O Consello de Contas censura as dificultades para fiscalizar como está a controlar a Xunta a execución dos cartos europeos e o Goberno galego culpa ao de España de mala planificación
A Xunta non levantou actas de ningunha reunión do comité clínico que supostamente foi propoñendo as restricións que afectaron á cidadanía durante a pandemia da COVID-19. E tampouco levanta actas da comisión que en teoría supervisa a execución en Galicia dos fondos de recuperación habilitados pola Unión Europea pola pandemia. Se a inexistencia de actas do comité clínico foi revelada por Praza.gal hai dous anos, agora é o Consello de Contas, o ente fiscalizador das administracións galegas, quen revela a súa incapacidade de controlar o funcionamento da Comisión para a planificación e impulso de proxectos con cargo aos fondos europeos creada pola Xunta o 8 de outubro de 2020.
“A ausencia dunha periodicidade mínima para as súas sesións e de actas das efectivamente celebradas dificulta o acceso á información sobre o seu funcionamento”, di Contas. Pola contra, o Goberno galego alega que se algo non está a funcionar cos fondos europeos de recuperación tras a COVID é porque o Goberno de España non os planificou ben.
O Consello de Contas vén de facer público un informe no que analiza as medidas adoptadas pola Xunta para aplicar en Galicia o denominado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, impulsado polo Goberno de España con fondos europeos de recuperación tras a COVID. É nese documento no que Contas di que o Goberno galego non aprobou ningunha norma específica para aplicar o plan de recuperación en Galicia senón que optou por introducir diversas mudanzas legais noutras leis diversas.
Contas di que coa información que lle facilitou a Xunta "non foi posible verificar que a planificación, coordinación e seguimento das actuacións” incluídas no plan de recuperación para Galicia “acadara o grao de desenvolvemento esixible”
O ente fiscalizador sinala que a Xunta deseñou “unha estrutura de gobernanza adecuada para a planificación, coordinación e seguimento” do plan de recuperación. Tamén aprobou guías sobre como realizar as sucesivas convocatorias de contratos ou subvencións con cargo ao plan de recuperación. Pero Contas non foi quen de establecer se toda esa planificación foi despois efectivamente executada, nin como.
Segundo Contas, a comisión creada entre varias consellerías da Xunta para supervisar a aplicación en Galicia do plan de recuperación non se reuniu cunha periodicidade clara nin levantou actas dos seus encontros. Pero Contas tampouco foi quen de obter probas de que a comisión realizase funcións que tiña encomendadas por lei “como analizar os diferentes proxectos susceptibles de ser financiados con cargo aos fondos” europeos ou “levar o seguimento da execución dos plans e proxectos aprobados no marco das competencias autonómicas”. Tamén di que non ten constancia da creación dun comité técnico tamén previsto na planificación e na normativa aprobada pola Xunta.
Contas conclúe que “non foi posible verificar que a planificación, coordinación e seguimento das actuacións” incluídas no plan de recuperación para Galicia “acadara o grao de desenvolvemento esixible”.
Nas súas alegacións ao informe de Contas a Xunta nada retruca sobre o funcionamento da súa comisión de seguimento senón que opta por culpar ao Goberno de España. Segundo o Goberno galego, o estatal deseñou o plan de recuperación dun xeito moi fragmentado e dependente de cada ministerio, cunha perspectiva estatal e á marxe das necesidades de cada territorio. O Goberno galego tamén alegou que si creou un comité técnico para asesorar á comisión de seguimento dos proxectos.
Pero a resposta de Contas a esas alegacións é tallante: nin a Xunta lle achegou probas do funcionamento do comité técnico nin o resto de consideracións formuladas sobre o Goberno de España mudan as súas consideracións técnicas sobre o que debía facer o Goberno galego.