dotación individual son plans de sostibilidade turística e adquisicións de equipamento de alta tecnoloxía para o Sergas

Alén da distribución orgánica entre consellerías, o informe identifica os denominados "subproxectos" que recibiron estes fondos, podendo observar o Ministerio de procedencia, o departamento concreto da Xunta que os recibiu e o título do proxecto financiado. É o que permite coñecer, por exemplo, que se ben Política Social é a consellería cun maior montante total, o subproxecto que ata esa data recibira unha maior dotación de fondos europeos foi o dos "plans de sostibilidade turística", con 82,2 millóns de euros xestionados pola Axencia Turismo de Galicia.

Tras esa área turística o seguinte proxecto da Xunta con máis fondos europeos de recuperación depende do Servizo Galego de Saúde. Trátase da parte galega do Plan INVEAT, o proxecto do Ministerio de Sanidade para adquirir equipamentos de alta tecnoloxía, tales como aceleradores lineais, resonancias magnéticas, equipos de hemodinámica ou TAC, entre outros. Ata febreiro de 2022 Galicia recibira 62,3 millóns para destinalos a esa finalidade.

Como amosa a táboa interactiva sobre estas liñas, tras eses dous proxectos turístico e sanitario sitúase unha partida de case 40 millóns de euros para "dixitalización do sistema educativo" e, xusto a continuación, 35 millóns para a "dixitalización do sistema de transporte público". Tamén está por riba dos 30 millóns un programa para "mellora das capacidades das infraestruturas dixitais das Administracións públicas".

Das residencias ás obras: fondos UE por tras de plans estrela da Xunta

Proxectos da Xunta nos últimos anos como remodelacións de residencias de maiores, o plan 'Coidados porta a porta', axudas á rehabilitación de vivendas ou diversas obras fináncianse tamén cos fondos europeos de recuperación

Esa desagregación por "subproxectos" incluída no informe do Consello de Contas sobre os fondos europeos de recuperación permite observar tamén como esas achegas da UE a través do Goberno de España están por tras de gran parte dos plans estrela anunciados pola Xunta dende a pandemia. En varias ocasións, o Executivo central e tamén o PSOE reprocharon ao gabinete de Feijóo -e despois, ao de Rueda- que divulgue estes plans como propios sen especificar que todo ou parte do financiamento procede da UE mediante unha asignación estatal.

Este é o caso as partidas transferidas á Xunta dende o Ministerio de Dereitos Sociais e que están a servir, por exemplo, para remodelar residencias públicas de maiores (29,5 millóns) e renovar o seu equipamento (12,2 millóns), construír un destes centros (10 millóns), financiar a atención do programa Coidados porta a porta (9,6 millóns) ou abrir nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral de Santiago un centro de coicadso intermedios (7,6 millóns). Tamén chegaron por esta vía, por exemplo, 7,3 millóns para remodelar centros de menores ou 8,3 millóns para un plan de atención a persoas sen fogar mediante a metodoloxía housing first.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, no acto en que foi oficializada a aprobación do Plan de Recuperación por parte da UE, en xuño de 2021 © Pool Moncloa/Fernando Calvo

Tamén destacan no informe as importantes achegas de fondos europeos para accións en materia de vivenda e rehabilitacións, a comezar por 29,2 millóns de euros para un "programa de construción e vivendas en alugueiro social", 44 millóns en dous programas de rehabilitación de barrios e vivendas, 13 millóns de axudas para fomentar a eficiencia enerxética ou varias liñas de rexeneración urbana.

Contas advirte de que, por mor das eivas de xestión que reprocha á Xunta, non foi quen de establecer se esta planificación foi executada e, se é o caso, como o fixo o Goberno galego

Do mesmo xeito, o informe acredita que algunhas das obras máis publicitadas pola Xunta nos tempos previos ao inicio do ciclo electoral que comeza o vindeiro 28 de maio coas eleccións municipais teñen tamén por tras fondos europeos e recuperación achegados a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana -o antigo Ministerio de Fomento. É o que sucede, por exemplo, con case 20 millóns de euros para un plan de mellora de accesibilidade de paradas de autobús en estradas titularidade da Xunta ou outros 15 millóns para sendas peonís e ciclistas "en contornas metropolitanas", así como case 8 millóns destinados a estacións intermodais ou case 4 para construír aparcadoiros disuasorios en cidades.

Liñas de subvencións do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), achegas ao emprendemento e microempresas, axudas para mercar coches eléctricos, servizos de teleasistencia para a terceira ou mesmo accións do Xacobeo 21-22 están tamén nunha listaxe que, cómpre ter en conta, se refire ao destino asignado para os fondos e non á súa execución, é dicir, non aos cartos que efectivamente xa se gastaran no momento da supervisión de Contas. Neste sentido, o Consello advirte que, por mor das devanditas eivas que reprocha á Xunta, non foi quen de establecer se toda esa planificación foi despois efectivamente executada nin, se así sucedeu, como o fixo o Goberno galego.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.