Sete anos e quince días despois, José Ramón Gómez Besteiro volveu tomar a palabra na política galega. O que fora secretario xeral do PSdeG ata que as agora arquivadas imputacións da xuíza Pilar de Lara o afastaron dunha inminente carreira electoral con vistas á Xunta concretou este 3 de abril o seu regreso na súa toma de posesión como delegado do Goberno de España en Galicia no que, posiblemente, foi o acto institucional que máis expectación xerou no país dende os derivados, hai un ano, do abandono do Goberno galego por parte de Alberto Núñez Feijóo.
Nun acto institucional rodeado de expectación, o novo delegado gobernamental apela á xustiza, "un valor cun significado moi especial para min" e lamenta que "se empregue a expresión 'facer política' como algo negativo"
Nunha sala do Palexco coruñés con vistas ao mar no canto do habitual salón interior da Delegación gobernamental, situada a apenas 800 metros, o político lucense prometeu o cargo para o que o designou o Executivo de Pedro Sánchez sobre un exemplar da Constitución aberto polo artigo 14, o que proclama a igualdade ante a lei. Foi antes de pronunciar un discurso no que prometeu traballar pola "xustiza, un valor cun significado moi especial para min" en referencia implícita ao periplo xudicial padecido antes de chegar a un cargo ao que vén "facer política", evidencia no que semella un retruque á reclamación de "non facer política" que lle lanzara días atrás o presidente da Xunta, sentado en primeira fila e tamén orador no acto, que protocolariamente presidiu.
A "xustiza social, económica e ecolóxica" son os "principios que sustentan o noso Goberno", afirmou Besteiro antes de referirse a accións como a reforma das pensións, a creación do ingreso mínimo vital ou as inxeccións de fondos europeos. Accións coma estas, di, deben servir para "reivindicar a política". "Nos últimos anos -lamentou- sentín que se empregou a expresión facer política como algo negativo", igual que "a expresión politizar as institucións". "Pola contra, a política para min é traballar para dar solucións cada un dende as súas conviccións", sinalou en presenza do seu antecesor, o novo ministro de Sanidade, José Miñones.
"Fagamos política de verdade porque temos unha oportunidade histórica", sinala Besteiro a Rueda, que lle reclama ser "avogado dos intereses" de Galicia ante o Goberno de España
"Dígolles unha cousa: claro que veño á Delegación a facer política: política para as persoas", sostén Besteiro, o cal ao seu xuízo implica "defender o traballo" do Executivo do PSOE e UP "e a tarefa crucial que está levando a cabo", pero tamén "defender o interese común" e, no seu posto actual, tamén "tender a man ao presidente". "Presidente, fagamos política de verdade entre todas as administracións, porque temos unha oportunidade histórica", sinalou en alusión a cuestións como os proxectos financiados polos fondos europeos de recuperación.
Nun retorno que presenta como "decisión libre e responsable", o discurso do socialista concluíu entre agradecementos á súa familia, ao partido e "ao sentido do humor", o cal "a min me axudou moito" e é "un xeito moi galego de entender e abordar o día". "Nunca esquecerei que nesta vida nunca choveu que non escampara, concluíu" entre os aplausos dos presentes, entre os que abondaban cargos institucionais do PSdeG en concellos e deputacións, tales como as alcaldesas da Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ou o secretario xeral do partido e presidente da Deputación coruñesa, Valentín González FOrmoso.
Alfonso Rueda, pola súa banda, asegurou estar en condicións de brindar "lealdade" a Besteiro, a quen pediu que exerza de "avogado dos intereses" de Galicia ante o Goberno de España. Nun acto que encadra na "normalidade" institucional, o presidente do Goberno galego asegurou rexeitar o "roce polo roce" e a "confrontación sistemática" porque "a folla de ruta de Galicia non pode ser ideolóxica nin partidista".