“Hai que pedirlle ao PSOE que non intente facer política”, di o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, sobre o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro como delegado do Goberno de España. O socialista tomará posesión do cargo o luns.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/2-a6d2567.jpeg)
“Hai que pedirlle ao PSOE que non intente facer política”, di o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, sobre o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro como delegado do Goberno de España. O socialista tomará posesión do cargo o luns.
O Congreso convalida por maioría absoluta a reforma das pensións, cun total de 179 votos a prol (PSOE, UP, ERC, PNV, PDeCat, Compromís, Más País, CC, PRC, TE), 104 en contra (PP, C'S, Foro, CUP, BNG) e 61 abstencións (Vox, JxCat, EH-Bildu). O novo sistema entra en vigor este 1 de abril pero aínda pode experimentar cambios porque, no mesmo pleno, a unanimidade da Cámara aprobou tramitalo como proxecto de lei, o que abre a porta á incorporación de emendas por parte dos grupos parlamentarios. Na imaxe, o ministro da Seguridade Social, José Luis Escrivá, defendendo a reforma durante o pleno [© Congreso]
Bizarrap, Maluma, Xoel López, Ginebras, Fillas de Cassandra, Aitana, Vetusta Morla, Dani ou Kaiser Chiefs, no cartel da nova edición d'O Son do Camiño, que se celebra o vindeiro xuño no Monte do Gozo de Santiago. A organización do evento vén de facelo público e indica que mañá, venres, saen á venda os últimos abonos e "proximamente", as entradas por días.
A xustiza arquiva a peza da Pokémon que investigou posibles "enchufes" en Vendex a cargos municipais na Coruña. A xuíza entende que non se acreditou que os feitos sexan constitutivos de delito e que “non queda debidamente acreditada” a concorrencia dos ilícitos penais de tráfico de influencias e suborno, segundo informa o TSXG.
Un incendio en Baleira queima máis de 120 hectáreas e obriga a Xunta a solicitar declaración da situación 2 pola proximidade do lume ás casas no núcleo de Fórneas, na parroquia de Cubilledo. Os labores de extinción están a complicarse polo forte vento. Ademais, outro incendio en Taboada afecta xa máis de 20 hectáreas e hai outros focos importantes en Galdo (Viveiro) e Alfoz. Foto: Incendios Galicia.
A Xunta informa unhas horas antes do desvío polo centro de Tuy, como denomina a Tui, de todo o tráfico entre Galicia e Portugal entre as 22 horas desta noite e as 6 da mañá de mañá xoves. O desvío é froito das obras de conexión da súa Vía do Baixo Miño coa A-55, que xa requiriron doutro corte en febreiro anunciado con catro días de antelación e tamén coa mesma toponimia deturpada.
O Goberno de España e a Igrexa acordan a fin da exención dos impostos sobre Contribucións Especiais e sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para a institución católica. Nun comunicado conxunto, sinalan que o pacto se encadra nas negociacións para "equiparar o réxime fiscal da Igrexa católica coas entidades sen ánimo de lucro, conforme ao principio de non privilexio e non discriminación". Este acordo coa Conferencian Episcopal implica derrogar a orde do Goberno de Aznar que asentou no ordenamento xurídico do Estado esa exención de impostos para a Igrexa. Na imaxe, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, e o nuncio do Vaticano en España, Bernardito Cleopas, na sinatura do acordo. [© Conferencia Episcopal]
O Supremo desestima o recurso de aclaración presentado polo ex-presidente de Pescanova tras a súa condena a 6 anos de prisión por falsidade nas contas e da información económica da empresa e mais alzamento de bens. Nun auto asinado o pasado día 24 e divulgado este mércores, mantén sen cambios a sentenza contra Manuel Fernández de Sousa e, polo tanto, a súa condena de cárcere.
Falece Pablo Aguirregabiria, figura clave do balonmán e do deporte coruñés, nun accidente de tráfico. O técnico do OAR, de 51 anos, levaba máis de 30 anos vinculado ao club.
O primeiro Consello de Ministros no que participa José Miñones como titular de Sanidade -na imaxe, tomando posesión no Ministerio xunto a Valentín González Formoso e outros cargos socialistas- confirma o nomeamento de José Ramón Gómez Besteiro como novo delegado do Goberno de España en Galicia