O pasado mércores a comisión de Economía do Parlamento debatía, a iniciativa de AGE, unha proposición para que a Xunta "proceda a aplicar os tributos autonómicos sobre patrimonio a todas as propiedades da Igrexa na Galiza que non sexan especificamente lugares de culto". O debate deu lugar ao intercambio de opinións entre o PP e o resto de grupos a respecto da tributación por parte da institución católica en sentido amplo, non só a respecto da Administración autonómica senón tamén doutras, con impostos como o IBI, que recadan os concellos. Para os conservadores realizar ese cobramento podería "ofender a milleiros de galegos" e este xoves o presidente da Xunta abondou nese argumento. O asunto, mantén, "non lle preocupa a ningún cidadán".
O xefe do Executivo galego foi cuestionado pola iniciativa de AGE tras a reunión semanal do Consello da Xunta e Feijóo desdeñou, en boa medida, a pregunta da prensa. "Iso é bastante vello, creo lembrar", sinalou, obviamendo que o debate se producira nin vinte e catro horas antes. "É un asunto bastante antigo que periodicamente se formula", reflexiona o presidente, a cuxo xuízo "o que hai que ver é o que achega a Igrexa católica e o que os cidadáns fan pola Igrexa". No caso concreto do "tema do IBI" Feijóo "supón" que "é unha competencia municipal". "Non sei en que municipios se lle cobra á Igrexa e en cales non", asegura -Allariz xa o cobra, Mondoñedo e Monforte dispóñense a facelo e Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín pídeno no Supremo-.
Á marxe das súas valoracións, Feijóo tamén deixou unha aseveración na sala de prensa de San Caetano: "O financiamento da Igrexa faise voluntariamente, a través dunha casiña no IRPF". Pero, isto é exactamente así? Se ben é certo que no ano 2006 o Goberno de Zapatero eliminou a asignación directa, vía Orzamentos Xerais do Estado, a cambio de incrementar a asignación tributaria desa "casiña" dende o 0,5% ao 0,7%, non o é menos que a propia Igrexa admite que esa non é a súa única vía de financiamento.
Feijóo asegura que a Igrexa se financia só a través da "casiña" do IRPF, algo que a propia institución católica aclara que non é estritamente certo
Segundo explica a propia institución católica, parte dos cartos obtenos de "achegas directas dos fieis", como "colectas, doazóns, legados ou herdanzas", entre outros. Ademais, a asignación da declaración da Renda sitúase nunha "media do 22% dos recursos", segundo os últimos datos dispoñibles. Ademias, "o patrimonio eclesiástico supón unha fonte de riqeuza e valor" e "máis de 40.000 entidades católicas xestionan dito patrimonio autonomamente". Do mesmo xeito, a "Igrexa tamén presenta outras fontes de financiamento entre as que se atopan subvencións outorgadas en convocatorias públicas ou algunhas actividades económicas, que veñen complementar nun 20% o orzamento que a Igrexa destina a fins moi variados e amplos". Polo tanto, a afirmación presidencial non é certa, en sentido estrito.
En calquera caso, e á marxe de considerar que este non é un asunto que lle preocupe á cidadanía, Feijóo evidencia que "hai un marco, un concordato [co Vaticano] e un acordo", polo que se "remite" a "ese concordato, a ese acordo e á capacidade que teñen os municipios de facer o que consideren oportuno" a respecto do IBI. En calquera caso, a prensa e, por extensión, a cidadanía, quedou sen saber se o presidente cre necesario cobrarlle á Igrexa polos seus edificios alleos ao culto ou a fins sociais.